mércores, 17 de maio de 2023

GALIZA


GALIZA
/ Álvaro das Casas
1934

Nós Pubricacións Galegas e Imprenta – Rúa do Vilar, 15. Santiago

32 p ; 12 cm.

Este pequeno folleto pensado para levar no peto e tamén coñecido como o Catecismo dos Ultreyas, reproduce a estrutura de preguntas e respostas do catecismo católico e contén a síntese da doutrina galeguista escrita por Álvaro das Casas, guieiro ideolóxico dos membros da organización xuvenil Ultreya.


Ultreya
é un saúdo tradicional dos peregrinos que significa ir máis alá e foi adoptado por Álvaro das Casas para dar nome ás mocidades galeguistas que el mesmo fundou en febreiro de 1932 en Noia, onde exercía como catedrático de literatura no instituto secundario.

Del conta Otero Pedrayo no Libro dos amigos que: En Noia foi mestre e proel non soio da mocidade naquela riveiriña de finas esencias mariñeiras onde o oxival galego compriu seus fermosos e crebados degoiros (...) Espertaba nos mozos o amor das paisaxes. A dinidade antiga e as lembranzas podentes tiveron en Álvaro un afervoado espallador.

Coa fundación dos grupos Ultreya, Das Casas pretendía achegar o galeguismo aos máis novos, dotalos da conciencia de país e descubrirlles a súa historia. De feito, unha das actividades máis coñecidas dos grupos Ultreya eran as xeiras ou viaxes culturais por Galiza.


Das Casas militaba no Partido Galeguista desde a súa fundación en decembro de 1931 e non obstante, nunca foi un disciplinado militante. Contra o final do ano 1932 formalizou mediante unha carta a baixa no partido, afirmando aborrecer a política e decidido a afastar dela para dedicar o seu esforzo a promover os grupos dos Ultreya. (2)

Quizais este afastamento respondese máis ben a desacordos tácticos co Consello Executivo do Partido Galeguista, porque en 1933 fundou a Vangarda Nazonalista Galega, un partido arredista.

É probable, segundo anota Xavier Castro no texto O galeguismo na encrucillada republicana, que o carácter personalista de Álvaro das Casas provocase o interese por afastar os Ultreya da órbita do Partido Galeguista para dirixir en exclusiva a organización, segundo revela unha nota manuscrita en marzo de 1932.

Non estou d'acordo co-a orientación do Consello, eu non quero entrambelicarme con ela; eu teño ideas craras encol dos nosos fins, penso que os podo desenrolar cos meus rapaces, e non quero que naide poida dificultalas. Desexo responsabilidade e libertade.

No que si coincidían Álvaro das Casas e a dirección do Partido Galeguista era na importancia capital da mocidade no devir do galeguismo e en particular na organización dos Ultreya, que non tardou en espallarse alén Noia, integrando preto de 2.000 rapaces entre os 12 e os 20 anos.

Por este motivo, a Secretaría Executiva do PG comisionou en outubro de 1932 a Núñez Bua e Filgueira Valverde, quen era membro do Consello dos Ultreya, para facerse cargo da organización xuvenil, malia todo indicar que seguiu baixo a dirección de Álvaro das Casas.

Un dos aspectos que impregnou a estética da organización foi o gusto do fundador pola exhibición de símbolos, fascinado pola estética grandiosa dos partidos fascistas naqueles anos, como deixou escrito nas crónicas de viaxes.

Bandeiras, himnos, uniformes e emblemas forman parte da imaxe dos Ultreyas e poden verse nas fotos de grupo, a miúdo rodeados de bandeiras galegas e vestidos co tríscele vermello sobre xerseis e camisas.

Maio de 1932, Ultreyas en Noia


Outro pequeno folleto publicado por Álvaro das Casas en Pontevedra en 1934 co título Escolma de cántigas recolle un cancioneiro destinado aos Ultreyas, onde mestura as cancións populares cos chamados Cantos da Patria, abondando nos mitos do celtismo e o pasado glorioso da terra. Entre estes últimos atopamos a seguinte estrofa, na liña do arredismo que daquela profesaba:

Cantai galegos o himno xigante
dos pobos ceibes, dos pobos grandes,
cantai galegos a ideia santa
da independenza da nosa Patria.

O Catecismo dos Ultreyas, escrito a xeito de preguntas e respostas concisas e impregnadas do credo galeguista abrangue, entre outros, os símbolos, a definición xeográfica e a descrición de Galiza nunha linguaxe sinxela, ao alcance dos máis novos.

Nos símbolos, Das Casas describe a bandeira, o escudo, o lema de Galiza (Deus fratesque Galeciae) e o idioma.

Tamén identifica a raza celta como a propia de Galiza, conectada coas nacións celtas de Europa e recomenda aos mozos a lectura da Guía de Galicia escrita por Otero Pedrayo.

Nalgúns parágrafos destaca a aldraxe padecida polos galegos:

En moitas partes somos aldraxados, mais unánimemente recoñécese a nosa honradez, a nosa aitividade e a nosa capacidade e sofrimento no traballo.

O Estado desatendéunos sempre nas nosas necesidás de comunicación, de xeito que somos o país ibérico peor comunicado co interior. O camiño de ferro Ferrol-Xixón e o Cruña-Santiago-Zamora, deberan estar rematados fai dúceas de anos e semella que endexamais pasarán de proieitos.

A provincia, no noso país, é artificial; foron demarcadas no 1833 sen criterio nen fundamento de ningún xeito; mellor estaba feita a antiga distribución que demarcaba sete provincias galegas.


O texto describe a configuración xeográfica e económica de Galiza e no aspecto cultural destaca o labor do Seminario de Estudos Galegos.

-      Eu podo traballar para ele (Para o SEG)?

-      Tí e todol-os galegos comunicándolle calquer estudo que se faga en col da nosa Terra, calquer descoberta, cualquer hachádego.

Do mesmo xeito, Das Casas anima os mozos a recoller mostras da cultura popular como cantigas, toponimia, verbas, lendas... e remitilas ao SEG ou á revista Nós.


Nunha das entradas máis curiosas do catecismo pregúntase se os galegos son moi intelixentes!! pretendendo espertar nos mozos o orgullo de ser galego e, como mostra da sabedoría da raza, responde a pregunta citando os principais escritores con orixe galega, rematando a entrada coa afirmación: Se todol-os galegos que andan espallados pra alá de Quereño voltasen ao fogar con fé ardente nos nosos destiños, esta podería sere outra nova Atenas.

Deseguida cita os galegos insignes, desde Idacio até Curros e Lamas Carvajal e logo doutras descricións sobre arte e arquitectura, remata o volume cunha afirmación tenra, poñendo a súa fe no futuro de Galiza.

-      Vívese ben no noso país?

-      É fermoso coal ningún e rico como poucos; non contamos moitos milionarios pro probes, o que se dí probes, hai poucos; cada un vai arranxando a súa vida porque a terra está moi dividida e produz de todo. Soio se percisa que nos xuntemos todos nun grande ideal de superación galeguizándonos, ao xeito da nosa caste, i-europeizándonos no que a Europa ten de bón e codiciabre. Con ben pouco esforzo, Galiza pode voltar a sere o que foi nun tempo: o máis espritoal e arelado fogar de oicidente.

(1) Fonte da imaxe de Álvaro das Casas: bvg.udc.es

(2) O galeguismo na encrucillada republicana. Xavier Castro Pérez. Deputación Provincial de Ourense. 1985

(3) Fonte da foto dos Ultreya. Maio de 1932 @NoianaHistoria. Twitter



Ningún comentario:

Publicar un comentario