MATRIA / Álvaro
das Casas
Edición Nós, rúa do Vilar, 15. Santiago, 23 de abril de 1935
Edición Nós, rúa do Vilar, 15. Santiago, 23 de abril de 1935
NÓS, Volume LXX
48 pp ; 18 cm.
A peza teatral Matria
escrita por Álvaro das Casas foi publicada
por Nós en Santiago de Compostela en abril de 1935, oitenta e nove aniversario
do fusilamento dos Mártires de Carral.
Álvaro das Casas foi un dos autores teatrais máis
prolíficos do seu tempo, publicando dez pezas entre 1926 e 1936:
1926 – O xardín do castelo de
Vidre (Lar)
1929 – A morte de Lord Staüler
(Nós)
1930 – O outro (Alauda)
1931 – Pancho de Rábade (Nós)
1931 – 3 conversas (O tolo de
Lastra, Dente
d-ouro, A gabilla) (Nós)
d-ouro, A gabilla) (Nós)
1935 – Matria (Nós)
1936 – Rechouchío (Nós)
1936 – Mitin (Nós)
Matria é unha
fábula patriótica que invita a rebelarse contra os que pretenden destruír a
esencia tradicional de Galiza e particularmente contra a nova caste comercial
estranxeira, ignorante das tradicións e que despreza o idioma, chegada para substituír
os antigos señores da terra en representación do poder colonial.
A novidade con respecto a outros textos anteriores do
mesmo autor radica en que enxalza a revolta armada, relacionando o conflito coa
revolución de abril de 1846 e o fusilamento dos doce Mártires en Carral.
Nesta obra Álvaro das Casas fálanos de Nela, a nai que representa a Galiza mentres
recibe os tres fillos na cociña da humilde casa labrega. Un atrás do outro
manifestan a decisión de emigrar para desquitarse da miseria que abafa a
familia.
Primeiro é Xelo
quen desoe a petición da nai.
Xelo. O casal afúndese e deiquí a pouco
andaremos pol-as portas, como os pobres de Deus. (...)
Nela. Deus nos deparará sempre unha cunca de
leite pra pasar o día; os paxaros do ceo teñen niño, os animás máis ruins teñen
seu toco, a campía florez en cada primaveira. Os meus peitos resexos poideron
vos manter e agora vexo tamén que foi un milagre de Deus.
Xelo. Pasas fame, eu ben o sei, pra que nos
teñamos un compango. Vóume deiquí; quero traballar.
Nela. Traballos abondan.
Xelo. Máis ao menos gozarei de liberdade; na
Terra estamos agrilloados de máns e pés. Nen o ar que alentamos é noso.
Nela. Qué tencionas facer?
Xelo. Xa teño mercado a roda: vóume de afiador
a correr todol-os camiños do mundo. Gañarei diñeiro, serei rico, voltarei co
peto acugulado de onzas pra tornarche as miserias. Peluconas das finas!
Nela non
foi sempre pobre. É da estirpe dos Albán
e naceu no pazo de Manle, onde
coñeceu tempos de fartura. Pero o patrimonio perdeuse e agora pide a Xelo vinganza contra os que traizoaron
a familia.
Logo de Xelo
entra na cociña o cativo Bastián. El
tamén quere marchar.
Bastián. Eiquí esmorezo de angurias: non temos
nada, búlranse de nós, andamos de emprestado. Os negreiros da tenda fan
escarnio desta febleza miña hastra en pedir cativa.
Nela. Xentes estranas son que non entenden do
que a nós acontez. Viñeron de outras terras. Trátannos como a escravos; non
consinto que me aldraxen eisí.
Bastián laiase
porque foron vencidos por homes doutro país e agora todo é deles. Decide
marchar a América para se converter
tamén el nun conquistador coa intención de volver e restablecer a casa fidalga.
Por último chega Xohan.
Enrolouse como mariñeiro e pensa facer fortuna percorrendo os mares para poñela
aos pés da nai.
Nela. Verbas da nosa fala arumaron as oito
enfilacións dos ventos.
Xohan. Na escuadra que terei â goleta onde eu
vaia héille poñer o teu nome.
Nela. Madanela!
Xohan. Non, non: Santa Nela de Albán! E ti verás
que groria. En cada terra que pisemos falareille aos escravos e diréilles:
enriba, ergueivos xa, coitados! Cada pobo é señor da terra en que se fixo; vós
sondes tanto ou máis como o imperio máis forte do mundo, moito máis, porque
eles escravizan a vosa liberdade.
Tempo despois Bastián
volve á aldea, doente e esmirrado, e morre unha semana máis tarde.
Tamén regresa Xelo
poñéndose á cabeza da revolución contra o goberno, sublevando os coutos e reclamando
a redución dos trabucos.
Delaira. Foron eses ladróns dos tendeiros que o
puxeron nas máns da tropa
Cantina. Olla que botou contra eles. Téñolle
ouvido xurar por Deus non acougar hastra botar fora da Terra a todol-os
estranxeiros.
O coro das mulleres.
Ai quen vise âs herdades limpas de herbas estranas!
Estoura a revolución e os camiños énchense de homes con
gadañas e fouces. Xelo morre,
desangrado, pero a revolución no se detén. O exército dos labregos enfronta cos
soldados e moitos morren.
Mentres o coro chora as mortes de Xelo e Nela, Xohan entra na casa.
Xohan. Eu ainda vivo pra vingar a matanza. Horas
son andadas e compre queimar o pobo enteiro: o ar está abafado de cheiros aldraxantes.
E a miña nai? Morreu? Eso coidades vós: en cada pinga do meu sangue vive;
síntoa dentro de mín como se sinte o alento. Eiquí estou pra vivir entre os
mortos habidos, pra abrir os sartegos e pôr en pé aos difuntos nas invitas
lexións dos guerreiros sagrados que gostan de sair da infame servidume. Alento,
irmáns da Patria! A goleta perdeuse; a nosa espranza non.
Ningún comentario:
Publicar un comentario