sábado, 29 de novembro de 2014

LOS DOMINICOS EN GALICIA



LOS DOMINICOS EN GALICIA / P. Aureliano Pardo Villar
1935
Nós, Pubricacións Galegas e Imprenta. Santiago de Compostela
88 p ; 25 cm.

As probas de imprenta do manuscrito Los dominicos en Galicia entregado polo historiador Aureliano Pardo Villar foron impresas por Nós en Compostela no ano 1935.
Este foi un dos libros que Ánxel Casal deixou sen rematar no verán de 1936, antes da súa detención e asasinato. As galeradas entregadas pola imprenta ao autor incorporan unha nota manuscrita sobre a primeira folla.
Suspendióse la impresión de este libro por muerte del editor, quedando inédita la mayor parte.
Logo de participar na comisión encargada de entregar o Estatuto de Galiza ao presidente das Cortes da República, Casal volveu a Compostela o 20 de xullo de 1936 para poñerse á fronte do concello. Ese mesmo día foi expulsado polos militares sublevados e o día 4 de agosto detivérono no lugar de Vilantime (Arzúa) para conducilo á cadea de Compostela. Durante a noite do 18 ao 19 de agosto foi asasinado en Cacheiras, preto do cemiterio de Teo. (2)

Entrega do Estatuto de Galiza. Ánxel Casal, terceiro pola dereita
Os falanxistas asaltaron a imprenta Nós e o domicilio de Casal, destruíndo o arquivo, a correspondencia, os gravados, moldes e tipos, e tamén as coleccións de libros do editor.
En todo caso, entre o peche da editorial en xullo e o cesamento definitivo da actividade en setembro, algúns amigos de Casal accederon ao local da rúa do Vilar e, como explica Ernesto Vázquez no seu libro A fouce, o hórreo e o prelo (3), rescataron o último número impreso e aínda non distribuído da revista Nós (4) e os orixinais da que ía ser a obra magna de Casal: o Códice Calixtino (5).
Outros orixinais e algúns libros parcialmente impresos desapareceron na rapina falanxista, perdéndose para sempre.
Sábese que entre os libros, ou orixinais que estaban a imprentarse figuraban: Auga lizgaira, de Ánxel Fole, Diario d’um médico de garda de Luís Pimentel (a primeira versión de Barco sen Luzes), Síntese do crime. Libro de debuxos, un libro con deseños de Seoane e o Volume I dos Ensaios de Otero Pedrayo. De Castelao, estábase a imprentar a peza teatral Pimpinela. Perdeuse tamén un manuscrito para un libro de contos de Xosé Mª Álvarez Blázquez que se ía titular Os ruís.
Entre os libros en proceso de impresión tamén estaba Los dominicos en Galicia.
Aureliano Pardo foi un frade dominico vinculado ao Seminario de Estudos Galegos e que participou na redacción do Estatuto de Galiza (6). Esta simpatía coa ideoloxía galeguista valeulle a reprobación dos superiores, que procuraron sen éxito afastalo de Galiza.
O libro está escrito en castelán e constitúe a primeira crónica da orde dominica en Galiza, desde a súa implantación a finais do século XIII ou comezos do XIV até a actualidade.
O texto vai precedido dunha dedicatoria escrita en galego.
Ao Capitán de Artilleiría da Armada Hespañola, Sr. D. Octavio San-Martín e Domínguez, Cabaleiro da Orde de Sabela a Católica; galego dos «bós e xenerosos», amante i-esgrevio proteitor da nosa cultura nazonal. (7)
Los dominicios en Galicia, 1939
en 1939 o autor deu ao prelo a versión íntegra deste mesmo libro, editada en Compostela na imprenta do Seminario Conciliar. (8)
(1)    Fonte da imaxe de Aureliano Pardo Villar: realacademiagalega.org
(2) O investigador Ernesto Vázquez Souza ten achegado a ficha xudicial de procesamento de Ánxel Casal pola súa pertenza á loxa Libredón de Compostela: "En una ficha procedente de la sección 4ª del Servicio Nacional de Seguridad dice: CASAL GOSENGE, ANGEL. De 43 años en 1938, casado; industrial, hijo de Manuel y Filomena, natural de La Coruña, vecino de Santiago, Puente de San Antonio nº 8 - 1º. MASON. Logia LIBREDON nº 78 de Santiago. ANTECEDENTES. De ideas izquierdistas separatistas. Elemento destacado y propulsor del Estatuto Gallego. Desempeñó el cargo de Alcalde de Santiago con el Frente Popular. Falleció después del Glorioso Alzamiento Nacional. 15 DIC, 1938".
(3)    A fouce, o hórreo e o prelo: Ánxel Casal ou o libro galego moderno. Ernesto Vázquez Souza. Ediciós do Castro. Sada, A Coruña. 2003. Páx. 399.
(4)    Nós, nº 139-144. Xulio-Nadal de 1935, dedicado pola Asociación de Escritores de Galicia a Ánxel Casal. Este exemplar impreso e que non chegou a ser distribuído aos suscritores, estivo en poder de Ben-Cho-Shey. Entre outros contidos inclúe: Esquema da nova poesía galega (Augusto María Casas), Esprito político e forma cultural da nova Galicia (Francisco F. Del Riego), O sorrir de Daniel, novela (R. Otero Pedrayo), O romance galego (Leandro Carré), A leenda do Graal (Vicente Risco).
(5)    Os cadernos co texto e a música, a falta das monografías, foron rescatados da editorial por Xesús Carro. Ao cabo editounos o CSIC en 1944 e 1951 sen facer referencia expresa ao traballo previo desenvolvido por Ánxel Casal.
(6)    Pardo Villar publicou un traballo no volume quinto dos Arquivos do SEG e outro na revista Nós. Dos ilustres dominicos gallegos. Notas biográficas. Arquivos do SEG V. 1930; Notas en col da vila de Arzúa. Revista Nós nº 133. 1935.
(7)    Octavio San Martín Domínguez. Militar e escritor natural de Padrón. En 1970 publicou Contos peneirados, auto-edición impresa en Compostela na imprenta de El Eco Franciscano. O volume inclúe cinco contos infantís escritos, en palabras do autor, polos anxos para un neno que subiu ao ceo.
(8)    Los dominicos en Galicia. Aureliano Pardo Villar. Imprenta del Seminario Conciliar. Santiago. 1939. 258 p.


venres, 14 de novembro de 2014

SEIS POEMAS GALEGOS



SEIS POEMAS GALEGOS / Federico García Lorca
27 de Nadal do 1935
Editorial Nós, Compostela
Volume LXXIII
30 p ; 21,5 Cm.

Os Seis poemas galegos de Federico García Lorca, con prólogo de Eduardo Blanco Amor, foron impresos pola editorial Nós na rúa do Vilar de Compostela en decembro de 1935.
As informacións recollidas nesta entrada e os textos destacados proceden do libro O pórtico poético dos seis poemas galegos de F. García Lorca, do investigador Luís Pérez Rodríguez. (2)
A importancia dos Seis poemas galegos de F. García Lorca para a literatura galega cobra extraordinario interese pola universalidade do seu autor, magnificada polo seu tráxico asasinato, ocorrido o 19 de agosto do 36, o mesmo día da morte do editor dos poemas, Ánxel Casal, en idénticas circunstancias. Levaban na fronte unha estrela e no bico un cantar: aí a razón última das súas mortes.

A historia dos poemas galegos de Lorca comeza en 1931 cando coincidiron Federico e Ernesto Guerra da Cal (3) nun dos actos organizados pola oposición política nos albores da República.

Foi Ernesto, de entre os amigos galegos, quen exerceu máis influencia en Federico. Opinión esta reiterada, unha e outra vez, por Blanco-Amor. Federico sentiuse fascinado por este mozo ben parecido, espigado, intelixente e apaixonado pola súa terra.

E de feito non poden entenderse estes poemas sen antes falar dos amigos galegos de García Lorca: Eduardo Blanco Amor (4) e Ernesto Guerra da Cal, a quen Eduardo atribúe o papel de incitador poético dos versos de Federico.

Federico, Ernesto e Eduardo
Lorca visitou Galiza na primavera de 1932 invitado para impartir varias conferencias e cando regresou a Madrid xa levaba prefigurado o poema Madrigal â cibdá de Santiago. (5)
 
De novo volveu en agosto dese mesmo ano como director de La Barraca para representar funcións de teatro na Coruña, Compostela (onde actuou na Quintana), Pontevedra, Vilagarcía e Ribadeo.
Atrapado polo evocador nome da Quintana dos mortos, Federico escribiu tempo despois o poema Danza da lúa en Santiago, escollido polo editor para pechar o volume.
Danza da lúa en Santiago
!Fita aquel branco galán
olla seu transido corpo!

É a lúa que baila
na Quintana dos mortos. (...)

Federico acudiu unha vez máis a Galiza en novembro de 1932 e visitou Pontevedra e Lugo. Daquela xa levaba canda el o Madrigal, pois Francisco Lamas (6), un dos mozos que recibiron a Lorca en Lugo e entre os que tamén estaba Álvaro Cunqueiro (7), conservou o texto autógrafo do poema, revelándose el mesmo xunto con Luís Manteiga (8) como asesor idiomático do poeta. Todos eles eran amigos de Ernesto Guerra.
Madrigal â cibda de Santiago
Chove en Santiago
meu doce amor.
Camelia branca do ar

brila entebrecida ô sol.
Chove en Santiago
na noite escura.
Herbas de prata e de sono

cobren a valeira lúa.
Olla a choiva pol-a rúa,
laio de pedra e cristal.
Olla no vento esvaído

soma e cinza do teu mar.
Soma e cinza do teu mar
Santiago, lonxe do sol;
Ágoa da mañán anterga

trema no meu corazón.
De volta en Madrid, Lorca visita a miúdo o faladoiro do café Regina acompañado por Ernesto Guerra e Serafín Ferro (9). Alí coñece os representantes galegos no parlamento republicano e outros intelectuais galeguistas como Antón Villar, Castelao, Otero Pedrayo, Suárez Picallo e Ramón Cabanillas. Os poemas galegos de Federico levedaron nese lugar onde o poeta recadou a substancia necesaria para darlles forma.
Estes poemas naceron por unha combinación afortunada de diversos factores: en primeiro lugar debido á fascinación que Galiza exerceu sobre o poeta; en segundo termo pola amizade cunha xeración de artistas e escritores galegos entre os que ademais dos citados estaban Arturo Cuadrado, Luís Seoane, Carlos Martínez-Barbeito, Rafael Dieste e Feliciano Rolán; pero sobre todo e principalmente, pola súa amizade con Ernesto Guerra. Por último e non menos importante, tamén influíu en Federico o coñecemento da tradición literaria galega desde os antigos cancioneiros medievais até as novidades presentadas por Amado Carballo e Manuel Antonio.
Outro elemento decisivo na redacción dos poemas foi a chegada de Eduardo Blanco Amor a Madrid entre marzo e abril de 1933 como correspondente do xornal La Nación de Bos Aires.
Blanco Amor acudía ao café Regina como todos os galegos residentes na capital e un día de primeiros de maio coñeceu a Ernesto Guerra por mediación de Ramón Cabanillas. Decontado pediulle que lle facilitase un encontro con Federico, o cal tivo lugar no café Lyon. Despois da presentación de Ernesto a relación de Eduardo con Federico colleu un camiño autónomo.

Lorca viaxou a Bos Aires e Montevideo entre xaneiro e febreiro de 1934, onde tivo un encontro significativo cos emigrantes galegos. Alí atopou inspiración para escribir o poema Cántiga do neno da tenda, onde retratou mellor ca ninguén, como dixo Blanco Amor, a saudade do emigrante.

Bos Aires ten unha gaita
sobro do Río da Prata,
que a toca o vento do norde
coa súa grís boca mollada.
¡Triste Ramón de Sismundi!
Aló, na rúa Esmeralda,
basoira que te basoira
polvo d’estantes e caixas. (...)

Federico xa tiña publicado o Madrigal en El Pueblo Gallego e cando volveu a Granada en marzo de 1934, alí agardaba por el Blanco Amor para teimar en incorporalo á literatura galega. Ao longo deste ano e tamén en 1935 fortaleceuse a amizade entre os dous.
Lorca deixou Granada e volveu a Madrid decidido a rematar os poemas coa axuda de Ernesto Guerra. Consciente da relevancia deste feito, Eduardo espallou a nova entre os galeguistas, informado por Ernesto da evolución do proceso.
Revista Nós nº 137-138
A revista Nós nº 137-138 de maio-xuño de 1935 anunciaba o libro entre as novidades da editorial, anticipando a edición dos poemas.
Blanco-Amor tería, pois, concertado con Ánxel Casal a publicación dos poemas na Editorial Nós (...) Federico entregaríalle os poemas, como afirma Eduardo Blanco-Amor no seu artigo en La Hora de Chile, un día de maio de 1935, na súa casa de Madrid e despois de lerlle Doña Rosita la soltera.

Xa que logo, segundo sostén Luís Pérez Rodríguez no seu libro, Eduardo retivo os poemas durante algún tempo antes de envialos a Nós para darlles a forma definitiva, pero gardando fidelidade ao espírito lorquiano.

Federico García Lorca me llegó, un día cualquiera de nuestra amistad, con un puñado de versos gallegos. Todavía traían en lo tierno de su blandor recien modelado, el movimiento arbitrario de una grafía nerviosa de tachones, curvas y añadidos (...) Y dijo: «La verdad es que, a pesar de haberme bien leído mi Curros y mi Rosalía, el gallego lo aprendí en los vocabularios precaucionales que añades a tus libros de poemas. Debes ser tú, por lo tanto, quien ordenes éstos y quien los edite y quien los prologue. Y ya está. Y ya se acabó. Y no me hables más de esto hasta que me traigas el libro» (...) A mi me tiembla la mano – y el ánima – al ponerla sobre estos versos, que ya nos nacen reliquia, para echar más allá un acento o traer más acá un desmandado apóstrofo. Pero nada más que para eso. Toda su naturalidad fue pulcramente respetada. Mi complicidad se reduce a un leve paso por las ajetreadas cuartillas, con probidad pendolista y ortográfica. ¡Y que aún esto me sea perdonado! (Prólogo de Eduardo Blanco Amor aos Seis poemas galegos).

Prólogo de Blanco Amor
Entre o 20 de xuño e o 21 de xullo de 1935 Eduardo desprazouse de novo a Granada para visitar o poeta na súa casa.
Blanco-Amor está ó quite e sabe que os Seis poemas galegos de Federico son unha xogada maxistral para a literatura galega, naquela España do bienio negro. Unha axuda para a defensa dun republicanismo máis aberto e, sobre todo, entroncado coa aventura galeguista de plebiscitar a Autonomía galega. Os galeguistas reciben estas poesías con entusiasmo e de aí o anuncio de Suárez Picallo de publicalos o 25 de xullo, a «Diada maior», coma unha homenaxe á cultura galega. Era un xeito de ir contra a dereita recalcitrante e a caterva de descastados, que, segundo Suárez Picallo, consideraban o galego como dialecto de xente de baixa condición.

Blanco Amor volveu a Galiza en setembro e logo de pasar por Ourense e Vigo chegou a Compostela. Nunha carta enviada o 22 de setembro deu conta a Federico do estado da edición.
Tu libro lo dejé en marcha; y si no hubiera sido por este asunto y por el proceso que me hizo dejar Santiago a los tres días de llegar, ya estaría listo para fin de mes.

Blanco Amor encargoulle a Suárez Picallo (10) corrixir as probas de imprenta xunto con Ánxel Casal e supervisar a impresión do texto.
Tivemos a ocasión de falar na Coruña, en setembro do 94, con Xerminal Filgueira, admirador e amigo de Suárez Picallo en Buenos Aires, e deunos outra noticia sorprendente: o escritor sadense cambiou dúas palabras da copia en limpo de Blanco-Amor. Polo tanto, minusculamente, Suárez Picallo participaría tamén, pola porta da amizade con Blanco-Amor, nos Seis poemas galegos.

Finalmente Eduardo deixou España embarcado con rumbo a Bos Aires o 6 de novembro de 1935. En decembro dese mesmo ano Ánxel Casal envioulle a García Lorca os primeiros exemplares do libro.

Muy Sr. Mío: Con el último de este año quiero que lleguen a V. los primeros ejemplares de sus Poemas gallegos. La edición es modesta, como mis medios, pero está hecho con el entusiasmo de este humilde colaborador del renacimiento gallego que considera recompensada su labor en el cedístico 1935 sirviendo al mundo la generosa aportación de V. a nuestra lengua...

O mesmo Blanco Amor aportou novas revelacións sobre a edición no artigo Federico otra vez; la misma vez.

Ernesto era un muchacho absolutamente encantador, en facha y espíritu; y entre los sobrevivientes, y a la par de Eduardo Ugarte (¿dónde andará?), director adjunto de La Barraca, uno de los que podrían contarnos más cosas de Federico, por fuera y por dentro, pero no quiere. Y entre ellas, el origen de los Seis poemas, en lengua gallega, de singular importancia en su lírica moderna, cuya publicación me encomendó y cuyos originales conservo salvados de tanta trashumancia. Salieron de una plaquette en 1935, en la Editorial Nós, de Santiago de Compostela, supervisados y con prólogo del que suscribe; prólogo suprimido en sus Obras Completas, no sé por qué. El director y propietario de la editorial, Angel Casal, alcalde de la urbe jacobea, figura entre los primeros fusilados por los paladines de la cruzada restauradora. Los fondos, con un centenar de títulos, fueron quemados en la hoguera pública. De la plaquette se salvaron unos pocos ejemplares, pues apenas se habían distribuido, esperando que viniera Federico para su presentación, que nunca había de producirse...

A importancia dos Seis poemas galegos de Federico García Lorca non radica unicamente na indiscutible calidade dos versos, senón tamén na decisión tomada polo mellor poeta español contemporáneo e un dos máis grandes poetas da lingua castelá de todos os tempos, de escoller o idioma galego para facer a única incursión poética nunha lingua allea, nun tempo – tanto antes como agora – en que o galego provocaba indiferenza no mellor dos casos ou mesmo desprezo nas elites galegas.

Para todos eles, os Seis poemas galegos de Federico García Lorca son unha labazada incuestionable.

SEIS POEMAS GALEGOS
Madrigal â cibdá de Santiago
Romaxe de nosa Señora da Barca
Cántiga do neno da tenda
Noiturnio do adoescente morto
Canzón de cuna pra Rosalía Castro, morta
Danza da lúa en Santiago

(1)    Fonte da imaxe de Federico García Lorca: eldiario.es
(2)    O pórtico poético dos seis poemas galegos de F. García Lorca. Luís Pérez Rodríguez. Consello da Cultura Galega. 2ª edición corrixida e aumentada. 1998.
(3)    Ernesto Pérez Guerra máis coñecido como Ernesto Guerra da Cal (Ernesto do Sil para García Lorca). (Ferrol 1911-Lisboa 1996). Trasládase con 11 anos a Madrid onde súa nai obtivo praza de mestra. Alí viviu até os 25 anos.
(4)    Eduardo Blanco Amor. (Ourense 1897-Vigo 1979). Coincidiu con Lorca en Madrid na primavera de 1933 e mantiveron o contacto até el deixar España en novembro de 1935.
(5)    Esta foi a segunda vez que Lorca visitou Galiza. En 1916 percorreuna por vez primeira acompañando unha excursión escolar.
(6)    Francisco Lamas López. (Lugo 1905-Madrid 1987). Xornalista e escritor. Alcalde republicano de Lugo en 1936.
(7)    Álvaro Cunqueiro Mora. (Mondoñedo 1911-Vigo 1981). No tempo en que coñeceu a Lorca, Cunqueiro era membro da escola poética neotrobadorista iniciada en 1933 por Fermín Bouza Brey coa publicación de Nao Senlleira.
(8)    Luís Manteiga. (Compostela, 1903-1949). Escritor e xornalista.
(9)    Serafín Fernández Ferro. (A Coruña 1912-México 1957). Actor e director teatral.
(10) Ramón Suárez Picallo. (Sada 1894-Bos Aires 1964). Xornalista e político galeguista. Amigo íntimo de Eduardo Blanco Amor.