NOTABLE GRUPO DE
CÍRCULOS LÍTHICOS Y TÚMULOS DOLMÉNICOS DE LA CUENCA SUPERIOR
DEL EUME / Federico Maciñeira
12 de xunio de 1929
Nós Publicacións Galegas e Imprenta. Real, 36 – 1º. A Cruña.
Nós Publicacións Galegas e Imprenta. Real, 36 – 1º. A Cruña.
38 p ; 24
Cm.
A separata exenta do segundo volume dos Arquivos do
Seminario de Estudos Galegos titulada
Notable grupo de círculos líthicos y túmulos dolménicos de la cuenca superior
del Eume do autor Federico Maciñeira Pardo de Lama foi impresa por Nós en Compostela en xuño de 1929.
O traballo está escrito en castelán e foi dedicado polo
autor a José Ramón Mélida, director do Museo Arqueolóxico Nacional. (2)
Maciñeira foi un político e arqueólogo autodidacta que
investigou os castros e monumentos megalíticos nas comarcas do Ortegal e do
Eume, recollendo as pescudas en numerosos traballos publicados entre os anos
1895 e 1947 que fixeron del o principal investigador da Prehistoria local no
seu tempo.
O autor é consciente de vivir os primeiros pasos dos estudos
arqueolóxicos e sente a responsabilidade de contribuír ao desenvolvemento da
disciplina desde o día en que atopou no altiplano da comarca do Ortegal un
interesante grupo de construcións prehistóricas, trinta e cinco anos antes da
publicación da separata.
Este traballo dá conta do achado de dous círculos líticos
ou cromlechs (de Kroum, círculo e Lech,
pedra, en bretón) e cinco enterramentos megalíticos, tamén coñecidos como
medoñas, no lugar da Mourela.
Os círculos investigados por Maciñeira, hoxe destruídos (3), estaban
formados por chantos de escasa altura e próximos entre eles, a diferencia dos
recintos de Francia e Gran Bretaña que reúnen grandes pedras separadas.
Bajo ningún concepto
puede dudarse del carácter monumental de los círculos lithicos del alto Eume.
Por su situación en una elevada y descampada cumbre (...) y por no observarse a
sus alrededores restos algunos que pudieran inducirnos a suponer que hubiesen
sido complemento de otras construcciones, unido a la significativa
circunstancia de formar grupo con varias importantes mámoas.
Os achados de Maciñeira na cunca superior do Eume esténdense
polo val das Pontes e a serra da Faladoira deica o porto de Bares e o camiño de
Cheibán en dirección a Cedeira.
Esta estación venía a
representar el núcleo central de una tribu, de donde irradiaban varios caminos, aun en uso, por las
tumbas revestidos de carácter sagrado, que la ponían en comunicación con el
mar.
Os monumentos megalíticos estaban situados a dous
quilómetros da vila das Pontes, seguindo o vello camiño de Betanzos, nun lugar
chamado popularmente Medoñas da Mourela,
que indica os túmulos no lugar dos mouros, tamén chamado antigamente Pedras Chantadas. En concreto a
estación formábana cinco mámoas e dous círculos líticos.
Nº 1. Ruínas
dunha mámoa pequena esnaquizada.
Nº 2. Túmulo
circular de dez metros de diámetro, escavado amplamente.
Nº 3. Círculo
lítico menor de nove metros de diámetro, formado por penedos irregulares e
bastos de cuarzo chantados e pexados os uns cos outros, sobresaíndo do terreo
uns corenta centímetros e dispostos en dúas fileiras concéntricas, cunha
entrada a xeito de corredor con xambas lixeiramente máis altas ca os outros
chantos.
Nº 4. Túmulo
circular situado entre os dous círculos. Ten vinte e catro metros de diámetro e
pecha no seu interior un dolmen cunha cripta poligonal formada por laxes de
xisto de dous metros e medio de diámetro e case dous metros de alto.
Nº 5. Círculo
lítico de vinte metros de diámetro formado por penedos de cuarzo que sobresaen
do terreo entre trinta e sesenta centímetros colocados en dúas fileiras
concéntricas e unidas, cunha abertura de acceso como sucede no círculo menor,
se ben máis monumental.
Debuxo Celtiberia.net |
Nº 6. Gran
túmulo circular megalítico. Mámoa cun diámetro de trinta e un metros, que ocupa
o cumio do emprazamento. Maciñeira atopou intacto o monumento.
Comencé a roturar la
gran Medoña da Mourela por la cumbre, hallándome con tierra limpia y a los
setenta centímetros de profundidad tropezamos con los extremos superiores de
las cuatro grandes piedras verticales que formaban el recinto, invirtiendo tres
días con cuatro peones en poner por completo al descubierto la megalítica
construcción.
No interior das laxes dispostas de xeito trapezoidal
Maciñeira atopou refugallos de carbón vexetal mesturados con terra queimada,
sen que houbera outros vestixios relevantes.
Nº 7. Túmulo
circular que agocha un dolmen. Resulta idéntico ao número 4, de vinte e catro
metros cuberto pola mesma terra arxilosa que agocha unha cámara formada por
cinco soportes de xisto e cuarzo. Do interior da cámara ocupada por carbón e
terra calcinada Maciñeira recadou un machado de pedra puída de trece
centímetros de longo e partida pola metade, que o arqueólogo interpreta como un
obxecto cerimonial.
O autor conclúe diante da estrañeza que lle producen
estes círculos líticos únicos na comarca, que el data no eneolítico, e dada a
súa semellanza cos cromlech da Bretaña e as Illas Británicas, que “parece haber mantenido nuestra región en edades remotas
determinados contactos, conforme he intentado demostrar, apoyándome no solo en
los vestigios que por esta parte del país se conservan, sino en razonamientos
de orden náutico” (4). O investigador identifica a coincidencia entre os recintos
funerarios de Galiza e os achados de restos cerámicos semellantes (vasos campaniformes), cos de alén mar,
delatando no seu xuízo a existencia de culturas emparentadas no occidente de
Europa.
Por último, Maciñeira aventura o simbolismo relixioso dos
círculos rodeados por mámoas e novela unha posible cerimonia celebrada neles servíndose das informacións achegadas por Tácito e Estrabón.
Por la abertura que
hacía oficios de ingreso al templo, penetraría el clam al sagrado recinto,
desfilando por ella de manera ceremoniosa, conforme a las fórmulas ritualistas
de la tribu o tribus confederadas. Una vez dentro, iríanse colocando los
concurrentes formados en semicírculo, sentándose quizá en el suelo respaldados
contra los pedruscos del cerco, efectuándolo los de mayor categoría frente a la
entrada. El maestro de ceremonias, pontífice, sacerdote o jefe actuaría sin
duda desde el centro del recinto o entre los hitos de la puerta, cara al sol
naciente, celebrando los sacrificios si ellos entraban en las prácticas
religiosas de aquella cultura.
(1) Fonte da imaxe de Federico
Maciñeira. diariodeferrol.com
(2)
José Ramón
Mélida Alinali (1856-1933). Impulsor do estudo da arqueoloxía en España.
Dirixiu as escavacións de Numancia e Mérida.
(3)
Os seixos
de cuarzo foron utilizados como grava para asfaltar o camiño veciñal das
Boliqueiras durante os anos 40. Anos máis tarde, a construción da Autovía
Ferrol-Vilalba ao seu paso por As Pontes sepultou a mediados de 2006 os restos
do círculo lítico no tramo As Pontes-Cabreirós ao atravesar a necrópole
prehistórica da Mourela. Foi daquela cando os arqueólogos Andrés Bonilla e
Ramón Fábregas publicaron no ano 2009 unha polémica investigación na editorial
Andavira (Círculo de engaños: Excavación del cromlech de A Mourela) onde
afirman que os círculos son os restos dun alboio medieval e un curro para
animais.
Para saber máis sobre os círculos da Mourela consulta a
ligazón: O círculo que foi: A Mourela no seu contexto histórico. Xosé Ignacio Vilaseco.
(4)
Maciñeira
publicou no boletín da Academia Galega de abril-xuño de 1924 o traballo: Relaciones marítimas entre el Norte de
Galicia y las Islas Británicas en tiempos prehistóricos.
Ningún comentario:
Publicar un comentario