sábado, 20 de xuño de 2020

NOUTURNIO DE MEDO E MORTE


NOUTURNIO DE MEDO E MORTE / Antón Vilar Ponte
21 de maio de 1935
Edición Nós, Rúa do Vilar, 15. Santiago.
Volume LXXI
30 p ; 17 Cm.

A peza teatral Nouturnio de medo e morte foi escrita por Antón Vilar Ponte e impresa por Nós en Compostela en maio de 1935.

Nouturnio de medo e morte. Bárbara anécdota realista en dous tempos (sin literatura) que puido andar nos romances dos cegos. É unha peza curta en dous actos escrita para ser representada por cinco actores e que trata sobre a cobiza e a miseria, presentadas no ambiente naturalista e simbólico de tendencia universal que Antón Vilar procurou para o teatro galego, tomando como modelo o movemento dramático irlandés.

A mobilización galeguista propiciada polas Irmandades promoveu o desenvolvemento do teatro como elemento normalizador do idioma galego. Desde entón e até xullo de 1936 os autores teatrais tomaron dúas direccións: dunha parte as obras costumistas, de carácter cómico e moralizante, e da outra as comedias urbanas que procuraban establecer un canon culto para o idioma, evitando os vulgarismos e enxebrismos da etapa anterior.

O teatro galego, do mesmo xeito que a loita ideolóxica que se deu no interior das Irmandades, viviu durante tempo a confrontación entre as tendencias tradicionais e a renovación estética comandada de xeito singular por Antón Vilar, coa arela de crear un teatro nacional.

Desgraciadamente, a ausencia dun público urbano interesado na primeira metade dos anos 30 e unha vez rematada a ditadura de Primo de Rivera, limitou o alcance da iniciativa.

Nas cidades non se crearía un grupo teatral galego até logo da morte de Antón Villar Ponte (marzo de 1936). Tratouse do grupo Keltia, fundado na Coruña, dirixido polo actor Serafín Ferro, que se puxo a ensaiar tres obras: O país da saudade, de Yeats, Nocturno de medo e morte, de Antón Villar Ponte, e Matria, de Álvaro de las Casas. Desde logo, os acontecementos do mes de xullo daquel ano impediron por completo que estes proxectos se puidesen converter en realidade. (2)

A obra foi levada ás táboas en 1996 polo Centro Dramático Galego compartindo cartel coa peza Riders to the sea e baixo a dirección de Quico Cadaval, con Xosé Manuel Olveira “Pico” no papel de Fuco da Arnoia, Salvador del Río como Mingos e Lino Braxe como don Ramonciño.

Sinopse da obra

A primeira escena sucede na taberna de Mingos contra a noitiña, mentres o taberneiro bota contas da xornada amoreando as moedas sobre o mostrador.

Cata que tal. ¡Qué porcallada! ¡Qué miseria! Imos do goio par’a lama. ¡Lévem’o demo se asín se pode seguir un mes máis! Hoxe en tod’o día nin trece reás de venda.

O dono da casa e as terras teno ameazado co desafiuzamento e agora o negocio non rende porque abriron outras tabernas na parroquia. “Seique n’hai casa sen ramallo de loureiro â porta”.

Fuco da Arnoia chega á taberna cego da carraxe e conta como dous enmascarados detivérono no camiño e roubáronlle os cincuenta pesos que levaba, sen dar cos outros catrocentos que agocha no sombreiro.

Si mos chegan a uliren os bocoies que vou mercar a Enfesta ben caros me sairían.

Fuco pasa a noite na taberna e logo de se deitar chega o médico don Ramonciño cunha mensaxe do fidalgo ameazando a Mingos con levalo ao xulgado se non paga os dous anos de renda que debe.

¡Que lle pague ô Fidalgo! E ten razón. Pro ¿como ll’hei pagare? Teño máis débedas que dedos nas máns.

Cae o pano do primeiro tempo e a escena trasládase a un cuarto do sobrado na taberna.

Fuco escoita murmurios no baixo que lle recordan as voces dos salteadores do camiño parolando con Mingos. Son os fillos do taberneiro. Pola fiestra ve un deles sachar na horta.

Xa me decato: unha cova para enterrar n’ela o meu corpo despois de m’asesinaren. ¡Seino todo! ¡Valeime, Virxe Santa!

O arrieiro argalla un vulto coa roupa e déixao no leito co chapeu sobre a cabeza. Logo fica á espreita ao carón da porta por onde entra Mingos cun coitelo e dun pulo chouta sobre a cama para chantalo no vulto. Fuco bótase entón a el e esgánalle o pescozo coa navalla.

¡Eu que te matei, ladrón, antes de que ti me asesinaras a mín.

Despois foxe antes de chegaren os fillos de Mingos.

Por parvos nos perdemos. Coidamos que o outro non se decataría... X’o ves. Soupo máis que nós.
Cegounos a cobiza.

(1)   Fonte da imaxe de Antón Villar Ponte: Real Academia Galega
(2)   Historia da literatura galega III. De 1916 a 1936. Xosé Ramón Pena. P. 466. Citando a Laura Tato Fontaíña (1999).