O 19 de outubro de 1921,
o pleno do concello de Mos reunido
en sesión extraordinaria aceptou a renuncia de Ramón Cabanillas como secretario
municipal.
As razóns deste acto que
deixou ao poeta sen traballo e con seis fillos ao cargo, non están claras. O
xornal vigués Galicia publicou unha
nota en setembro de 1923 que pretende esclarecer os motivos:
Secretario rural, el autor “Da terra asoballada” dejó en libertad a los
vecinos de Mos para que votasen a quien quisiesen y los árbitros conservadores
y los mesnaderos del nuevo Torquemada vengaron su neutralidad, forzándolo, por
excitación de su dignidad extrema, a presentar la dimisión. (1)
Non obstante, e a pesar
destes probables problemas de conciencia ou presións directas, na carta
dirixida en agosto de 1921 a Enrique
Peinador, dous meses antes de facerse oficial a renuncia, o poeta dá conta
da súa marcha a Madrid provisto dunha credencial que había permitirlle optar a
un novo posto de traballo, animado, todo fai pensar, por unha decisión persoal.
Aquí comeza un novo
desterro para Cabanillas que había durar case dous anos. Unha vez asentado en
Madrid, envía esta primeira carta escrita no papel da compañía do tranvía de
Mondariz a Vigo, propiedade de Enrique Peinador e que tamén tiña oficina na
capital.
CONFIDENCIAL
TRANVÍA DE
MONDARIZ A VIGO
Sr.
D. Enrique Peinador Lines
Meu mais
querido amigo:
Cubizoso de
topar asento, en precuro do burato onde soñaba meterme, non quería porche esta
primeira carta sin darche, ô mesmo tempo, a nova do meu destino, mais, correndo
os días e cada un arríncame unha folla do arbre interior, anque o probe xa non
era de follaxe moi espeso. Oxe, eiquí na vosa casa, enchéseme o corazón do teu
recordo e non quero que voe un instante mais sin pórme a falar contigo.
Dende que
cheguei púxenme â veira de Luis Usera, mais foi o caso que a credencial que me
mandaran non sirvén: Luis díxome que non podía tomar posesión porque de eses
destinos había, – eisí o vín no Decreto de creación – seis prazas para as que
non se percisaba nin título nin condiciós fixas, e outras seis que somentes
podían ser cubertas por Licenciados en Dereito; e que como as primeiras xa
estaban esgotadas e nas derradeiras non tiña cabida, non se podía ir por esa
vereda: con todo, rematóu co-estas verbas; “no se preocupe; eso corre de mi
cuenta”. Días dempois, preguntóulle Wais, diante de min: “¿Y Cabanillas?” E él
dixo: “Es cosa mía. Arreglaremos el asunto”. Wais díxome: “A éste no se le
escapa nada. Puede V. estar tranquilo.” – Fai seis ou sete días tornéi a falar
con Luís e no ir e vir da conversa saiéu de novo a seguridade do bo remate do
meu deseio. – O feito ê que sairon do “Casino Orensano” como lle chamaba
Antonio Casero o Ministerio da Gobernación – e estóu pior que o día que
cheguéi. Eu non quero pensar que me deixen no medio da rúa: fáiseme forte o
crer que sabendo que deixéi o de Mos ô amparo d-unha credencial que se me daba
para porme en condiciós de outra cousa, teréi de voltar para a miña casa
derrotado sin loita, despido e bulrado. Non abriréi a boca nin para ben nin
para mal, – somentes ti saberás da miña ferida que nin ôs meus amostraréi, –
nin siquera a eles lle deixaréi adiviñar a miña coita, mais, créme que na miña
vida sufrín o que estóu sufrindo, porque ¡ti o verás! dentro de tres ou catro
días sairán todos para a Terra e non me deixarán nin unha tarxeta de consolo.
Que eu son pouca cousa, xa o sei; merecente d-eso, non.
Para o que non
sei se teréi valor ê para tornar a Galicia: lería en todal-as caras e vería en
todol-os ollos tales cousas que me non podería conter. Prégoche que a nadia
fales do caso: podiera ser que esto non seian mais que cavilosidades miñas: de
todas maneiras si non desafogase con alguén este meu dolor coido que morrería,
e somentes a ti podía elexir como vítima porque soio ti me xuzgarás serea e
cordialmente. Perdóame o laio, fillo da mais fonda das miñas amistades.
Do que non
estou queixoso ê dos choyos dos libros: Pueyo pórtase moi ben conmigo e si
tivera eiquí as portadas de Castelao e os dibuxos de Cebreiro xa tería
escomenzado o emprentamento de “Vento Mareiro” e de “Luar”.
De Madrí soio
che diréi que atopo moi axustado o dito de Benavente: “Cuando esté terminado
tal vez sea habitable”. Toros, verbena de la Paloma, 40° a la sombra e os buracos da nova liña
do “metro” e os perigosos atracos das mulleres do mundo.
Xa Ramón te
diría que estiven co-él. ¿Cando faredes o do concurso? Antón Palacios estará
ehí nos derradeiros días do mes. Supoño que terás ehí a Leonardo a quen non me
foi facedeiro falar eiqui porque saiéu no outro día do meu arribo camiño de
Sigrás.
Sabes
canto te quere e a devoción que che ten, teu mais firme irmán,
R
Cabanillas
Madrid
16-8-21
A tua casa:
Aduana, 35, 2º
Cabanillas revela no primeiro parágrafo que se encontra nas oficinas do
tranvía de Mondariz. Resulta improbable que estea a referirse á casa de Avelina Linés, nai de Enrique Peinador,
porque non alude á familia do empresario.
O poeta fala deseguida dos seus contactos con Luís Usera Bugallal (2), deputado en cortes
polo distrito de Xinzo de Limia e xenro do conde
de Bugallal, (3) membro dunha das familias que, apoiadas nos caciques locais, procuraron
exercer en beneficio propio as súas influencias na capital.
Como desvela o poeta, Usera
promete mediar para concederlle un dos traballos creados ad hoc para os protexidos dos políticos, sostén da súa forza
electoral. A definición do Ministerio da Gobernación como un “Casino Ourensán” pon
de manifesto a cadea de favores que está na cerna do caciquismo. (4)
Polas explicacións de Cabanillas, sabemos que cando deixa o concello de Mos
faino porque conta desempeñar un novo traballo en Madrid – deixéi o de Mos
ô amparo d-unha credencial que se me daba para porme en condiciós de outra
cousa – pero ao chegar á capital, o posto está ocupado e agora non se
atreve a volver a Galiza coas mans baleiras, recoñecendo así o seu fracaso.
O poeta, desesperado, constata a indiferenza dos paisanos
que en agosto deixan Madrid sen procurarlle sustento nin o traballo prometido. “Que eu son
pouca cousa, xa o sei; merecente d-eso, non”, manifesta un amargado
Cabanillas.
Unicamente é quen de baleirar o corazón co seu amigo
Peinador. Nin sequera a familia debe saber a humillación pola que pasa.
Si non desafogase con alguén este meu
dolor coido que morrería, e somentes a ti podía elexir como vítima porque soio
ti me xuzgarás serea e cordialmente.
Por outra parte, Cabanillas mantén aínda unha boa
relación co editor Pueyo e,
desbotada a idea inicial de publicar a súa obra completa en seis volumes,
mantén a intención de dar ao prelo a segunda edición de Vento Mareiro e outro libro titulado Luar, do cal sabemos pola correspondencia con Álvaro Cebreiro que había reunir algúns poemas publicados
anteriormente, cousa habitual nas edicións de Cabanillas destes anos, pero que non
chegou a editarse.
Con respecto á composición de Vento Mareiro e se ben Castelao
era o debuxante habitual de Cabanillas, con motivo da fanada edición da súa
obra completa o poeta encargoulle ao mozo Álvaro
Cebreiro os debuxos que habían acompañar os novos libros. Estas pequenas
viñetas ilustraron finalmente o interior do libro, mentres foi Castelao o
encargado de deseñar a capa.
|
Ilustracións de Cebreiro para Vento Mareiro |
Por último, Cabanillas informa a Peinador que non tivo
ocasión de falar con Leonardo Rodríguez (5), deputado conservador por Chantada, próximo á ideoloxía das Irmandades da
Fala e quen será no futuro un dos seus valedores na capital.
(1)
Ramón Cabanillas. Crónica de desterros e saudades. Luís Rei. Galaxia. Vigo. 2009.
(2)
Luís Usera Bugallal. Deputado en cortes polo Partido Conservador entre 1921
e 1922. Tamén foi presidente do Real Madrid entre 1930 e 1935.
(3)
Gabino Bugallal Araujo. Deputado conservador e monárquico. Foi ministro en
cinco ocasións e ocupou interinamente a Presidencia do Goberno logo da morte de
Eduardo Dato.
(4)
En
agosto de 1921 era Ministro de Gobernación
Rafael Coello Oliván, sucesor do ponteareán Gabino Bugallal.
(5)
Leonardo Rodríguez Díaz. (Lleida, 1877 – 1932) Deputado por Lugo e Chantada
entre 1915 e 1923. Político besadista, adscrito aos ideais políticos de Augusto
González Besada. Porén a súa ideoloxía, mantivo certa proximidade cos políticos
galeguistas debido á súa inclinación rexionalista.