luns, 3 de xuño de 2019

A EIREXA DE SANTA MARÍA DE MIXÓS E AS SÚAS ARAS ROMANAS


A EIREXA DE SANTA MARÍA DE MIXÓS E AS SÚAS ARAS ROMANAS / F. Bouza Brey, M. Fontes Canal e X. Ramón Fernández Oxea
1 de novembro de 1928 e 10 de Nadal de 1928
Nós, Pubricacións Galegas e Imprenta. A Cruña – Real, 36
11 p ; 28 cm.

O traballo A eirexa de Santa María de Mixós e as súas aras romanas, escrito por Fermín Bouza-Brey Trillo, Manuel Fuentes Canal e Xosé Ramón Fernández-Oxea, con fotografías e debuxos de Cayetano de Mergelina Luna, foi publicado por Nós na Coruña en novembro de 1928 e, de novo, por segunda vez en decembro do mesmo ano.

Esta separata forma parte do catálogo de publicacións do Seminario de Estudos Galegos e ten a particularidade de ser a única das editadas por Nós onde se menciona a impresión dunha segunda edición.

Resulta habitual que Casal imprima unha pequena tiraxe dos traballos elaborados polos membros do SEG para entregar á institución e outro número menor destinado a atender os compromisos dos autores, os cales ás veces solicitaban novas copias pagadas do seu peto. Non obstante, as sucesivas impresións non xeraban outras edicións, como semella ser o caso deste documento.

Ao tempo, moitos destes traballos tamén aparecían inseridos no boletín Nós, como ocorre nesta ocasión cos números 59 e 60 correspondentes aos meses de novembro e decembro de 1928.

Boletín Nós 59 e 60
As monografías sobre a arquitectura das igrexas resultan habituais entre os membros do SEG, e no primeiro dos boletíns podemos ler outro estudo sobre Santa Eufemia de Ambía escrito por Manuel Gómez Moreno e Xosé Ramón Fernánez-Oxea, encabezado polo seguinte texto, probablemente de Vicente Risco:

Os achádegos d’eirexas galegas, anteriores â implantación da arquiteitura románeca en Sant’Iago, con éisito tan soberán, van cundido, por sorte, e aínda caxeque ô azar, de modo que agora poderánse engader tres ou catro mais, ben curiosas. Mais esta sorte xustifícase razonablemente como premeo ô esforzo laborioso d’un grupiño de galegos cultos, que sacrifican o seu tempo, os seus meios e aínda o positivo do seu porvir, en ben da arqueoloxía patria, asegún pr’os lectores de NÓS é ben notorio.

En setembro de 1928 e como remate da campaña de verán dese mesmo ano, Bouza-Brey, Fuentes Canal e Fernández-Oxea, membros os tres da sección de Arqueoloxía do SEG, acudiron deica a igrexa de Santa María de Mixós, situada a catro quilómetros da vila de Verín, seguindo a estrada de Laza.

A pequena aldeíña de Mixós ten ademirabel emplazamento. Deitada n’unha ladeira de Monterrei, somella descansar ô coido do sonado castelo namentras axexa a vizosa campía do val dionisíaco que diante d’ela se desenrola co prestixio antigo das cepas seculares queimadas ô sol.

Os autores establecen a demarcación parroquial histórica da igrexa e, como non existen documentos referentes á data de fundación e o máis antigo recolle unha doazón pola cal o rei Alfonso VII cede o lugar de Mixós ao mosteiro de Celanova en 1155, recorren aos elementos decorativos para establecer a datación, por máis que da antiga fábrica da igrexa unicamente se conserve a cabeceira, formada por tres arcos de ferradura prolongada, mentres que o corpo da nave é de época máis moderna.

Os autores analizan polo miúdo a composición arquitectónica dos arcos e as capelas que identifican coas construcións visigóticas, e, non obstante, a disposición das tres ábsidas desbota a teoría porque as basílicas visigodas coñecidas teñen unha única ousia.

As eirexas con tres ousos, que responden â necesidade das tres advocazóns, que a protexen, comenzan á apareceren ca arte chamada asturiana (...) agora ben, os ousos das eirexas asturianas son sempre de planta cadrada interior i-esteriormente, cousa que non sucede na eirexa de Mixós. (A planta dás ábsidas da cabeceira e cadrada por fóra e redonda por dentro)

As únicas igrexas de cabeceira semellante á de Mixós son as mozárabes, como a leonesa de San Miguel de Escalada.

As molduras decorativas dos arcos remiten á arquitectura asturiana, datadas entre os séculos IX e X.

Por todal-as devanditas circunstanzas pômos en dúbida que a eirexa de Santa María de Mixós sexa un edifizo de época visigótica i-en vista da sua marca analoxía cas eirexas do ciclo asturiano, coidamos estar en presenza de unha basílica de tres naves de este tipo na que hay elementos de mozarabismo (...) e quedaría datada entre os fins do século IX e os comezos do X.

Ademais da estrutura da ábsida, a igrexa conta con pinturas murais que os investigadores datan nos séculos XIII ou XIV e tamén dúas aras romanas servindo de base ás lousas de altar, emprazadas diante das capelas.

Nunha delas pode apreciarse parcialmente un epígrafe labrado na pedra de grao. A primeira liña “BANDVE” alude a un deus do olimpo celta que deixou pegada na toponimia galega en lugares como Bande (Ourense e Lugo), Bandeira, Bandebó, Bandelo, Bandín, Bandomil... e a quen Murguía identificaba como o Marte galego, se ben con carácter feminino, mentres outros investigadores asimilárono en xeral coa palabra divino.

As seguintes liñas da inscrición están incompletas:

BANDVE
CAL .. CO
ER .. A
RVF ..
V. L. M.

A segunda liña pode significar CALAICO, mentres as dúas liñas que seguen quizais formen o nome da persoa que dedica o monumento, seguido do VOTUM LIBENS MERITO.

De xeito que a inscrición podería interpretarse como:

ERATA? RUFINA? CUMPRIU BOAMENTE O VOTO MOI DEBIDO QUE LLE TIÑA FEITO A BANDUE CALAICO?

(1)   Fonte da imaxe da igrexa de Santa María de Mixós: wikiloc.com
 

2 comentarios:

  1. Boas tardes, acabo de atopar o voso extraordinario blog. Quedei abraiado pola cantidade de información e magnífico traballo que hai nel sobre o noso editor universal Ánxel Casal. Xa non queda ninguén que mereza con máis xustiza a homenaxe das Letras Galegas. Noraboa o moitos parabéns por este impresionante traballo. Graciñas. Un saúdo de Celso Alberte Magariños Costas

    ResponderEliminar
  2. Agradezo os azos Celso. A miña intención con esta páxina é amosar a importancia e diversidade da obra da editorial Nós e como serviu para darlle voz á xeración de intelectuais galeguistas da preguerra, que sen ela terían permanecido maioritariamente na escuridade.

    ResponderEliminar