sábado, 28 de decembro de 2013

ANUARIO GUÍA DE LA CORUÑA



ANUARIO GUÍA DE LA CORUÑA
1930
NÓS. Pubricazóns Galegas e Imprenta. Linares Rivas, 50
206 p ; 18,5 cm.

O Anuario Guía de La Coruña foi impreso por Ánxel Casal en 1930 no obradoiro de Nós, na rúa Linares Rivas da Coruña.

Esta é unha das consideradas obras de encarga, as cales contribuíron a financiar a publicación de literatura escrita en galego; obxecto principal da actividade de Nós. Boa parte dos volumes editados baixo pedido saíron do prelo logo do fracaso financeiro que supuxo para Casal a publicación do xornal El Momento, e que estivo a piques de comprometer a viabilidade da editorial.

O libro, a medio camiño entre unha guía turística e un índice comercial e industrial da cidade, está escrito en castelán e vai precedido dunha nota protocolaria insertada polo editor.

Señor Alcalde Presidente del Excelentísimo Ayuntamiento de La Coruña.

Siendo V. E. digno representante del pueblo coruñés de tan ilustre tradición y al permitirme avalorar (sic) esta humilde publicación con el glorioso escudo de la Ciudad, creo un deber elemental dedicar al Excm. Ayuntamiento de su digna presidencia, este “Anuario-Guía de La Coruña”.

El cumplimiento de este deber de cortesía constituye el principal mérito de la obra y también el honor máximo a que puede aspirar

El Editor

A guía inclúe un mapa despregable e tamén algunhas fotografías dos lugares representativos da cidade tomadas polo fotógrafo Sellier. Entre elas atopamos unha vista da avenida de Linares Rivas, onde podemos ver a casa, hoxe desaparecida, ocupada polo obradoiro de Nós en 1930. Resulta pouco común atopar fotografías deste lugar durante o breve tempo en que a editorial ocupou o baixo do número 50, entre a fin do ano 1929 e a primavera de 1931.


O libro vai precedido dun longo texto introdutorio sobre A Coruña escrito por Otero Pedrayo, extraído da Guía de Galicia editada por Espasa-Calpe en Madrid en 1926. Non obstante, e tendo en conta que o texto de Otero non foi redactado expresamente para esta guía, a información sobre Compostela resulta máis detallada ca da Coruña.

 
A guía tamén glosa as funcións da Asociación Xeral Patronal da Coruña e relaciona os nomes dos membros da xunta directiva, os cales foron, con toda seguridade, os impulsores do libro.

Tiene a su cargo esta entidad no solo defender los intereses de sus asociados y productores que lo son la mayoría de los comerciantes e industriales coruñeses, sino realizar los servicios de carga y descarga en los muelles de La Coruña; es pues, la Patronal una sociedad de servicios dobles y útiles.

Algunhas empresas e comercios inclúen publicidade destacada a toda páxina das súas actividades: Litografía e imprenta Roel, Crema dentífrica Orzán, Banco Pastor, La Joyita (fábrica de somieres), Banco Anglo-Sud-Americano, Ángel Senra (fábrica de calzado), Juan García y Hermano (xéneros de punto), Muebles Abarro, Suárez Ferrín Hermanos (maquinaria industrial e agrícola), Nós Pubricazóns Galegas e Imprenta, Caja de Ahorros-Monte de Piedad de La Coruña, Hotel Europa, Neumáticos India, Lloyd Real Holandes (vapores entre A Coruña-Vigo e América do Sur), Underwood (máquinas de escribir), Jerez Pedro Domeq.

Finalmente e logo dunha breve nota sobre os partidos xudiciais, atopamos o principal obxecto da guía que é a descrición profesional e comercial das actividades da cidade, incluíndo os nomes dos propietarios e as direccións dos negocios. A guía permite albiscar o tecido produtivo e comercial da Coruña en 1930; unha cidade con vinte casas de comidas e corenta e seis cafés, pero onde, por exemplo, había tantas imprentas e librerías como adegas.

A listaxe de actividades é a seguinte:

        Agencias de negocios (6)
        Aparatos eléctricos (5)
        Abacerías (8)
        Almacenes de aguardientes, licores y coloniales (7)
        Arquitectos (4)
        Academias y colegios (5)
        Armas de fuego (1)
        Armadores de buques (3)
        Almacén de sal (1)
        Almacenes de maderas (5)
        Almacenes de muebles (6)
        Alquiler de bicicletas (2)
        Automóviles y accesorios (7)
        Acumuladores (1)
        Abonos minerales (4)
        Aceites y grasas lubrificantes (1)
        Acopiadores de pescado (24)
        Azafranes y especias (1)
        Barberías (9)
        Bazar y ropas hechas (6)
        Bisutería y quincalla (2)
        Bodegones (20)
        Cafés y bares (17)
        Cafés de 0,30 (29)
        Carbones y leñas (6)
        Carbonerías (4)
        Cereales (6)
        Colchonerías (4)
        Consignatarios (14)
        Casas de cambio (2)
        Casas de baños (3)
        Confiterías (7)
        Calzados (11)
        Cubiertas (2)
        Curtidos (2)
        Camiserías y ropa blanca (7)
        Carbones al por mayor (3)
        Cuchillos y navajas (1)
        Droguerías (7)
        Efectos navales (3)
        Establecimientos para venta de leche (6)
        Fábricas de pasta para sopa (3)
        Fábrica de cajas de cartón (1)
        Fábrica de galletas (1)
        Fábrica de jergones (2)
        Fábricas de chocolates (7)
        Fábricas de conservas alimenticias (4)
        Fábricas de bebidas gaseosas (4)
        Farmacias (8)
        Ferreterías (9)
        Fumistería (1)
        Fotógrafos (8)
        Fábricas de conservas de frutas (1)
        Fábrica de cervezas (1)
        Grabadores (1)
        Guarnicioneros (1)
        Guantes (1)
        Garajes (9)
        Hierros y aceros (5)
        Hoteles, restaurantes y fondas (8)
        Hojalateros y vidrieros (4)
        Herreros y cerrajeros (5)
        Hospedajes (9)
        Hospitales y asilos (8)
        Imprentas y litografías (14)
        Instrumentos de música (3)
        Instaladores de luz eléctrica (4)
        Joyerías y alhajas de ocasión (7)
        Juguetes (1)
        Librerías (5)
        Loza y cristal (5)
        Mercería (14)
        Muebles (5)
        Muebles usados almoneda (1)
        Muebles de alquiler (1)
        Maquinaria agrícola e industrial (3)
        Marmolistas (1)
        Modistas (2)
        Neumáticos (3)
        Objetos de escritorio (3)
        Objetos de óptica (7)
        Objetos de saneamiento (4)
        Objetos de viaje (1)
        Oxígeno (1)
        Odontólogos y dentistas (7)
        Pescaderías (1)
        Periódicos diarios (4)
        Quincalla y bisutería (2)
        Restaurantes económicos (2)
        Relojerías (7)
        Sombrererías (7)
        Sombrererías señoras y niños (6)
        Sasterías (11)
        Tabernas (8)
        Tintorerías (3)
        Talleres de vulcanización (2)
        Teatros y cines (7)
        Tejidos (30)
        Tablajerías (12)
        Ultramarinos (21)
        Uniformes civiles y militares (1)
        Venta de pájaros (1)
        Venta de flores (1)
        Venta de baldosines (4)
        Vendedores de películas (2)
        Venta de paraguas y sombrillas (2)
        Venta de pan y leche (4)
        Venta de explosivos (4)
        Vinos al por mayor (23)
        Vinos generosos (1)

Por último, o libro relaciona os membros das asociacións profesionais como: avogados, procuradores, axentes comerciais, médicos e tamén os cargos institucionais da vila: membros das audiencias territoriais e provinciais, dos xulgados municipais, da xunta de obras do porto e da cámara de comercio. A maiores inclúe a localización dos edificios públicos e outros lugares de interese.


sábado, 21 de decembro de 2013

VERSOS A TRES CÁS O NETO



VERSOS A TRES CÁS O NETO / Montes, Euxenio
28 de outubro de 1930
Editorial Nós – A Cruña. Avenida de Linares Rivas, 50
Volume XXXVII
110 p ; 20 cm.

O libro de poemas Versos a tres cás o neto do escritor Euxenio Montes Domínguez, foi impreso por Nós en outubro de 1930 no obradoiro da Avenida de Linares Rivas da Coruña.

Montes foi un escritor e xornalista que escribiu en galego e castelán. A súa obra literaria en galego está composta polos libros: O vello mariñeiro toma o sol, e outros contos (Céltiga, 1922), Tres contos de cegos (1922) e Versos a tres cás o neto. Tamén escribiu o ensaio Estética da muiñeira (Revista Nós, números 13 e 14 (1922) e 15 (1923) – estes foron os tres últimos números da revista publicados en Ourense).

Os poemas están dedicados ao pintor ourensán e membro da xeración Os Novos (1), Cándido Fernández Mazas, quen tamén ilustrou a capa da primeira obra publicada por Euxenio Montes en Céltiga: O vello mariñeiro toma o sol.

Ó Candido Fernández Mazas que alá en París – 26, rue du faubourg St. Jacques – decía estes meus versos para que crecese a herba.

A poesía de Montes encádranse na vangarda dos anos vinte, e máis concretamente está influída polo hilozoísmo de Amado Carballo, bebendo coma el na tradición popular que os poetas da vangarda procuran renovar.

Tornan as vacas para a aldea;
vacas roxas, vacas mouras
vacas da coor marela.


Xa tiraron do carro mancado,
xa cabelaron c’un arado a terra,
xa deixaron nas augas dos regos,
onde elas beberon, fiiños de estrelas.


O vello mariñeiro toma o sol
Non obstante, Euxenio Montes frecuentou os poetas ultraístas madrileños durante os seus anos como estudante e publicou os primeiros poemas antes de ver a luz Proel, de Amado Carballo. En agosto de 1919 e ao tempo de recibir a beizón literaria por parte de Vicente Risco, quen aprecia nel “a eistrema esquerda da literatura”, Montes publica no número 96 de A Nosa Terra os poemas Noite dedicado a Vicente Risco – e Neve – dedicado a Antón Lousada.

Neve
Baixan puntas d'estrelas
Bican as corozas e deixan parches nos traxes
Dorm'a neve no colo do outeiro
Telón d'un cine crebándose nos ollos
Store cubrindo o hourizonte
As cuartillas choven pelotas de tennis
Qu'o chegar â terra non queren brincar
A neve chama nas portas c'os cotovelos
A terra é o despacho d'un poeta cuberto de cuartillas que choran
Brinca o sol
A luz da carabiolas
Rin os piñeiros ensinando os dentes
Os espellos están crebados no chao
O azogue roubou dúas áas e fuxe a cabalo do lombo do arco da vella


O mozo poeta tende unha ponte entre o ultraísmo madrileño e o galeguismo ourensán, espertando en Risco o interese por desenvolver unha poesía de vangarda en galego. (2)

Entre 1922 e 1930 Montes publicou en diferentes medios – Nós, Rexurdimento, A Nosa Terra, El Pueblo Gallego, La Zarpa – os poemas reunidos baixo o título Alalás da noite de S. Xoán. O libro non chegou a ver a luz con ese nome, pero algunhas destas composicións apareceron logo modificadas no volume Versos a tres cás o neto. (3)

A partir de 1930 e levado do espírito innovador da vangarda, que en esencia procura substituír o vello polo novo, Montes percorreu un camiño persoal que o afastou dos intelectuais galeguistas. Esta xeira conduciuno a participar na fundación da Falanxe Española en 1933, adheríndose ao fascismo español. Desde ese momento abandonou o uso literario do galego.

Sinopse da obra

Debido a que as composicións foron escritas ao longo do tempo, o autor procura fornecelas dunha certa unidade temática e estilística, agrupándoas baixo diferentes epígrafes. O primeiro deles é Romaxes.

Pol-as corredoiras
               que lamben o chau,
as cántigas baixan
               collidas da mau.


O poeta recrea a tradición popular nos cinco poemas de Romaxes.

A lúa viña de volta
do San Andrés de Teixido.
Os arbres eran pandeiros,
rugaban, â noite, os grilos.


A lúa viña de volta
do San Andrés de Teixido.
Por atrapala, un luceiro
foi, sin folgos, de camiño.


Baixo ponlas de cerdeira
froleceron os seus bicos.
As cereixas eran novas
i-abermelláronse ô oubilos.


Xa chegou o vrau. Xa cantan
os mozos de Vilariño.
Lúa chea, lúa chea
ti, lúa, vas ter un fillo.


Ay, que a lúa está
                          empreñada.



Ay, que está grosa e sin
                          brilo.


Contos de meigas é un poema animista escrito en catro tempos, onde a natureza ocupa o lugar dos homes para narrar as cabalgadas dun fidalgo (o vento) temido polos aforados (as árbores) e a vinganza dos ofendidos (a brétema) ao tomar a xustiza pola man.

(…) O Vento – cara de prata –
marcha, ôs outeiros choutando,
pra cobrar foro de angurias
i-o laudemio dos carballos.


Os arbres – malpocadiños –
vanno, humildes, saudando.
Enguruñadas, as follas
marmuran non sei que diaño. (…)


A Biografía do liño recrea en cinco poemas a vida da herba: Cantiga de espadelada, Bautizo, Namoro, Morte e Enterro.

Ehí ven o tempo de mazar o liño.
Ehí ven o tempo do liño mazar.
Ehí ven o tempo en que as follas do millo.
Todas espidas se queiran bañar. (…)


Briznas de vento reúne sete poemas onde Montes fala con saudade da natureza: Alalá de Ribadavia, Serán, Camiño, Brétema, Río, Semana Santa na ría e Don Galán.

Nas debesas dos fumos
as machadas do vento.
I-a serán – vella velliña
cruza, levando ôs ombreiros
feixes de chuvia e de friaxe
pra que se quente o silenzo. (…)


Deseguida os cinco poemas de Antoloxía de salayosTatuaxe; camiño, vento, río; Nouturno; Madrigal; Adeus – fálannos dun amor lene e poético, apenas insinuado.

A noite, como un guardia,
acádanos na esquiña.
O arbre está calado
como a túa mau i-a miña.


Inyeuciós do silenzo
máis doces que a morfina.
Cosen carnes de sombra
con mil agullas vivas.


Adeus. Remo no río
de esas verbas non ditas.
(Os anxos forman cola
pra coller o tranvía).


Postaes das vilas rende homenaxe a tres lugares: Compostela, que inclúe os poemas Pardaus e A morte do silenzo; Corcubión e Ourense, cos poemas Miño e Rua de don Juan de Austria.

Os pardaus queren casarse
co-a vila de Compostela.
Gallas en frol de campanas
amañecen nas fenestras.


Os pardaus queren casarse,
que van de ruada â eigresia.


A xeira do ano está recollida nos catro poemas do Calendario.

PRIMAVEIRA
Eu, e mais o arbre, escrebimos
cartas con merlos de urxencia,
os dous, a un tempo, pedímoslle
unha cita â primaveira. (…)


VRAU
Quen ten ceifa nas eiras, mediodía,
si está co-a boca aberta dormindo a siesta â ría. (…)


OUTONO
Farto de non ser nada, Deus meteuse a tendeiro.
Cando lle mercan os días sabe roubarlle ô peso. (…)


INVERNO
A neve veu decindo que ela non resbalaba,
i-está no chau. A todos os arbres caille a baba. (…)


O libro remata cun monllo de sete poemas diversos, precedidos dunha folla en branco onde debería constar o título do epígrafe, no que semella ser un erro de impresión. En xeral, estes son os versos máis innovadores.

ELEXÍA Ó LUIS AMADO CARBALLO

Ti levabas a morte como o ollo leva o branco,
ou cecais como o dedo leva a uña, â medida.
Cada día limpábala co polisoir do ocaso
pra poderte ollar nela, cal Combarro na ría.


Luís Amado Carballo. É pra tí esta elexía,
que eu ben sei que ô xantar pedías dous palillos.
Cando chegou a carta – na maleta a sorrisa –
fuches depresa sábado a atrapar o domingo.


(1)  A esta xeración dos anos trinta tamén pertencen, entre outros, Maside, Colmeiro, Laxeiro ou Seoane. Procuran crear unha pintura representativa de Galiza que supere o enxebrismo anterior, pero sen romper coa tradición.
(2)  Vinte poemas galegos de Euxenio Montes non recompilados. Antón Capelán Rei.
(3)  Ibidem anterior. Noite de «San Xuán», «Canta o sol verdecente entre o carballo» e «Romace ô mar» todos eles publicados en xaneiro de 1923 na revista Rexurdimento de Betanzos. «Morre o silenzo en Santiago» publicado en El Pueblo Gallego en xullo de 1930.


sábado, 14 de decembro de 2013

ABELLAS DE OURO



ABELLAS DE OURO / Lesta Meis, Xosé
27 de agosto de 1930
Imprenta Nós – A Cruña. Avenida de Linares Rivas, 50
Volume XXXVI
240 p ; 18 cm.

A colección de contos Abellas de ouro do escritor e xornalista Xosé Francisco Lesta Meis saíu do prelo de Nós en agosto de 1930, no obradoiro da Avenida de Linares Rivas da Coruña.

Lesta Meis escribiu tres libros e todos eles foron editados por Ánxel Casal, primeiro en Lar – Manecho o da rúa (1926) e Estebo (1927) – e finalmente en Nós, as Abellas de ouro. A obra de Lesta, breve pero de calidade indiscutible, sobresae entre a narrativa agromada nos anos inmediatamente anteriores á guerra e que ficou fanada en 1936.

A colleita dos froitos das coleccións de noveliñas, publicadas desde 1919, madurece na andaina 1926-1927. Unha ducia de libros renova a substancia e a forma da lingua, esculcando nas realidades do país. Protagonizan esta maturidade Castelao, Otero Pedrayo, Vicente Risco, Rafael Dieste e Lesta Meis. (2) 

Publicacións periódicas como Terra a Nosa! (1919), Alborada (1922), Céltiga (1922), Libredón (1924) ou Lar (1924-1928) favoreceron que algúns dos mozos vinculados ás Irmandades da Fala explorasen novos eidos literarios, contribuíndo a modernizar a literatura galega.
 

Se a primeira novela de Lesta Meis, Manecho o da rúa, foi un encargo de Leandro Carré (3), a autobiográfica Estebo, en cambio, escribiuna a mantenta coa intención de denunciar a inxustiza que separa os homes pola súa orixe social, condenados moitos deles a emigrar ou vivir na pobreza.
 
2ª edición. Xerais, 1982
E as Abellas de ouro non son unicamente pobres, senón tamén mulleres e iso condénaas a padecer unha dobre discriminación. Mentres outros escritores da época tratan as mulleres como complementos literarios nos lances galantes, Lesta dálles voz e fai delas a cerna da narración, quizais desveladas diante dos seus ollos pola fortaleza da súa propia muller, Rogelia Raso Naya, tamén retratada na obra.

Neste libro non falo máis que de mulleres. De mulleres galegas. Todas son da miña aldea. Todas son auténticas. Hainas que levan o mesmo nome que teñen. Hastra algunha pertence â miña familia.

Infórmanos Lesta Meis no prólogo, desvelando que a inspiración xorde na aldea de Eirís de Abaixo, no antigo concello de Oza, actualmente integrado no da Coruña. Será a propia Rogelia quen desvele o misterio da costureira Matilde pasados os anos.

Esas 13 traballadoras "abellas de ouro", contradizendo-se o propio Lesta Meis, non todas son mulleres, porque hai 2 homes entre elas: ficarían, daquela, en 11... mais aínda cómpre sinalar que hai unha, unha soa, á que se lle dedican dous retratos... e por iso o total de mulleres ven resultando 10.

Quen é, logo, esa privilexiada entre todas as mulleres? Pois ven sendo a súa mesmísima muller. Que non é, por outra parte, a "Roxelia" que figura como tal; senón que é a figurada como "Matilde", a costureira, e que vai precedida dunha outra "Costureira", sen nome — único caso innominado na serie — , o que nos confirma a versión de dona Rogelia, que se identificaba con calquera das dúas, de tratar-se de dúas semblanzas dunha persoa soa, unha como prólogo da outra. (4)

A obra de Lesta saíu do prelo en agosto de 1930. O escritor morreu na Coruña poucos meses máis tarde – o 22 de decembro de 1930 – vítima dunha doenza crónica nos riles cando contaba corenta e tres anos. A última frase escrita a xeito de colofón contra o final do libro anticipa o desenlace da enfermidade.

A Cruña 16 de Agosto de 1930: dôr de ril, algo de frebe e… calma ¡moita calma!

Sinopse da obra

ANXELA

Parece unha rapaza solteira. Non tén moitos anos, pero algús máis dos que aparenta sí. Ninguén diría que xa foi nai catro veces nin que anda atafegada de labor.

Ánxela ten conta da casa e dos nenos mentres o home traballa como xornaleiro na Coruña. É a primeira en se erguer para ir ao río e a última en se deitar. Todos os días lévalle o xantar ao home ás présas, feito da hora. “Alimenta mais. E o tempo dano Deus de balde”. Logo traballa no leirón até o solpor, coida da vaca e dos nenos e antes de se deitar aínda vai estrar a roupa limpa para que clarexe ao sol da mañá. Entón si, “Vaise deitar contenta e satisfeita de ver que todo lle queda como ela quer” e fica durmida á espreita do primeiro canto do galo.

A SIÑA GABRIELA

Esa vella velliña que vedes todol-os días pol-a mañán cedo, moi cedo, pouco despois de cantal-o galo a derradeira vez, pol-a eira adiante, e da eira para á casa, e da casa para á eira, e da eira para á horta, e da horta pr’o curral, é a siña Gabriela.

A siña Gabriela criou os netos logo de morrer a filla. Con eles e o xenro son seis na casa e todos homes, e que ben lle viña que un deles fose nena: os netos non se dan maña para as cousas do fogar. Ela lava no río e goberna a casa desde nena, cando morreu a súa nai. “A siña Gabriela trai ôs netos moi limpos e ben cosidos e remendados” e todos quérena e respéctana.

A SIÑA DOMINGA

Conócena en toda a aldea soomente pol-o seu nome, como se na aldea non houbese mais mulleres que se chamasen así. Pero as outras son a siña Dominga de Tal ou de Tal parte.

Dominga coida os nenos da aldea e vive co seu home, o señor Chinto, quen está encamado e non pode deixar o xergón. Ela coida do home como dun neno. “os nenos queren moito â siña Dominga. Tamén queren ô siñor Chinto”. Chinto dálles de comer pola súa man e agóchaos con el no leito. Ás veces reciben esmolas como patacas ou mazarocas. Tamén roupa vella, como as cirolas que remendou para ver a Chinto “tan bizoso e tan guapo”.

O TÍO MANUEL

O relato narra unha conversa entre o autor e o tío Manuel, un patrón que vai para os oitenta anos e vive coas fillas. Elas fan os traballos da casa porque os fillos marcharon para América hai anos e agora pensa que están mortos.

A LAVANDEIRA

Chamar, chámase Xerónima. Pero como seus pais, e seus abós, e os pais de seus abós andiveron decote á lavar roupa para os señores da Cruña, e ela tamén lava, chegou á ser máis conocida pol-o oficio que pol-o seu nome.

A vida de Xerónima transcorre no río, no tendal e na corredoira que leva á Coruña. Lesta Meis narra a través dela a dura vida das lavandeiras.

ELISA

Debíamos decir siña Elisa. Por que ter tén anos para ser abolita; xa non dígamos nai. Pero todo o mundo lle chama Elisa, como se inda fora unha moza.

Desde nena foi mandadeira, sempre cun cesto sobre a cabeza levando á Coruña os produtos da aldea. Ela acepta servir os señores como unha obriga – os pobres viñemos para servir os ricos – e nin sequera un día deixou de ir, chovese, nevase ou fixera sol.

A COSTUREIRA

Velahí tendes: feituca e chusca como ela sola. Na aldea non hai quen tanto xeito se dea para amañarse e comporse.

Ela é Rogelia, a dona de Lesta Meis, cando aínda era nova e andaba polas casas coa máquina de coser sobre a cabeza. “E unha reina é. Mais ainda que unha raíña: unha fada. As fadas reinan no ceo e mais na terra”. A costureira troca os vestidos vellos por outros novos e fai soñar coa festa, cos foguetes, coas parolas do corazón. Alá por onde vai leva alegrías. “Xa vai vil-a costureira; deunos palabra para tal día” e por un día os mozos esquecen as súas duras vidas.

MATILDE

As suas meixelas teñen o coor das cereixas á medio madurar. É sangue de dazaoito anos, feita de purezas de aire aldeán; arrecendos de prados, herba cortada de fresco; fiuncheiras e nevedales outonizos.

O pai foi un labrego pobre e quixo para ela algo mellor. Por iso fixo dela costureira: “Eu non son como algús nin quero ser. Algús que podendo enseñarlles ôs fillos algo máis do que eles saben, tráenos de matalotes por ahí adiante. Feitos unhos burros e uns porcos, envoltos en torrós e cheos de lama”.

E Matilde tamén é Roxelia, a filla de Fuco, o Papuxo e de Marica. De toda a bisbarra viñan encargarlle a roupa para as mozas e o día da festa mesmo cruzaba a Elviña para vestir as rapazas, porque o creto non é de quen leva a roupa ben ou mal posta, senón da costureira.

¿Como se casou Matilde con aquel home? Esto chamou a atención na aldea e dou que falar.

O home, claro, é Lesta Meis; Xaquín no relato, un home que disque sabe moito e mesmo escribe nos xornais, pero non ten un carto nin de onde lle veña, nin saúde, que é o peor. “Aquel home enfermo e enseñoritado, enseñoritado pol-as circunstancias da vida mais que pol-o seu deseo, e sin un carto, nin siquera pra se coidar”. Xaquín e Matilde son da mesma aldea, onde el volveu desde América e casaron contra os consellos dos amigos e a familia. Ela traballa polos dous atrás da súa máquina, no río, na cociña…

ROXELIA

Se vos cadra vir da banda de Elviña para Eirís, en chegando â Agra de Galán, con tal que veña o vendo daquel lado, oiredes cantar unha rapaza.

Roxelia canta e traballa ao tempo; cando non é na casa, canta na eira, e cando non no río, na fonte, no tendal. Ela traballa arreo na casa. “Roxelia vence porque é forte. Quen pode pode”.

A SIÑA FARRUCA

¿Cántos anos tén? Eu non vol-o podo decir. Ela tampouco. Non o sabe. Non sabe cando naceu: nin o día, nin o mes, nin o ano. Eu sólo vos podo asegurar esto: Cando eu era un neno xa a siña Farruca estaba tan vella como hoxe.

Sempre ás présas, cunha ferramenta ou unha corda para algures, traballando nas leiras desde que abre o día até que marcha o sol, bulindo dun traballo para o outro. O home da siña Farruca marchou a América e nunca volveron saber del. Ao fillo estragáronllo no servizo de El-Rei e ao pouco de volver morreu. Agora ela coida da filla e dos netos.

CULASA

Aló vai Culasa pol-a carreteira abaixo corre que te corre para â Cruña, como se lle pasara algunha desgracia, non o permita Nososeñor.

Culasa é mandadeira. Transporta o baúl ou as maletas dos viaxeiros chegados nos correos de América, mentres agarda que nun deses barcos chegue o seu Luís da Habana. E así pasaron anos e anos e, agora que marchou a xuventude, non sabe se quere que el volva.

A SIÑA ANTONA A MESQUETEIRA

Xa sabedes que se chama mesqueteira â muller que se adica á mercar e vender, cunha cesta ou unha burra.

No que máis trata é na froita e tamén nos ovos e galiñas, fabas, millo… cantas noites frías pasou ela co seu cabalo polas corredoiras volvendo das feiras, para que logo ao entrar na vila os consumeiros remexan todo o que leva. Alá vai ela polas rúa pregoando as mercadorías.

O SIÑO MINGOS

Ben o vedes como está de vello e escontromiñado. Tamén ha de andar pol-os setenta e tantos, se non pasa deles.

Agora que a muller morreu e as fillas casaron, o señor Mingos vive so. El quere morrer no mesmo lugar onde naceu, rodeado das figueiras, cerdeiras e loureiros polos que agatuñou cando neno. Ao cabo a filla convenceuno e marchou onda ela á cidade, pero o vello non pode afacerse naquela vida, onde todos falan castrapo e teñen costumes diferentes. “Os netos cada vez que me oen falar bótanse á rir. Non me eistrana. Eles fan o que ven. As vilas sonche outro mundo”. Ao cabo volve a Eirís e a súa alma atopa de novo a paz.

(1)  Fonte da imaxe de Lesta Meis: Abellas de ouro. Grandes Mestres. Xerais, 1982.
(2)  Benito Varela Jácome. Ibidem anterior.
(3)  Prólogo de Lesta Meis para Manecho o da rúa. Lar Revista Mensual, nº 17. Xaneiro de 1926. “Cando se fundou a Empresa para publical-a novela Lar, o director pideume orixinal para un número. Ainda non salira o primeiro. Pregunteille si pagaban, e contestoume que sí. Pero comprendín que lle non gustou a pregunta. A min poida que tampouco me gustara no seu caso. Espriqueime. Díxenlle que un artículo ou dous ainda se facían inda que fose de mala morte. Pero unha novela ten os seus sangoneos. Ademais, non tendo eu firma literaria como non teño non se me podía pedil-a novela como axuda á Empresa. Mais que d’axuda podía servirlle de perxuicio. E a min de motivo para que me deran unha falerpa pol-o atrevimento”. Nota. Ao cabo Lesta contribuíu desinteresadamente no proxecto, motivado polo seu compromiso coa causa do galeguismo.
(4)  Biblioteca Virtual Galega. 2006