O GALO / Amado Carballo, Luís
4 de setembro de 1928
Nós, Pubricacións Galegas e Imprenta. Real, 36 – 1º. A Cruña
113 p ; 17,5 cm.
4 de setembro de 1928
Nós, Pubricacións Galegas e Imprenta. Real, 36 – 1º. A Cruña
113 p ; 17,5 cm.
O Galo, libro póstumo de poemas escrito por Luís Amado Carballo, foi impreso por
Nós o catro de setembro de 1928, coincidindo co aniversario da súa morte.
Pouco
antes de morrer, Amado Carballo publicou en 1927 o seu primeiro libro de poesía, como recorda o breve prólogo d’O
Galo.
Camiño da miña terra – como sua nas veiras
de Lérez – dei con él (vrán de 1927) n’unha casiña homilde de Pontevedra. Inda
que nunca nos víramos os nosos brazos cruzáronse como pra refrorecer unha vella
aperta. Falamos de «Proel» - que saíra facía pouco -, da nova xente e das novas
ideas encol da nosa terra. (2)
Luís
Amado enfermou de tuberculose; doenza que acabaría decontado coa súa vida. Logo
de publicar Proel o poeta pasou un tempo en Soutelo de Montes recuperándose da
enfermidade. Alí había escribir a maioría dos poemas incluídos neste novo libro.
Unha mañán de San Xoán / atopei a fror das
ágoas, / dend’aquela levo en min / unha mágoa de arelanzas.
Na terra… / no ceo… / no monte… / no val… /
Non atopo acougo / pra tan fondo mal.
A poesía de Amado Carballo influíu en
moitos dos seus contemporáneos, e aínda en poetas máis novos. Falouse mesmo
dunha escola poética inspirada por el. Esa escola recibiu diversos nomes:
neorrománica (?), imaxinista e hilozoista. En realidade, o que caracteriza as
imaxes empregadas polo poeta pontevedrés é, segundo Carballo Calero, o
animismo; é decir a natureza representada como un ser vivo dotado de alma. (3)
E
precisamente será a natureza a protagonista d’O Galo: a lúa, o mar, o val, o
vento, a fonte, o río, os animais, as árbores… todos eles humanizados pola
conciencia e os sentimentos.
A illa de Ons / preñada no mar / durmiuse
no berce / qu’avala o luar.
As
voces limpas de Amado Carballo e Manoel Antonio renovaron a poesía a comezos do
século XX. A publicación entre 1927 e 1928 de Proel, De catro a catro
e O Galo introduciu a poesía galega
na modernidade da vangarda.
Sinopse da obra
O libro
ábrese coa composición que dá título ao volume: O Galo.
Abrell’as portas ao día
co-a chave do teu cantar
que xa na fonte da Lua
está lavada a mañán.
co-a chave do teu cantar
que xa na fonte da Lua
está lavada a mañán.
Bótall’o teu aturuxo
a paisaxe dend’o val
qu’o gran balbo das estrelas
cairá serodio no mar.
a paisaxe dend’o val
qu’o gran balbo das estrelas
cairá serodio no mar.
O campo cheo de frío
busca un anaco de sol,
alcéndelle unha fogueira
co lume da tua voz.
busca un anaco de sol,
alcéndelle unha fogueira
co lume da tua voz.
A
fonte, o grilo, o xílgaro e máis os piñeiros interpretan unha sinfonía
pastoral, “canto realista d’emoción oitocentista”.
Os
paxaros: carrizos e cucos, tamén actúan de intermediarios entre os homes e o destino,
unindo a vangarda coa cultura popular:
Cuco-rey / rabo d’escoba / cantos días
faltan / para a miña boda?
O paxaro decontado / poñíase a cantar / e o
corazón latexante / estaba a moza á contar: / Un, dous, tres, / te non
trabucache / meu bô cuco-rey?
Entre
as imaxes recollidas nos poemas non falta tampouco a lúa:
velliña, / de brancos cabelos, / de enrugas
de ouro / e de olliños cegos.
Os
poemas vangardistas d’O Galo están ateigados de imaxes innovadoras.
Segándoos con fouces / de lua crecente / apañan
n’un feixe / os rayos do sol.
E
aínda…
Duro coitelo de lua, / o aturuxo da raza, /
fai vendima de cantares / na viña da miña alma.
Tamén
as persoas comparten coa natureza esta inmensidade instantánea que procuran as
imaxes do poeta, como o mariñeiro, “poeta das augas”:
Pigoreiro / das mans foulas / que borracho
de lua estás, / nos teus ollos debalan os lonxes / como as foulas no horfo
areal.
A tradición
interpretada de novo:
Co ollar humido de verde / camiñan os bois
labregos, / levando os piñeiros mortos / no primeiro cadaleito.
Logo a
natureza enteira chora a morte dos piñeiros.
Ficou chorando no campo / o enorme e viudo
vento, / buscándoos âs palpadelas / na orfandade do ermo.
Son
palabras xustas e certeiras que celebran a natureza.
O campo cheo de frío
busca un anaco de sol,
o poeta alcende a fogueira
co lume da súa voz.
busca un anaco de sol,
o poeta alcende a fogueira
co lume da súa voz.
(1) Fonte
da imaxe de Luís Amado Carballo: Real
Academia Galega.
(2) O
prólogo está asinado por O.E. Iniciais
que segundo Francisco Fernández del
Riego corresponden a Xosé Roxelio
Otero Espasandín, poeta e mestre que chegou a publicar varios poemas na
revista Nós. Información recollida no
Diccionario de Escritores en Lingua
Galega. Ediciós do Castro, Sada. 1990.
(3) Ibidem
anterior.
Ningún comentario:
Publicar un comentario