sábado, 23 de febreiro de 2019

MÁMOAS DO SAVIÑAO


MÁMOAS DO SAVIÑAO / Florentino López Cuevillas, Antonio Fraguas e María Pura Lorenzana
10 de maio de 1930
Nós, Pubricazóns Galegas e Imprenta. Avenida de Linares Rivas, 50. A Cruña
29 p ; 25 Cm.

O traballo Mámoas do Saviñao. A anta de Abuime e a necrópole do Monte da Morá foi escrito conxuntamente por Florentino López Cuevillas, Antón Fraguas Fraguas e Pura Lorenzana Prada e impreso pola editorial Nós na avenida de Linares Rivas da Coruña, en 1930.
A separata forma parte dos traballos elaborados pola Sección de Prehistoria do Seminario de Estudos Galegos e tamén foi incluída no quinto volume dos Arquivos do Seminario, publicados por Nós ese mesmo ano.
Estes foron os últimos textos editados por Casal na Coruña por conta do SEG, pois tanto os difíciles momentos económicos polos que pasaba a editorial como as dificultades para comunicarse cos autores da institución, obrigárono a trasladarse a Compostela en 1931 para preservar unha das escasas fontes de ingresos recorrentes da editorial Nós.

O traballo sobre as mámoas do Saviñao foi financiado cunha bolsa pola Comisión de Estudios en Galicia, promovida pola Junta para la Ampliación de Estudios e Investigaciones Científicas. (4)

Tres investigadores integraron o equipo coordenado por Florentino López Cuevillas, director da sección de Prehistoria do SEG desde a súa constitución en 1926, Antón Fraguas, colaborador nas seccións de Xeografía, Etnografía e Folclore, e Prehistoria, e Pura Lorenzana, quen ingresou no Seminario coa lectura deste traballo.
Para realizar o estudo, os autores visitaron as terras do Saviñao, situadas no occidente do Val de Lemos, e que a maiores integran parroquias dos concellos veciños de Monforte e Pantón.
A anta de Abuíme está situada na división das augas do Miño e o Cabe, preto da aldea de Abuíme. Dos dez chantos que formaron o monumento orixinal, no momento de redactar o traballo ficaban en pé os mesmos cinco que poden verse hoxe en día, formando unha cámara poligonal.
Tampouco daquela había rastros das laxes da cuberta, porque os continuos rexistros e depredacións efectuados por pedreiros e labregos deixaron a anta practicamente esborrallada.
A necrópole do monte da Morá pode visitarse a menos dun quilómetro dos castros de Vilar de Ortelle e Santa Mariña, entre os concellos de Pantón e o Saviñao.
En 1930 conservábanse once mámoas, situadas dez delas no devalo do monte en dirección ao Cabe e outra máis na vertente do Miño.
O chan das mámoas evidenciaba numerosos cacheos, e non obstante os investigadores atoparon nel un machado alongado de serpentina puída, varias puntas de frecha de pedernal, unha pedra para raspar, fragmentos de muíños de man, doas de turquesa semellantes a outras atopadas en Portugal e unha en particular do tipo predominante en Bretaña, cristais pequenos de seixo de xeito natural, sen lascado nin furados, e pezas cerámicas, mesturadas algunhas de orixe castrexa con outras romanas.
Actualmente, a maioría das mámoas foron arrasadas por causa dos traballos realizados durante unha repoboación forestal, conservándose dúas en relativo bo estado e outras catro moi danadas. Sobre un dos túmulos ergueuse no ano 2002 unha torre eléctrica. (7)
As mámoas do Saviñao dannos a coñecer cámaras sinxelas ou con comenzo de corredor do tipo pouco evoluzoado corrente nas terras do noroeste, e o machado, as puntas de frecha, a cerámica lisa, os muíños de man e os cristaíños de seixo veñen servir únicamente como elementos probatorios da estensión (...) En canto ô callaïte (turquesa) diremos tan soio que o seu achádego pon de manifesto os contactos de Galiza con outros países, que poden seren n-iste caso o Portugal do sul do Douro ou aínda a mesma Bretaña.
O traballo remata cunhas notas folclóricas de tradición oral sobre a aparición de tesouros e a presenza dos mouros na necrópole, recollidas polos investigadores entre os veciños, un dos cales, Camilo Parga, relata o seguinte suceso:
Os mouros aínda hai pouco andiveron por eiquí. Sendo eu rapaz de 14 anos, vin dous sobre a mamoíña de Rebuxós. Ian vestidos c-unhas baetas encarnadas que relumbraban como o cristal. Vinos eu indo de camiño mais cando quixen reparar ben n-iles xa desapareceran i-entón decateime de que tiñan que seren os mouros e de que ningún xeito eran homes coma nós.
(1)   Fonte da imaxe de Florentino López Cuevillas: lavozdegalicia
(2)   Fonte da imaxe de Antonio Fraguas: galiciadigital.com
(3)   Fonte da imaxe de Pura Lorenzana: culturagalega.org
(4)   “Institución creada en 1907 no marco da Institución Libre de Enseñanza, para promover a investigación e a educación científica en España. Presidida por Santiago Ramón e Cajal desde a súa fundación até a súa morte en 1934. Foi desmantelada en 1939 tras a derrota republicana na Guerra Civil, e a partir da súa estrutura creouse o Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC)”. Texto Galipedia
(5)   Foto da Anta de Abuíme. Fonte: Patrimonio Galego
(6)   Foto da necrópole do monte Morá. Fonte: La Voz de Galicia

Ningún comentario:

Publicar un comentario