PEPA ANDREA / Pedro
Guimarey
13 de setembro de 1933
Nós Pubricacións Galegas e Imprenta. Rúa do Vilar, 15. Santiago.
Nós Pubricacións Galegas e Imprenta. Rúa do Vilar, 15. Santiago.
Volume LVII
92 p ; 17,5
Cm.
A peza teatral Pepa
Andrea. Novela iñota de Pedro Guimarey. Esceificada por J. Pérez Parallé foi
impresa por Nós en Compostela en setembro de 1933.
Pedro Guimarey Filgueira foi un escritor e político republicano asasinado en Ferrol
en setembro de 1936, que ademais exerceu como director do semanario Renovación, de orientación laica e
republicana e onde coincidiu con Xosé María Pérez Parallé, escritor e mestre, tamén ferrolán como Guimarey.
A obra, confusamente atribuída a Parallé por Filgueira
Valverde debido á ambigua descrición da capa, foi escrita por Pedro Guimarey,
como queda demostrado no anticlericalismo do argumento que resulta coherente coa ideoloxía do autor, e máis se temos en conta
a traxectoria anterior e posterior de Parallé, marcada por unha concepción
católica do mundo.
Varios cadros de declamación representaron a peza, entre
eles a agrupación Queixumes dos pinos do barrio de Lavadores en 1934 e tamén
meses máis tarde o grupo vigués La Aurora. (2)
O texto vai precedido dun prólogo crítico escrito por Antón Villar, quen lamenta o simbolismo
arcaico dos personaxes dramáticos; seres rectilíneos que representan un rol en
lugar de vivir de acordo coas súas circunstancias.
O escolante e o crego
fánse máis que persoaxes de carne e oso, bonecos artificiosos buscados pra
sentar unha tese anticlerical (..) temos que fuxir do teatro de símbolos do
século pasado, no que caiu o mesmo Galdós, onde o inxeneiro era sempre a
libertade, o progreso; e o comerciante, o mercadeiro e o crego, a reaución.
Villar defende o cultivo do folk-drama ao xeito do teatro
irlandés para construír un teatro nacional galego ceibe de prexuízos, “bebendo de novo, c’o noso propio vaso, nas fontenlas
cristaíñas e gurgullantes da raza”.
Tamén Filgueira
Valverde critica a obra e fustriga en Pérez Parallé:
Pedro Guimarey é
descoñecido nas letras galegas, Pérez Parallé, non. No noso ficheiro aparez
pol-o menos con tres traballos galegos pubricados nas páxinas de “Abrente”, o
orgao dos “Luises” de Compostela (3), fai uns cinco anos. A inspiración de
“Pepa Andrea” rifa de cheo ca tónica relixiosa de aqueles poemas. E son
precisamente aqueles poemas os que nos moven a ocuparnos desta obra. Porque a
sona católica do autor pode levar a engano os lectores. E porque compre que os
lectores lembremos tamén ao autor o seu verdadeiro camiño. (4)
Xa que logo, Filgueira parece determinado a volver ao
rego a Pérez Parallé, quen participou canda el na fundación do semanario
Abrente.
Pepa Andrea é unha traxedia de costumes ambientada na
aldea onde confrontan a ignorancia e a intransixencia encarnadas polo sogro e o
crego coa tolerancia do mestre, quen ve no caciquismo e escurantismo dos
aldeáns a causa principal do atraso en que viven. O autor presenta un relato moral onde os
protagonistas acadan a redención por medio da penitencia.
Sinopse da obra
Pepa Andrea e o
mestre don Xerardo parolan no camiño.
Vai para catro anos que Pepa Andrea casou con Antón, pouco antes del marchar deixándoa encinta sen recibir nunca
novas súas.
A escola está pechada porque a comunidade celebra unha
festa relixiosa. Xerardo cóntalle como rexeitou levar os nenos deica a igrexa formados
como soldados por indicación do crego.
D. Xerardo. Que eu iso non o facía, e como non quería decirlles nada aos pequenos, o
úneco que podía era deixalos na libertade de facel-o que eles quixeran ou o que
ordenaran os seus pais.
O crego entende a escola como unha extensión da igrexa,
mentres que para o mestre son ámbitos diferentes.
Vingativo, o crego informa ao señor Andrés, o sogro de Pepa Andrea, das supostas relacións entre
a nora e o mestre. Andrés pídelle a Pepa Andrea que afaste o neno do mestre.
Sr. Andrés. E tí, Pepa Andrea, si queres aniñar n-ise amor, en min e n-ista casa, fuxe,
fuxe de ese demo de home; arrédate da sua sombra de trasno, aparta ao teu
fillo, ao meu neto, da sua escola maldita.
Ela négase e o sogro bótaos da casa. Seis meses máis
tarde, aldraxada, Pepa Andrea suicídase. Andrés e o crego culpan o mestre da
morte, quen se arrepón diante da ignorancia dos aldeáns.
Tempo máis tarde chega das Américas Antón, o fillo do
señor Andrés, cego e pobre, arrepentido por ter fuxido do carón de Pepa Andrea
e convencido de ser o causante da traxedia. O avó perdeu as propiedades da
familia e agora vive da caridade xunto ao neto. Os tres acoden ao camposanto para
pregar o perdón de Pepa Andrea.
(1) Fonte da foto de Pedro Guimarey: BiosBardia. Noticia de Pedro Guimarey, dramaturgo de éxito asasinado no 1936
(2) Ibidem anterior.
(3) Os Luíses foi unha congregación integrada por mozos universitarios
fundada polos xesuítas, que no caso de Compostela foi constituída logo de volver
a orde á cidade para ocupar o convento de Santo Agostiño no último cuarto do
século XIX. O nome procede do santo xesuíta Luís Gonzaga, patrón da xuventude.
Tamén recibiu o nome de Congregación San Luís Gonzaga ou Fillos de San Luís.
(4)
Agromar [1936]
e a(s) lingua(s): un discurso exemplificador do combate contra a diglosia. Goretti
Sanmartín Rei