sábado, 7 de decembro de 2013

CINCOENTA HOMES POR DEZ REÁS




CINCOENTA HOMES POR DEZ REÁS / Rodríguez Castelao, Alfonso Daniel
3 de xullo de 1930
Imprenta Nós – A Cruña. Avenida de Linares Rivas, 50
Sen paxinar ; 23 cm.

A primeira edición dos Cincuenta homes por dez reás de Daniel Castelao, foi impresa por Nós en xullo de 1930 no obradoiro da Avenida de Linares Rivas da Coruña.

Menos dun ano máis tarde, o 2 de maio de 1931, Nós editou a segunda edición, tamén no obradoiro de Linares Rivas. Este foi, xunto con O Mariscal, de Cabanillas e Antón Villar (a primeira edición foi editada por Lar) e a Historia sintética de Galicia, de Ramón Villar, os únicos libros que mereceron unha segunda edición na editorial Nós. (2)

O tíduo do libro é o precio do exemplar das dúas primeiras edicións. Dez reás eran cincuenta perraschicas. Un home por cinco céntimos. Non podía dárese unha maior democratización dun libro humorístico. (3)

“Y eu dou homes máis baratos ainda, coma quén dí regalados. E todos escollidos pola miña man. Cincoenta homes por dez reás. E qué homes!... Persoaxes de novela, todos eles.” Proclama Castelao desde o prólogo do libro. Non obstante, a segunda edición inclúe corenta e oito porque nela repítense os homes 30 e 37, e faltan os que fan o número 31 e 36, nun claro erro de impresión.

Tarxeta publicitaria impresa en 1930
Todos eles son arquetipos, esencia da humanidade; concrecións que permiten ser elevadas ao rango de categoría, novelando vidas enteiras a partir dunha imaxe. O propio Castelao dános a chave para interpretar o libro: “Un home revira unha tortuga e ollando como espernexa para dala volta, cavila que a tortuga o que ten é vergonza de amostral-a barriga. E vós podedes decir que este home é un humorista”.

2ª Edición. Nós, 1931
O humorismo de Castelao ten decote un senso humán. É o humorismo da compasión. Inda que – naturalmente – seña humorismo de protesta. Pero sabe sintetizar estas dúas actitudes. Precisamente dun xeito que fai o seu estilo. (4)

Castelao foi un mestre da concisión literaria. O texto non debe escurecer a imaxe, e os breves comentarios; sentenzas máis ben, fan as veces de título e guían as reflexións do lector, facendo que o relato – a verdadeira literatura – naza na súa cabeza.

É unha auténtica “Comedia Humana”, anque concisa, sobria, concentrada, pero rica en implicacións que o contemplador, como dixemos é arrempuxado a desenvolver de maneira infinda. (5)

Hoxe en día os humoristas ficaron acurrunchados nos espazos marxinais do xornal. Pero cando Castelao inventou os seus homes, a sutileza do debuxante era máis valorada que a profundidade dos editoriais e columnas de opinión. Os resumos áxiles e evocadores coroados por imaxes suxestivas permiten ao lector participar na construción do relato, e o sorriso súpeto que conecta a pluma co ollo abre todo un mundo de complicidades que, con excepción da fotografía, non está ao alcance doutros xéneros xornalísticos.

Textos da obra

1. O home escrupuloso que apreta os timbres co-a punta do bastón.
Un aprehensivo.
2. O home que escribe á máquina as cartas de amor.
Un burócrata.
3. O home que ten independencia económica.
Un esmoleiro.
4. O home que se bota de valente dendes que lle pegaron unha puñelada.
Un milhomes.
5. O home que ten unha patria moi grande.
Un asoballante.
6. O home que ama o futbol.
Un idealista.
7. O home que traballa de médico e sabe moito de abogado.
Un conselleiro.
8. O home que se casou por amor propio.
Un interesado.
9. O home que gana seis mil e gasta sesenta mil.
Un fachendoso.
10. O home que deixou a tenda por ir ô Auntamento.
Un cacique.
11. O home que se baixou á coller unha onza e colleu unha caixa de betún.
Un chosco.
12. O home que foi â China e trouxo os ollos torcidos.
Un desleigado.
13. O home que foi ladrón e dispóis fíxose filántropo.
Un impostor.
14. O home que perdeu unha perna e pudo perdel-as duas.
Un optimista.
15. O home que engorda moito e gana pouco.
Un desastrado.
16. O home á quén lle ofreceron unha labazada e púxoselle bermello un lado da cara.
Un coitado.
17. O home que ten moito que perder.
Un avarento.
18. O home que aínda goza mirando pernas.
Un gaiteiro.
19. O home que calcula cantos fillos seus haberá na Inclusa.
Un repugnante.
20. O home no seu derradeiro esforzo.
Un vello verde.
21. O home que sempre esquece o paraugas.
Un despistado.
22. O home á quén lle está empezando un cáncer no estómago.
Un lambón.
23. O home que viaxa para ilustrarse.
Un ocioso.
24. O home que se afixo a que lle chamen ladrón.
Un negociante.
25. O home que chegou á Ilustrísimo Señor pol-o riguroso turno de antiguedade.
Un amargado.
26. O home que foi home.
Un apesarado.
27. O home que non sabe en qué hora vive.
Un distraído.
28. O home que en doce anos de América ganou para un enterro de primeira.
Un infeliz.
29. O home que mete medo sendo moi honrado.
Un desapracible.
30. O home que anda aboyado pol-as rúas.
Un desocupado.
31. O home que non anda en automoble por medo.
Un precavido
32. O home á quén se lle perdoa todo porque ten doce fillos.
Un tolambrón.
33. O home que chegou á ser feliz en vida.
Un tolo.
34. O home que quixo ser can e xa era un porco.
Un libertino.
35. O home que aínda non tivo ocasión de cometel-o asasinato.
Un resentido.
36. O home que vai â misa de doce.
Un aparente.
37. O home que pensa acabar con todal-as cascudas do mundo.
Un teimudo.
38. O home que sabe moitas leises para facer moitas trampas.
Un raposeiro.
39. O home que subeu â torre porque estaba borracho.
Un arroutado.
40. O home que mercou un can para ter en quén mandar.
Un cohibido.
41. O home que non sabe porqué a balanza é un símbolo da xusticia.
Un ladrón.
42. O home rico en pesetas que regala céntimos para ir ô Ceo.
Un fariseo.
43. O home que parece Don Quixote e presta diñeiro ô doce por cento.
Un usureiro.
44. O home que se casou con Ramona para aforrar unha criada.
Un mesquiño.
45. O home estúpido que namorou â muller d’un sabio.
Un sedutor.
46. O home que atrapou unha pulga sendo cego de todo.
Un mañoso.
47. O home que se ensaya para recibil-o pésame.
Un morboso.
48. O home que anda detrás de todol-os que mandan.
Un adulador.
49. O home que non quería morrer e morreu.
Un quimérico.
50. O home que aínda confía no porvir.
Un iluso.

(1)  Fonte da imaxe de Castelao: ianasagasti.blogs.com
(2)  O Mariscal. Ramón Cabanillas e Antón Villar Ponte. Primeira edición, Lar. Agosto de 1926. Segunda edición, Nós. 1929. Historia sintética de Galicia. Ramón Villar Ponte. Primeira edición, Nós. Novembro de 1927. Segunda edición, Nós. Decembro de 1932.
(3)  Cincoenta homes por dez reás. Ánxel Fole. Grial nº 47. Homenaxe a Castelao. Xaneiro-Marzo 1975.
(4)  Ibidem anterior.
(5)  Notas á obra de Castelao. Antón Risco. Actas do Segundo congreso de estudos galegos. Brown University. 1988.


2 comentarios:

  1. Ola Xabier, aproveitando a análise que fas do libro gustaríame resolver unha dúbida que teño dende hai moito tempo. Teño lido que a primeira edición deste libro foi editada en 1926 pero as informacions son moi pobres e confusas. Teño que buscar onde o vin. A ti soache algo? Pode ser que tentasen publicalo en Lar e que finalmente saíu en Nós en 1930?
    Un saúdo, Marcos.

    ResponderEliminar
  2. Ola Marcos, non sei se Lar proxectou editar o libro en 1926. Como sabes, ese foi o ano en que Lar editou Cousas, e antes deste libro os únicos títulos publicados, á parte da colección de novela breve, foron Os nenos (Filgueira Valverde), O bendito San Amaro (Ramón Cabanillas) e O corazón dun pedaneo (Leandro Carré). Desde logo 50 homes por 10 reás non está no catálogo de Lar e se sabes dalgunha información sobre unha tentativa fanada por publicalo sería moi interesante coñecela.Grazas por participar neste foro.
    Unha aperta, Xabier

    ResponderEliminar