sábado, 21 de setembro de 2013

NAICIÑA


 
NAICIÑA / Carré Alvarellos, Leandro
17 de xaneiro de 1925
Lar, revista quincenal. Ano II; número 4. Editorial Lar. Real, 36 – 1º. A Cruña
25 p ; 16 cm.


Naiciña, primeira das tres novelas publicadas por Leandro Carré Alvarellos na revista Lar (2) e cuarto número da colección, foi impreso no obradoiro de Moret en xaneiro de 1925.

A obra está datada en decembro de 1924 e foi escrita expresamente por Carré para a colección que el mesmo dirixiu. Este foi o primeiro dos moitos relatos folletinescos que había publicar a editorial Lar na súa colección de novela curta, reproducindo un dos temas favoritos da literatura popular da época: o triunfo do amor sobre a rixidez convencional da sociedade. E se ben o relato non resulta renovador no argumento ou no estilo empregado, si aporta a novidade de presentar uns protagonistas urbanos que por vez primeira falan en galego.

Naiciña abonda no tópico da orfa desvalida e o cabaleiro protector e pretende ser unha traxedia moralizante que sirva de aviso para os pais excesivamente protectores:

Daquela comprendín o erro do meu pai, do pobre pai que por cariño â filla, por lle quere aforrar molestias e disgustos, por a ver libre de servidumes, nunca quixera procurarlle unha colocación, un emprego calquera onde poder axudarse un pouco.

Sinopse da obra

A nova mecanógrafa da casa «Couceiro Irmans» onde eu traballaba, era unha rapaciña vulgar. Chamábase Anita, contaba vintadous anos, era de mediano altor, delgada, rosto agradábele sen ser bonita, ollos verdosos de ollar doce e melancónico. O que mais atraía d’ela era a fala; armoniosa, soave, con certos matices musicaes encantadores.

Carlos Andeiro actúa como protector de Aniña, a nova mecanógrafa da oficina, quen exerce por necesidade un traballo para o cal non está preparada. “O seu era tamén un de tantos casos, unha de tantas «traxedias da vida vulgar»”.

Logo da morte dos pais, Ana e a súa irmá máis nova ficaron na miseria. Desde entón ela foi unha Naiciña para Xulia.

Despois de pagados enterro e loitos non poderíamos vivir nin siquera un par de meses inda que a nosa vida fora chea de privaciós ¿e despois?

Ana traballou sucesivamente como costureira e neneira antes de estudar taquigrafía e mecanografía, entrando na oficina onde agora traballa. Xulia ficou ao coidado dunhas amigas, pero acabaría traballando como criada para as protectoras e a irmá levouna onda ela.

Carlos Andeiro namora de Xulia. Ela rexéitao e pídelle que case con Ana. O mozo négase.

Recibín un biletiño de Aniña supricándome que a fora ver.

Ana cóntalle que a súa irmá rexeitouno por facela feliz a ela: “Quixo ser leal para a sua naiciña e coidando me facer un ben non duvidóu en sacrificar o seu porvir”. Pídelle que case con Xulia, como unha nai procura o ben da súa filla.

(1)  Fonte da imaxe de Leandro Carré:www.realacademiagalega.org
(2)  Ademais de Naiciña, Carré publicou na revista Lar as novelas curtas A propia vida (Ano II, nº 14. Outono de 1925) e O home que deu vida a un morto (Ano III, nº 21. Maio de 1926).


Ningún comentario:

Publicar un comentario