RECHOUCHÍO / Álvaro
de las Casas
Nós, Pubricacións Galegas. Compostela, 22 de marzo de 1936
Nós, Pubricacións Galegas. Compostela, 22 de marzo de 1936
NÓS, Volume LXXIV
38 pp ; 17,5 cm.
A peza teatral Rechouchío
foi escrita por Álvaro María das Casas
Blanco e publicada por Nós en Santiago de Compostela en marzo de 1936.
Segundo informa Xavier
Castro na edición facsímile da peza editada por Toxosoutos en 2014, existe unha segunda edición impresa por Emecé Editores o 3 de novembro de 1939
en Bos Aires, ano de fundación da editorial.
A edición orixinal foi unha das últimas obras editadas
por Ánxel Casal, quen entre 1926 e
1936 deu ao prelo oito libros escritos por Álvaro
das Casas:
1926 – O xardín do castelo de Vidre (Lar)
1927 – Ladaíña (Lar)
1929 – A morte de Lord Staüler (Nós)
1931 – Pancho de Rábade (Nós)
1931 – 3 conversas (O tolo de Lastra,
Dente d-ouro, A gabilla) (Nós)
Dente d-ouro, A gabilla) (Nós)
1935 – Matria (Nós)
1936 – Rechouchío (Nós)
1936 – Mitin (Nós)
E todas elas, a excepción de Ladaíña –novela curta –, foron pezas dramáticas, facendo de Álvaro
das Casas o principal animador do teatro galego do seu tempo e, axudado polos cadros de declamazón constituídos por
toda Galiza, contribuíu a espallar as representacións dramáticas coa
intención de normalizar o uso do galego nos escenarios e afastalo do rexistro
chocalleiro ao cal estaba restrinxido.
Rechouchío é unha
peza breve, concibida para ser representada por un reducido grupo de actores,
onde o autor celebra a xeira do ano e a vitoria da primavera sobre o inverno.
A acción localízase nun xardín idílico que recorda o ambiente
máxico do Soño dunha noite de verán.
Un xardín florescido
tal coa maxinan os nenos nos seus ensoños de pecado venial. Arbres de toda
caste que se esparexen na multipricación de todal as cobizas: os uns lanzás,
como os alciprestes señorís dos romances vellos, e os outros grosos, tépedos,
como os castiñeiros dos soutos petruciás (...)
Oito fadas danzan vestidas de branco e coroadas con
flores arredor de Novelúa, quen
sente esvaer a mocidade, como tamén a natureza naufraga no inverno.
Novelúa. A mocidade váiseme nesta soedá de amores.
Outra fada. Virá un emperador a xogar nos teus brazos como as ondas na areia do plaial, náuta esperto no estreito dos teus seos ardidos, camiñante sedento na auguriada procura da tua boca bermella.
Novelúa. Seca de beixos nunca devolvidos.
Outra fada. Virá un emperador a xogar nos teus brazos como as ondas na areia do plaial, náuta esperto no estreito dos teus seos ardidos, camiñante sedento na auguriada procura da tua boca bermella.
Novelúa. Seca de beixos nunca devolvidos.
As fadas prometen tecer un feitizo de amor, pero antes procuran
advertila narrando historias rematadas todas elas por unha sentenza amarga.
Logo déixana embaixo da estatua de Niké e recitan os esconxuros mentres ela cae nun sono de morte.
Ao romper o día, o xardín recende a primavera. Desde as
árbores chegan os rechouchíos dos xílgaros e Novelúa esperta soñando co amor.
Entran as oito fadas
cobertas de veos azús, deleitosamente traslúcidos. Andan en ritmos de gavota e
préndense das mans, como as nenas na roda.
As fadas traen ofrendas canda elas: un ramo de lilainas
do xardín da raíña de Saba, alecrín collido ao pé das fontes míticas de
Castalia, unha coroa de chorimas apañadas nas serras ermas e tamén un mangado
de margaridas como soles.
Novelúa pousa as flores ao pé da estatua de Mercurio.
Hermes, Hermes
piedoso: pon asas aos meus pés para choutar o mundo, vestal dos fogos místicos
de todol-os amores.
Entre as árbores xorde Ronsel como un asubío para declarar o seu amor, e o mariñeiro e o labrego, representación do pobo galego, dan fe da unión con
Novelúa. O primeiro evoca a liberdade e o segundo a tradición.
O Mariñeiro. Con verbas dos
salseiro a estoupar contra os cons e a bruar nos baixíos, en nome dos encantos
dos mares universos, bendigo e loubo este voso ledo casorio.
O Labrego. Loubo voso casorio
en nome das montanas e as penicháns esgrevias, en nome dos ribeiros e as searás
forás, en nome dos lameiros e das sebes herdadas.
A terra e o mar bendicen os amores e as oito fadas cantan
e danzan celebrando a vitoria da primavera.
Novelúa: Bailai fadas amigas, a danza que
enfeitiza os casorios sagrados.
Danzan as fadas, en
redor de Ronsel e Novelúa, un vals apaixoado e brilante deses que se cobizan
sempre e non se bailan nunca. No final os amantes, apertados, botan o berro
céltigo dos trunfos.
Ei!