domingo, 20 de xaneiro de 2019

ENCOL DO NOME DE MARTÍN CODAX


ENCOL DO NOME DE MARTÍN CODAX / Armando Cotarelo Valledor
1933
NÓS, Pubricacións Galegas e Imprenta. Hortas, 20. Santiago
22 p ; 16,5 cm.

O estudo breve Encol do nome de Martín Codax foi escrito por Armando Cotarelo Valledor e impreso na editorial NÓS na rúa das Hortas de Compostela en 1933.
O texto saíu do prelo como separata exenta e tamén apareceu no número 109 do boletín NÓS, publicado o 15 de xaneiro de 1933.
Este foi un dos numerosos traballos presentados por Cotarelo durante o primeiro terzo do século XX, moitos deles editados por LAR e NÓS. De feito, a obra ábrese cunha listaxe de corenta e dúas publicacións do mesmo autor, entre 1898 e 1933, incluíndo biografías, ensaios, programas pedagóxicos, novela, contos, memorias e teatro.
Encol do nome de Martín Codax ábrese coa información do sorprendente achado que en 1914 fixo o libreiro Pedro Vindel do pergamiño encabezado polo nome do trobeiro, usado como forro no tratado De officis de Cicerón e que a diferencia dos versos recollidos no Cancioneiro da Biblioteca Nacional de Lisboa e no Cancioneiro da Biblioteca Vaticana, conserva a notación musical das cantigas.
Said Armesto confirmou a importancia do documento e o mesmo Vindel anunciou o descubrimento en febreiro de 1914 na revista Arte Español, publicando o texto completo e anotado en 1915 nunha edición cunha tirada de moi poucos exemplares.
Boletín NÓS nº 109
Alén das sete cantigas de amigo, non sabemos nada certo sobre Martín Códax, quen compuxo os versos entre a segunda metade do século XIII e a primeira do XIV, se ben Cotarelo quere engadir unha conxectura máis ás que se teñen feito sobre o trobeiro.
En primeiro lugar desbota que o nome Codax proceda de Códice, como tiña afirmado Vindel en 1915 (Martín Códice ou Libro de Martín).
Chamar códice a unha folla solta non semella artellado, pois tanto en latín como en castelán como en galego, codex = códice, sinifica cuaderno ou libro de varias follas. E supondo acerto nesta conxetura, que é moito supor, ¿por qué non se dí tamén codax ô rolo ou folla de outros poetas?
Tamén anota como o Cancioneiro da Vaticana recolle a notación Codaz, sen que ninguén chegara a establecer a derivación etimolóxica da que procede.
E non obstante, Cotarelo afirma que Codaz e Codas son equivalentes pola correspondencia entre o “s” e o “z” no galego
Nas escrituras antigas lemos suzo x suso, couzas x cousas, leonezes e leoneses... por ende, Codaz pode ser Codas. A maor abundamento non fallan casos de equiparanza do x co z, así en Portugal como en Galicia... Creo de min que sin ningún destordegamento, pódese tirar do avandito esta ecuación: Codax-Codaz = Codas.
E malia non estar claro o significado de Codas, que en singular procede de “cauda” latino e en portugués, que non en galego, asimílase a rabo, o autor prefire asimilalo a unha palabra usada na contorna de Vegadeo, de onde é orixinario.
Na miña terra i en toda aquela bisbarra, a parola coda sinifica o mesmo que codia. Ten o pan coda e ten miola. Ansí oise decir decotío... dendes Ribadeo hasta Tapia e dendel-o mar hasta Fonsagrada, ninguén por alí descoñece este vocábulo.
Cotarelo toma coda como verba arcaica da lingua galega, quizais derivada da raíz cota (visigodo kotta = cuberta) ou da latina cûtis.
Por tanto, namentras outra cousa non se amostre, entendo que Codax = Codaz, debe lerse Codas. Asina Martín Codas sinificará Martín Codias, ou, como dí o castelán, Martín Cortezas.
(1)   Fonte da imaxe de Armando Cotarelo: I.E.S. Armando Cotarelo Valledor.


Ningún comentario:

Publicar un comentario