mércores, 1 de agosto de 2018

MATRIA


MATRIA / Álvaro das Casas
Edición Nós, rúa do Vilar, 15. Santiago, 23 de abril de 1935
NÓS, Volume LXX
48 pp ; 18 cm.

A peza teatral Matria escrita por Álvaro das Casas foi publicada por Nós en Santiago de Compostela en abril de 1935, oitenta e nove aniversario do fusilamento dos Mártires de Carral.

Álvaro das Casas foi un dos autores teatrais máis prolíficos do seu tempo, publicando dez pezas entre 1926 e 1936:

1926 – O xardín do castelo de Vidre (Lar)
1929 – A morte de Lord Staüler (Nós)
1930 – O outro (Alauda)
1931 – Pancho de Rábade (Nós)
          1931 – 3 conversas (O tolo de Lastra, Dente
                   d-ouro, A gabilla) (Nós)
1935 – Matria (Nós)
1936 – Rechouchío (Nós)
1936 – Mitin (Nós)

Matria é unha fábula patriótica que invita a rebelarse contra os que pretenden destruír a esencia tradicional de Galiza e particularmente contra a nova caste comercial estranxeira, ignorante das tradicións e que despreza o idioma, chegada para substituír os antigos señores da terra en representación do poder colonial.

A novidade con respecto a outros textos anteriores do mesmo autor radica en que enxalza a revolta armada, relacionando o conflito coa revolución de abril de 1846 e o fusilamento dos doce Mártires en Carral.

Nesta obra Álvaro das Casas fálanos de Nela, a nai que representa a Galiza mentres recibe os tres fillos na cociña da humilde casa labrega. Un atrás do outro manifestan a decisión de emigrar para desquitarse da miseria que abafa a familia.

Primeiro é Xelo quen desoe a petición da nai.

Xelo. O casal afúndese e deiquí a pouco andaremos pol-as portas, como os pobres de Deus. (...)
Nela. Deus nos deparará sempre unha cunca de leite pra pasar o día; os paxaros do ceo teñen niño, os animás máis ruins teñen seu toco, a campía florez en cada primaveira. Os meus peitos resexos poideron vos manter e agora vexo tamén que foi un milagre de Deus.
Xelo. Pasas fame, eu ben o sei, pra que nos teñamos un compango. Vóume deiquí; quero traballar.
Nela. Traballos abondan.
Xelo. Máis ao menos gozarei de liberdade; na Terra estamos agrilloados de máns e pés. Nen o ar que alentamos é noso.
Nela. Qué tencionas facer?
Xelo. Xa teño mercado a roda: vóume de afiador a correr todol-os camiños do mundo. Gañarei diñeiro, serei rico, voltarei co peto acugulado de onzas pra tornarche as miserias. Peluconas das finas!

Nela non foi sempre pobre. É da estirpe dos Albán e naceu no pazo de Manle, onde coñeceu tempos de fartura. Pero o patrimonio perdeuse e agora pide a Xelo vinganza contra os que traizoaron a familia.

Logo de Xelo entra na cociña o cativo Bastián. El tamén quere marchar.

Bastián. Eiquí esmorezo de angurias: non temos nada, búlranse de nós, andamos de emprestado. Os negreiros da tenda fan escarnio desta febleza miña hastra en pedir cativa.
Nela. Xentes estranas son que non entenden do que a nós acontez. Viñeron de outras terras. Trátannos como a escravos; non consinto que me aldraxen eisí.

Bastián laiase porque foron vencidos por homes doutro país e agora todo é deles. Decide marchar a América para se converter tamén el nun conquistador coa intención de volver e restablecer a casa fidalga.

Por último chega Xohan. Enrolouse como mariñeiro e pensa facer fortuna percorrendo os mares para poñela aos pés da nai.

Nela. Verbas da nosa fala arumaron as oito enfilacións dos ventos.
Xohan. Na escuadra que terei â goleta onde eu vaia héille poñer o teu nome.
Nela. Madanela!
Xohan. Non, non: Santa Nela de Albán! E ti verás que groria. En cada terra que pisemos falareille aos escravos e diréilles: enriba, ergueivos xa, coitados! Cada pobo é señor da terra en que se fixo; vós sondes tanto ou máis como o imperio máis forte do mundo, moito máis, porque eles escravizan a vosa liberdade.

Tempo despois Bastián volve á aldea, doente e esmirrado, e morre unha semana máis tarde.

Tamén regresa Xelo poñéndose á cabeza da revolución contra o goberno, sublevando os coutos e reclamando a redución dos trabucos.

Delaira. Foron eses ladróns dos tendeiros que o puxeron nas máns da tropa
Cantina. Olla que botou contra eles. Téñolle ouvido xurar por Deus non acougar hastra botar fora da Terra a todol-os estranxeiros.
O coro das mulleres. Ai quen vise âs herdades limpas de herbas estranas!

Estoura a revolución e os camiños énchense de homes con gadañas e fouces. Xelo morre, desangrado, pero a revolución no se detén. O exército dos labregos enfronta cos soldados e moitos morren.

Mentres o coro chora as mortes de Xelo e Nela, Xohan entra na casa.

Xohan. Eu ainda vivo pra vingar a matanza. Horas son andadas e compre queimar o pobo enteiro: o ar está abafado de cheiros aldraxantes. E a miña nai? Morreu? Eso coidades vós: en cada pinga do meu sangue vive; síntoa dentro de mín como se sinte o alento. Eiquí estou pra vivir entre os mortos habidos, pra abrir os sartegos e pôr en pé aos difuntos nas invitas lexións dos guerreiros sagrados que gostan de sair da infame servidume. Alento, irmáns da Patria! A goleta perdeuse; a nosa espranza non.


(1)   Fonte da imaxe de Álvaro das Casas: bvg.udc.es