ENCOL DO NOME DE MARTÍN CODAX / Armando Cotarelo Valledor
1933
NÓS, Pubricacións Galegas e Imprenta. Hortas, 20. Santiago
NÓS, Pubricacións Galegas e Imprenta. Hortas, 20. Santiago
22 p ; 16,5 cm.
O estudo breve Encol do nome de Martín Codax foi escrito por Armando Cotarelo Valledor e impreso na editorial NÓS na rúa das Hortas de Compostela en 1933.
O texto saíu do prelo como separata
exenta e tamén apareceu no número 109 do boletín NÓS, publicado o 15 de xaneiro
de 1933.
Este foi un dos numerosos
traballos presentados por Cotarelo durante o primeiro terzo do século XX,
moitos deles editados por LAR e NÓS. De feito, a obra ábrese cunha
listaxe de corenta e dúas publicacións do mesmo autor, entre 1898 e 1933,
incluíndo biografías, ensaios, programas pedagóxicos, novela, contos, memorias
e teatro.
Encol do nome de Martín Codax ábrese coa información do
sorprendente achado que en 1914 fixo o libreiro Pedro Vindel do pergamiño encabezado polo nome do trobeiro, usado
como forro no tratado De officis de Cicerón e que a diferencia dos versos
recollidos no Cancioneiro da Biblioteca
Nacional de Lisboa e no Cancioneiro
da Biblioteca Vaticana, conserva a notación musical das cantigas.
Said Armesto confirmou a importancia do documento e o mesmo
Vindel anunciou o descubrimento en febreiro de 1914 na revista Arte Español, publicando o texto
completo e anotado en 1915 nunha edición cunha tirada de moi poucos exemplares.
Boletín NÓS nº 109 |
Alén das sete cantigas de amigo,
non sabemos nada certo sobre Martín
Códax, quen compuxo os versos entre a segunda metade do século XIII e a
primeira do XIV, se ben Cotarelo quere engadir unha conxectura máis ás que se
teñen feito sobre o trobeiro.
En primeiro lugar desbota que o
nome Codax proceda de Códice, como tiña afirmado Vindel en 1915
(Martín Códice ou Libro de Martín).
Chamar
códice a unha folla solta non semella artellado, pois tanto en latín como en
castelán como en galego, codex = códice, sinifica cuaderno ou libro de varias
follas. E supondo acerto nesta conxetura, que é moito supor, ¿por qué non se dí
tamén codax ô rolo ou folla de outros poetas?
Tamén anota como o Cancioneiro da Vaticana recolle a
notación Codaz, sen que ninguén
chegara a establecer a derivación etimolóxica da que procede.
E non obstante, Cotarelo afirma
que Codaz e Codas son equivalentes pola correspondencia entre o “s” e o “z” no galego
Nas
escrituras antigas lemos suzo x suso, couzas x cousas, leonezes e leoneses...
por ende, Codaz pode ser Codas. A maor abundamento non fallan casos de
equiparanza do x co z, así en Portugal como en Galicia... Creo de min que sin
ningún destordegamento, pódese tirar do avandito esta ecuación: Codax-Codaz =
Codas.
E malia non estar claro o
significado de Codas, que en
singular procede de “cauda” latino e en portugués, que non en galego, asimílase
a rabo, o autor prefire asimilalo a unha palabra usada na contorna de Vegadeo,
de onde é orixinario.
Na
miña terra i en toda aquela bisbarra, a parola coda sinifica o mesmo que codia.
Ten o pan coda e ten miola. Ansí oise decir decotío... dendes Ribadeo hasta
Tapia e dendel-o mar hasta Fonsagrada, ninguén por alí descoñece este vocábulo.
Cotarelo toma coda como verba arcaica da lingua
galega, quizais derivada da raíz cota
(visigodo kotta = cuberta) ou da latina cûtis.
Por
tanto, namentras outra cousa non se amostre, entendo que Codax = Codaz, debe
lerse Codas. Asina Martín Codas sinificará Martín Codias, ou, como dí o
castelán, Martín Cortezas.
(1)
Fonte da
imaxe de Armando Cotarelo: I.E.S.
Armando Cotarelo Valledor.