luns, 6 de decembro de 2021

PARTIDO GALEGUISTA. DOCUMENTOS I e II ASEMBREIA 1931-1932

 

PARTIDO GALEGUISTA. DOCUMENTOS I e II ASEMBREIA 1931-1932
1933
NÓS Pubricacións Galegas e Imprenta. Rúa do Vilar, 15. Santiago.

30 pp ; 25 cm.

O impreso coas actas de constitución do Partido Galeguista nas Asembleas de 1931 (Pontevedra, 5 e 6 de decembro) e 1932 (Compostela, 10 e 11 de decembro) é un documento excepcional.

A declaración previa dos promotores na Primeira Asemblea establece que:

Os grupos representados n’esta Asambreia reúnense d’agora en diante baixo a discipriña e o tiduo de Partido Galeguista e acordan invitar aos demais agrupamentos que coincidan co seu programa a facelo así. Reclama esta solidaridade o estado actual da política galega e a marcha do proceso de reconstrucción da personalidade da nosa Terra. Avala aquela denomiñación o uso xeral da verba “galeguista” no noso pobo pra desiñar todal-as modalidades da exaltación e defensa da galeguidade. Pero nin aquel xuntoiro nin este alcume imprican en ningún abdicación no esforzo ou na doutrina nazonalista.


A Primeira Asemblea do PG pretende reunir baixo unha estrutura común as entidades nacionalistas, autonomistas e galeguistas que de xeito illado viñan participando na política galega.

Entre os asistentes están as Irmandades da Fala da Coruña e Betanzos, as xuntanzas nacionalistas de Santiago, Pontevedra, A Estrada e Viveiro; os grupos autonomistas de Vigo, Arbo, A Cañiza e O Grove, o Partido Nazonalista Repubricán de Ourense e o Partido Galeguista de Pontevedra, principal animador do encontro e onde militan Castelao, Bóveda, Paz Andrade e Cabanillas. Tamén asisten Alonso Ríos e Suárez Picallo representando o galeguismo da emigración.

En total, vinte e dúas organizacións participan na asemblea de constitución, subscribindo a Declaración de principios e o Programa de acción impresos no documento editado por Nós.

Cando se celebra a Segunda Asemblea un ano máis tarde, o partido conta xa con máis de 3.000 afiliados e 60 grupos espallados por Galiza.

Carné do Partido Galeguista de Enrique Peinador Linés
asinado por Alexandre Bóveda como Segredario Xeral


Agora o Partido Galeguista, orgaización de técnica e de democracia, partido minoritario de ideal, empodeirado cara unha Galicia nova, aspira principalmente, a recoller a actividade dos mozos galegos, dirixe as suas actividades â ourentación das masas virxes do noso pobo, no agro e na mariña seguro de que as suas angueiras soerguerán a nosa política dos vellos vezos, ceibarán ô noso esprito do monopolio central e renovarán a vida do noso pobo, a camiñar cara sí mesmo e cara a sua libertade.

Segundo a Asemblea fundadora, o Partido Galeguista asenta en catro principios:

  1. Galiza é unha unidade cultural caracterizada pola lingua, a arte e o espírito.
  2. Galiza é un pobo autónomo que aspira á autodeterminación política dentro da forma de goberno republicana.
  3. Galiza é unha comunidade cooperativa. A terra para o Traballo e o traballo para a Terra.
  4. Galiza é unha célula de universalidade: antiimperialista, federalista, internacional e pacífica.

O programa político aprobado na Asemblea propón a Organización de Galiza como un organismo autónomo dotado das máximas competencias admitidas pola constitución republicana e aspira á desaparición das deputacións, substituídas pola autonomía municipal, recoñecendo ademais a personalidade administrativa de parroquias e comarcas.

Proclama a igualdade de Dereitos Políticos entre homes e mulleres, a representación dos emigrantes, a democracia directa e os mecanismos de control para evitar a corrupción electoral.

Galiza acóllese ás normas internacionais da lexislación do Traballo, coa prohibición do traballo industrial dos menores de 16 anos e facendo compatible o traballo familiar coa formación.

Con respecto ao Problema Agrario foméntase a investigación, a repoboación forestal e libérase de cargas a propiedade rural, extinguindo os foros e fomentando a concentración parcelaria. Establécense tamén beneficios fiscais para os pequenos propietarios.

Fomento Pesqueiro mediante o retorno aos principios colectivistas tradicionais e repoboación dos ríos e as rías.

A Política Fiscal está marcada polo deslinde de Galiza do réxime fiscal do estado, a supresión dos impostos agás os necesarios para financiar os concellos e a creación dun novo imposto progresivo sobre a renda.

En canto á Cultura, o Partido Galeguista propón a soberanía de Galiza sobre o patrimonio cultural e artístico.

Por último e sobre os Problemas Xurídicos, recoñécense as modalidades do dereito civil galego e a igualdade de dereitos para as mulleres casadas no caso de emigración do marido. Ademais, a ampritude do dereito de espropiación que faga posibre a socialización das riquezas naturaes i-empresas económicas e unha extensa municipalización de servicios públicos.

Se o contido da Primeira Asemblea trata de definir politicamente a nova organización, a Segunda procura mirar tamén cara ao interior da organización, artellando a estrutura orgánica do partido.

Os documentos desta Segunda Asemblea están divididos en tres apartados:

  • Programa de acción para os grupos galeguistas.
  • Estatutos do partido.
  • Manifestos do día de Galiza de 1932 e da asemblea.

O programa de acción procura facer dos Grupos Galeguistas axentes activos no desenvolvemento da cultura colectiva, da riqueza de Galiza e da vinculación á cultura universal mediante o desenvolvemento de actividades culturais, políticas, sociais e de intercambio.

Entre outras cousas o programa define as liñas de actuación dos “Grupos Galeguistas”; entes constituídos nas localidades onde haxa máis de dez afiliados.

Os Grupos, na sua actuación colectiva, serán de agora en diante inexorabres no uso da lingua galega.

Ningunha institución autonómica sería eficaz si perdurase o actual control centralista sobre a vida galega.

Ningunha virtude racial ha sere tan estimada pol-os Grupos como a da tolerancia. Porque toda a nosa hestoria é trunfo da mutua comprensión, craro siño difrencial do noso pobo.

Recoñecimento da persoalidade xurídica de Galicia pra a sua autodetermiñación política, sin que esto represente un quebrantamento da solidaridade que nos avencella natural e libremente co estado Hespañol, dentro do réxime repubricán, garantía das nosas libertades e da democracia.

Pol-o contrario do que soen facer as clientelas políticas, os Grupos non encamiñaran o proselitismo nas xentes non formadas no galeguismo ou de deformada conciencia política, senón sobre todo entre aqueles mozos que veñan a nós mais limpos de cobizas e preparados para seren dirixentes da nova política.

Percurarase nas masas populares unha adhesión â idea galeguista e un sentimento de simpatía cara o Partido, pero debe coidarse que as xentes distingan nidiamente as diferencias que arredan âs nosas orgaizacións das clientelas políticas, para que ninguén veña a nós en percura de protección, de sona ou de medro, sinón disposto a todo sacrificio.

É preciso dotar âs nosas xentes de un vivo esprito comunal recollendo os ensiños da nosa cultura gremial e colectivista, respetando a propiedade labrega para renovar a nosa economía rural e dotar â Terra de unha estabilidade social basada na xusticia e no traballo.

 

A intención da Asemblea é facilitar que os Grupos actúen no entorno próximo coa intención de galeguizar o medio, defendendo un novo xeito de facer política á procura do interese común, coa intención de artellar un novo ente político de carácter autónomo, con acción local e singularmente comunitaria, devezo de universalidade e inserido na legalidade republicana.

O volume complétase cos estatutos do Partido e as apelacións á sociedade no día de Galiza e no manifesto da Segunda Asemblea.

Conquerido ou non o Estatuto, pra os galeguistas está reservado un posto de minoría e de oposición na política galega.

O ideal de refacer un pobo é obra de xeneracións, que outorga, é certo a ledicia creadora do traballo, pero non o trunfo brilante da política profesional.

Que ninguén veña a nós en percura do medro ou levado pol-a cobiza do mando. Non queremos perto de nós a clientela dos arrivistas, ou dos non preparados. Que veñan a traballar connosco traia na frente un ideal de Patria e ben chantado no peito un soño de renunciamento.

Diante nós soio hai galegos. Non podemos estabrecer castes. Pra todos, amigos ou adversarios, n’esta hora solene, unha aperta cordial de irmandade na Patria.

Galegos: ¡Terra e Libertade!


 

 

Ningún comentario:

Publicar un comentario