xoves, 18 de abril de 2019

RECHOUCHÍO


RECHOUCHÍO / Álvaro de las Casas
Nós, Pubricacións Galegas. Compostela, 22 de marzo de 1936
NÓS, Volume LXXIV
38 pp ; 17,5 cm.

A peza teatral Rechouchío foi escrita por Álvaro María das Casas Blanco e publicada por Nós en Santiago de Compostela en marzo de 1936.

Segundo informa Xavier Castro na edición facsímile da peza editada por Toxosoutos en 2014, existe unha segunda edición impresa por Emecé Editores o 3 de novembro de 1939 en Bos Aires, ano de fundación da editorial.

A edición orixinal foi unha das últimas obras editadas por Ánxel Casal, quen entre 1926 e 1936 deu ao prelo oito libros escritos por Álvaro das Casas:

1926 – O xardín do castelo de Vidre (Lar)
1927 – Ladaíña (Lar)
1929 – A morte de Lord Staüler (Nós)
1931 – Pancho de Rábade (Nós)
          1931 – 3 conversas (O tolo de Lastra,
          Dente d-ouro, A gabilla) (Nós)
1935 – Matria (Nós)
1936 – Rechouchío (Nós)
1936 – Mitin (Nós)


E todas elas, a excepción de Ladaíña –novela curta –, foron pezas dramáticas, facendo de Álvaro das Casas o principal animador do teatro galego do seu tempo e, axudado polos cadros de declamazón constituídos por toda Galiza, contribuíu a espallar as representacións dramáticas coa intención de normalizar o uso do galego nos escenarios e afastalo do rexistro chocalleiro ao cal estaba restrinxido.

Rechouchío é unha peza breve, concibida para ser representada por un reducido grupo de actores, onde o autor celebra a xeira do ano e a vitoria da primavera sobre o inverno.

A acción localízase nun xardín idílico que recorda o ambiente máxico do Soño dunha noite de verán.

Un xardín florescido tal coa maxinan os nenos nos seus ensoños de pecado venial. Arbres de toda caste que se esparexen na multipricación de todal as cobizas: os uns lanzás, como os alciprestes señorís dos romances vellos, e os outros grosos, tépedos, como os castiñeiros dos soutos petruciás (...)

Oito fadas danzan vestidas de branco e coroadas con flores arredor de Novelúa, quen sente esvaer a mocidade, como tamén a natureza naufraga no inverno.

Novelúa. A mocidade váiseme nesta soedá de amores.
Outra fada. Virá un emperador a xogar nos teus brazos como as ondas na areia do plaial, náuta esperto no estreito dos teus seos ardidos, camiñante sedento na auguriada procura da tua boca bermella.
Novelúa. Seca de beixos nunca devolvidos.

As fadas prometen tecer un feitizo de amor, pero antes procuran advertila narrando historias rematadas todas elas por unha sentenza amarga.

Logo déixana embaixo da estatua de Niké e recitan os esconxuros mentres ela cae nun sono de morte.

Ao romper o día, o xardín recende a primavera. Desde as árbores chegan os rechouchíos dos xílgaros e Novelúa esperta soñando co amor.

Entran as oito fadas cobertas de veos azús, deleitosamente traslúcidos. Andan en ritmos de gavota e préndense das mans, como as nenas na roda.

As fadas traen ofrendas canda elas: un ramo de lilainas do xardín da raíña de Saba, alecrín collido ao pé das fontes míticas de Castalia, unha coroa de chorimas apañadas nas serras ermas e tamén un mangado de margaridas como soles.

Novelúa pousa as flores ao pé da estatua de Mercurio.

Hermes, Hermes piedoso: pon asas aos meus pés para choutar o mundo, vestal dos fogos místicos de todol-os amores.

Entre as árbores xorde Ronsel como un asubío para declarar o seu amor, e o mariñeiro e o labrego, representación do pobo galego, dan fe da unión con Novelúa. O primeiro evoca a liberdade e o segundo a tradición.

O Mariñeiro. Con verbas dos salseiro a estoupar contra os cons e a bruar nos baixíos, en nome dos encantos dos mares universos, bendigo e loubo este voso ledo casorio.
O Labrego. Loubo voso casorio en nome das montanas e as penicháns esgrevias, en nome dos ribeiros e as searás forás, en nome dos lameiros e das sebes herdadas.

A terra e o mar bendicen os amores e as oito fadas cantan e danzan celebrando a vitoria da primavera.

Novelúa: Bailai fadas amigas, a danza que enfeitiza os casorios sagrados.

Danzan as fadas, en redor de Ronsel e Novelúa, un vals apaixoado e brilante deses que se cobizan sempre e non se bailan nunca. No final os amantes, apertados, botan o berro céltigo dos trunfos.

Ei!

(1)   Fonte da imaxe de Álvaro das Casas: bvg.udc.es
 

Ningún comentario:

Publicar un comentario