sábado, 31 de maio de 2014

MARGARIDA A DA SORRISA D'AURORA



MARGARIDA A DA SORRISA D’AURORA / Correa Calderón, Evaristo
Debuxos: Xaime Prada
24 de decembro de 1927
Edición NÓS. Real, 36-1º - A CRUÑA
23 p ; 17 Cm.

Margarida a da sorrisa d’aurora é un conto escrito por Evaristo Correa Calderón que foi impreso por Nós na rúa Real da Coruña en decembro de 1927.

Membro das Irmandades da Fala e do Seminario de Estudos Galegos; tamén colaborador en A Nosa Terra e na Revista Nós, a traxectoria vital de Evaristo Correa garda semellanza coa de Euxenio Montes. Ambos compartiron na mocidade a ideoloxía galeguista e participaron activamente na vida cultural do seu tempo até o momento en que, fascinados polo fascismo, ingresaron na Falanxe Española e desde entón deixaron de escribir en galego.

Entre 1923 e 1928 Evaristo Correa publicou tres libros de contos e outro de poemas escritos en galego (2). Margarida a da sorrisa d’aurora presenta a curiosidade de ser o primeiro libro infantil da literatura galega.

O número 58 da revista Nós de outubro de 1928 celebra a publicación do conto:

Esta obriña de Correa Calderón, é un conto, un conto d’ises qu’outrora lían os nenos – hoxe leen revistas de foot-ball, argumentos de películas ou, si acaso, Nick-Carter e Buffalo Bill – e qu’agora leemos os homes. N-il vése a filosofía idílica do autor da Conceición sinxela do ceo. Imprentado en azul con orla bermella e avaliado con tres deseños de Xaime Prada, diz moi ben e xunta a beleza da edizón â beleza literaria. (3)

O relato segue o esquema tradicional dos contos de fadas, como indica Blanca-Ana Roig no seu traballo sobre a Literatura infantil e xuvenil en galego:

Desde o punto de vista estrutural e seguindo as funcións que Propp estableceu para os contos de fadas, observamos que na peciña de Correa Calderón se dá un afastamento (Margarida é afastada do seu fogar). Dáse a prohibición e a transgresión das ordes da avoa e a chegada non recoñecida do heroe, cunha vida e unha peripecia similar á da heroina. Así mesmo, utilízase a función da proba, cando o xograr lle pide á súa muller que se presente ao concurso que organiza o Rei para nomear sucesora. Ó gañalo, dáse outra das funcións: a revelación de que o xograr é fillo do Rei, é dicir a típica anagnórese romántica. E, finalmente, realízase a voda, a función matrimonio de Propp que propicia a felicidade absoluta no reino. (4)

O pequeno relato de Correa trasládanos a un mundo ideal, sen lugar para a simulación nin para a maldade e que está poboado por personaxes dotados dun carácter puro, sen matices, propio dos contos infantís, onde a bondade e a perseveranza son premiadas e abren camiño á felicidade.

Sinopse da obra

Margarida tinha na sua face o cór vermelho das mazás zoadas, cantar de pájaros era o seu falar e-o engado do sol cando nasce a sua sorrisa.

Isto sucedía no tempo antigo, no país da Felicidade. A moza que tiña quince anos e todo nela era dozura, vivía coa súa avoa.

Mais se non o decides a ninguén, vou a contarvos un segredo: aquela velhiña era uma Boa Fada que andaba pol-o mundo.

A fada atopouna abandonada sendo meniña e púxolle por nome Margarida porque era branca e dourada como as flores. Non choraba nunca e só sabía sorrir, así que os xograres déronlle o alcume de Margarida a da Sorrisa d’Aurora.

Se as dúas mulleres vivían na pobreza era porque a fada non quería que tivese orgullo da súa fermosura.

Margarida non podía asomarse a fenestra, porque se a vía algún mozo ja se prendaba d’ela.

Un día pasou pola porta da casa o príncipe Rinaldo o Gentil que ao ver a Margarida namorou dela.

-      Eu ofreszoche os meus castelos, os meus escravos, os meus cás, os meus cabalos, a minha alcurnia...
-      Ainda mais...
-      Ofreszoche os meus tesouros...
-      ¿Tés curazón?
-      Non, iso non. Endejamais tiven necesidade d’il.
-      Pois logo...
-      Pero é que estou namorado...
-      ¡Non podo! Vaite.

Logo pasaron un quincalleiro e un pastor, e Margarida rexeitounos porque tampouco tiñan corazón.

N-isto chamaron â porta.
-      ¿Quén vae?
-      ¡Dénme un gotinho d’auga, que venho de longas terras!
Era un bohemio rapaz e garrido.

O Poeta tiña un corazón que lle enchía o peito e non podía ofrecerlle nada máis.

-      ¡Ai de min! ¡Ti és quen agardaba!
-      Si son eu a quen agardas, ¿quéreste casar comigo?
Ela baijou a cabeza, e o Poeta déulhe uma aperta.
A velha que ouvira todo, baijou amodinho chegou até d’eles e díjolhe:
-      Senhas benvido. Entrégoche uma margarida inocente e singela como as da campía
Aos poucos días casáronse para sempre.

Pero entón caeu doente o rei do país da Felicidade: un home bo, moi vello e querido polos súbditos, e que non tiña sucesor.

Non tenho fillos nin sobrinhos, nin nada. O único filho que tinha desapareceume cando era neno. Quen m’ha soceder?

E o rei decidiu que había sucedelo a muller do reino que tivese o sorriso máis belido. Os pregoeiros espallaron a nova e o Poeta animou a Margarida a presentarse.

Os conselleiros elixiron cinco candidatas. Entre elas o rei escolleu a Margarida, quen esvaeceu da emoción e cando o Poeta acudiu para bicala na fronte, decatouse da semellanza co fillo roubado cando neno.

-      Senhor Rei, non se esqueza de que seu filho tinha no peito, un trébole de catro folhas...
-      ¡Ai, é verdade!
Foise junto do Poeta e perguntoulhe:
-      ¿Tés alguma sinhal no peito?
-      Tenho sobor do meu curazón un rojo trébole de catro folhas. Eu fun sempre o mensajeiro da Felicidade...
Aquel día houbo festa e ilumiaciós no Pazo Real, e tres anos despois o Rei Velhinho jogaba nos jardís reás c’un neto que ainda non se tinha ben.

(1)    Fonte da imaxe de Evaristo Correa Calderón: chonchabonet.wordpress,com
(2)    Luar (Céltiga. Ferrol, 1923), Conceición singela do ceo (Libredon-El Eco de Santiago. Santiago de Compostela, 1925), Margarida a da sorrisa d’aurora (Nós. A Coruña, 1927), Ontes (Imprenta Palacios. Lugo, 1928)

Conceición singela d'o ceo / Luar
(3)    Margarida a da sorrisa d’aurora. Os homes, os feitos, as verbas. Revista Nós nº 58. 15 de outono de 1928. Este comentario anónimo foi escrito con toda probabilidade por Vicente Risco.
(4)    A literatura infantil e xuvenil en galego dende 1900 a 1950. Blanca-Ana Roig Rechou. Boletín Galego de Literatura nº 15-16. 1996.


sábado, 24 de maio de 2014

ENSAYO HISTÓRICO SOBRE LA CULTURA GALLEGA



ENSAYO HISTÓRICO SOBRE LA CULTURA GALLEGA / Otero Pedrayo, Ramón
27 de xullo de 1933
Biblioteca Murguía II – Nós, Pubricacións Galegas e Imprenta, Rúa do Vilar 15, Santiago
224 páx. ; 22,5 cm.

O libro Ensayo histórico sobre la cultura gallega de Ramón Otero Pedrayo, segundo e último volume da Biblioteca Murguía creada por Nós para recoller as obras dos escritores galegos escritas en castelán, foi editado en Compostela en xullo de 1933

Otero escribiu esta obra en castelán entre outono e inverno de 1930 para ser publicada na Biblioteca de Estudios Gallegos da Compañía Ibero Americana de Publicaciones, dirixida por Álvaro de las Casas, onde o autor tiña publicado en 1928 o libro: Paisajes y problemas geográficos de Galicia. A cancelación desta colección integrada por volumes dedicados a Galiza e dirixida aos lectores casteláns, fixo que finalmente fose Ánxel Casal quen publicara a obra respectando o idioma orixinal en que foi concibida.

O libro ten unha segunda edición publicada na Arxentina en 1939.(2)

O número 118 da revista Nós, de outubro de 1933, incorpora un comentario crítico sobre o libro destacando o acerto de Otero ao procurar a personalidade de Galiza “onde verdadeiramente está: na cultura e non na políteca”.

Otero adonouse da corrente central da nosa cultura, da sua sinificación fonda, da sua ialma invisíbele, e o que nos dá n-iste libro forte e sugestivo é o interno proceso criador, o senso inmorrente da cultura galega.(3)

2ª Edición. 1939
O autor realiza un percorrido emocional polo desenvolvemento cultural de Galiza comezando polo substrato étnico de raíz celta, onde Otero atopa xustificación psicolóxica para a súa propia personalidade:

… en la ausencia de una rígida dogmática, en la tendencia a la ensoñación y a la figuración de vidas que él nunca podrá vivir, en una enorme ironía, en la sucesión arbitraria de exaltaciones y depresiones aún bajo la aparente solidez de una vida disciplinada. Es decir, en el vago deseo de otra cosa, manifestado en entusiasmos imaginativos o en contraria y paralela ironía o acerba crítica.

Sinopse da obra

EL FONDO ÉTNICO

Antes da chegada dos romanos un pobo enorme e unánime cubría a terra identificado coa paisaxe creadora da eternidade vital de Galiza, asentado nun tapiz de pequenas células vitais.

LAS ÁGUILAS DEL IMPERIO Y LA BARCA APOSTÓLICA

O cristianismo impuxo a súa doutrina sobre esta primeira capa cultural coñecida como un fenómeno paralelo á romanización e o panteísmo e a vella tradición oral tiveron que adaptarse ao novo marco de referencia. Otero cita como exemplo de sincretismo a chegada do Apóstolo e a súa conexión co culto lítico previo.

Este proceso de asimilación é narrado apaixonadamente por Otero, home de fondas conviccións relixiosas.

GNOSIS Y CATOLICISMO

O autor interpreta o Priscilianismo como a adaptación da relixiosidade céltica ao mundo católico.

Aún sinceramente cristiano, Prisciliano quiso adaptar Galicia y el Occidente a una forma de cristianismo la más próxima al viejo sentimiento celta del mundo y del ultramundo, y fue gnóstico.

Os textos de Prisciliano, o primeiro teólogo de Galiza, constitúen a primeira expresión escrita do espírito galego.

LAS HOGUERAS DE SAN MARTÍN

San Martiño foi responsable non só de certificar a conversión dos galegos ao catolicismo, senón tamén de expulsar a relixión celta da esfera pública.

San Martín, catequizó definitivamente a Galicia. Todo lo definitivamente que puede ser sometido el radical panteismo de un pueblo celta.

Os Suevos foron absorbidos polos galegos logo de se converter ao catolicismo, ensaiando na Galiza a primeira forma dun estado ibérico. Idacio narra a creba deste imperio, derrotado polos Godos.

Os textos de San Martiño Dumiense en contra do politeísmo poden considerarse os primeiros escritos medievais.

Gracias a la superior cultura, a la experiencia, de las luchas apostólicas, al florecer de la vida monástica, la iglesia gallega pudo entrar en la Edad Media con grandes posibilidades de energía y dueña de una tradición vital.

LA GALAXIA EXPLICADA

A invención do sepulcro en Compostela, “num monte muy espeso de muytos árvores et silvas” enxerta definitivamente o catolicismo no renovado tronco anterior, envolto aínda na bruma do celtismo.

Os pequenos cenobios antigos que gardaron acesa a lámpada da cultura son substituídos polos grandes mosteiros. O clero, con todos os seus vicios, ocupou o lugar que debería corresponder aos condes galegos, inicio das poderosas dinastías feudais e que non souberon estar á altura da súa función.

LA ARCHIVOLTA FLORIDA

O estilo bizantino promovido por Suevos e Visigodos deixa paso ao románico, que na escultura espallou por Europa a forma inicial do novo espírito de Occidente.

Aquellas arquitecturas hablan el griego de los lejanos basileus (...) Es un espíritu de tierras cálidas y secas y en sus mármoles demasiado abstractos, impersonales, mágicos, no prenden las vegetaciones del clima gallego.

Otero explica Galiza como céltica, románica e barroca, e Xelmírez encarna os devezos deste tempo románico.

Bajo él Galicia llegó a la unanimidad de pensamiento porque la sentía como una realidad, y la hizo base del culto de Santiago, algo indiscutido y respetado en toda la comunidad cristiana.

O románico acadou a máxima expresión con Mateo, materializado dun xeito radiante na porta de Santiago. Nesta época remata o mapa histórico e o plano esencial das cidades, e Galiza séntese segura interpretando o románico como unha lingua propia. Mesmo nos séculos oxivais, este segue a envolver todos os aspectos e rumbos da vida.

LA SELVA ENCANTADA

A irrupción da poesía galego-portuguesa supón a primavera do romance hispano occidental.

No es jardín de eruditos sino fronda, bosque, necesario al paisaje histórico de Galicia y del mundo.

LOS CAMINOS DEL MUNDO

La iglesia compostelana siempre cantó un aniversario a Carlomagno y sea o no cierta la peregrinación del emperador, la tradición adquiere la profunda realidad de un símbolo pues Carlomagno es toda la Edad Media en intención, en valor sintetizado.

Por primeira vez desde as rutas indecisas dos procuradores de metais nos comezos da historia, os camiños europeos converxen nun destino. Os peregrinos representan o movemento da conciencia vital creadora da unidade europea; a voz conxunta da variada Europa soando por vez primeira na historia.

Bajo la bóveda de Compostela se curvaron todas las variedades humanas del medievo.

LA OJIVA Y LA ESPADA

Galiza fica lonxe dos centros de poder na Baixa Idade Media e os caudillos languidecen atrapados en loitas tan estériles como esgotadoras.

Hombres realistas, sin la cultura quizá pero con el pleno espíritu de los príncipes del Renacimiento italiano que en Galicia no crearon ni un intento de Estado.

O libro característico desta época xa non é o Códice Calixtino senón a Relación de Vasco da Ponte.

Este tempo tamén ven caracterizado polo apelido Fonseca, entroncado co plateresco galego, coa Universidade e tamén co comezo da Galiza provincial.

EL PONIENTE BARROCO

No campo galego gobernan os señoríos fidalgo e eclesiástico, mentres nas cidades os oficios forman novos grupos sociais.

Santiago era capital indiscutible a pesar de la opulencia de las ciudades de la marina. La sosegada y profunda vida de los pazos de la montaña, de Arosa, del Ulla se continuaba con más urbanidad y etiqueta en los palacios de las ruas compostelanas.

A personalidade de Galiza soubo expresarse neste século mediante a arquitectura e a erudición. A primeira representa o devezo do alén e acada o seu cumio na fachada do Obradoiro. Na segunda destacan as figuras de Feijóo e Sarmiento, chamados a reintegrar España na sociedade europea.

ESPERANZA Y REALIDAD

El día 30 de mayo de 1808 acaba un siglo, el XVIII, condensación final, radioso crepúsculo, de los siglos anteriores. Entramos en el discutido, contradictorio y fuerte XIX.

Os burgueses das cidades decláranse unanimemente liberais. No agro, os comerciantes, maioritariamente casteláns, substitúen os fidalgos e procuran influencias políticas para se converter en caciques.

Pero estaba rota la bella armonía dieciochesca entre el pazo y la aldea.

Sucédense as revolucións: 1837, 1848, 1868; e tamén xorden decontino personalidades destacadas: Varela Montes, Casiano del Prado, Saco y Arce, Antonio Neira, Vesteiro Torres...

No XIX agroma o Rexionalismo, froito serodio da rexeneración e os seus patriarcas indiscutidos foron Pondal e Murguía.
Da man do Romanticismo representado por Rosalía, Curros e Pondal, Galiza renace espiritualmente.

Un pueblo que produjo tales poetas, bien podía ya en el XIX, a pesar de las apariencias, sentirse seguro del porvenir.

O libro conclúe enumerando os nomes prometedores incorporados ao Galeguismo no século XX, como unha nova onda superposta sobre as xeracións anteriores.

Una generación ya madura en diversas escalas y en plena labor poética, ensayística, crítica, novelística – Cabanillas, Noriega, Risco, Villar Ponte, Armando Cotarelo – alterna con otra de nombres jóvenes – Bouza Brey, Augusto y Álvaro de las Casas, Filgueira, Manuel Antonio y Amado Carballo, los dos últimos muertos (...) un pensamiento que se afirma valiente en los nombres de Eugenio Montes y Rafael Dieste, indiscutibles jefes de una juventud, que tal vez al escribir estas líneas haya dado un paso formidable. Pero hemos de terminar señalando el hecho de una continuidad índice de la interna fuerza unánime en el tiempo, pues no se oponen Castelao y Cabanillas a los llamados nuevos. Las dos generaciones trabajan con el mismo anhelo, la misma inmortal “materia gallega”, con la pasión de la individualidad y la segura posesión de los métodos.

(1)    Fonte da imaxe de Ramón Otero Pedrayo: fundacionoteropedrayo.org
(2)    Historia de la cultura gallega. 2ª ed. Emecé Editores. Buenos Aires. 21 de noviembre de 1939.
(3)    Ensayo histórico sobre la cultura galega. Os homes, os feitos, as verbas. Revista Nós nº 118. 15 de outono de 1933. Esta nota anónima probablemente foi escrita por Vicente Risco.