sábado, 15 de febreiro de 2014

O VENTO SEGREL



O VENTO SEGREL / Casas, Augusto María
7 de maio 1932
Nós, rúa das Hortas, 20. Santiago.
97 p ; 24,5 cm.

O libro de poemas O vento segrel escrito por Augusto María Casas Blanco foi editado por Nós en maio de 1932, no obradoiro da rúa das Hortas de Compostela.

O debuxo da cuberta é obra do pintor Cándido Fernández Mazas, fundador, xunto a Augusto Casas, da revista mensual Galaxia en 1926.

Augusto Casas presentouse como poeta con dous libros escritos en castelán. O primeiro deles foi Alma Triste (Imprenta de El Diario, Ourense. 1925) e logo publicou Panal y flor (Imprenta clásica española, Madrid. 1927). O vento segrel é o seu primeiro libro de poemas escrito en lingua galega. Agás catro poesías encabezando outros tantos números da revista Nós, o autor non publicou novos versos galegos antes da guerra. Entre 1950 e 1965 deu ao prelo catro novos libros de poemas. (2)

Obra poética de Augusto Casas

Ricardo Carballo Calero comentou este libro na sección Os homes, os feitos, as verbas da revista Nós (Nós, nº 101. 15 de maio de 1932).

Ben lonxano o poeta de hoxe dos sonetos de “Alma triste”. Aquela poesía espritual, de ergueita bouta oxival, aquela poesía gótica, pol-o pulo do verso, pol-o alacre da idea, ben lonxana de esta outra poesía redonda, románica, aldeá. Esta máis galega, non só por vir escrita na lingua pondaliana.

Non obstante, RCC critica a extensión e complexidade dos versos de Augusto Casas, dabondo recargados para o seu gusto.

Augusto María Casas é un poeta que ama as arquivoltas cangadas, a ornamentación sensual, a ubicua policromía. Ama tamén a armonía do verso, a música eterna, a gaiola do ouvido. Eisí emprega, as vegadas, ritmas escesivamente sonoras para a lírica sensibilidade moderna, que cree que a poesía debe pousar na fror de verso como unha volvoreta, e non como unha abella (…) o verso románico, macizo, sen nervos lostregantes nin pináculos supetos. Unha poesía sen sorpresas, en fin, pra o que descobríu o seu método constructivo.

Ramón Otero Pedrayo, amigo da mocidade ourensá de Augusto e tamén do seu irmán, Álvaro das Casas, non expresa un xuízo tan severo e no prólogo ao libro Alén, publicado por Augusto Casas en 1962, celebra O vento segrel.

A door, a frol da oicidental adicación, latexa no libro, sempre tamén novo de Augusto Casas “O Vento Segrel”, saído no 1932… Siñifica o Vento Segrel o tema e arelanza de aquiles e outros tempos da poesía galega e moi entranabremente do clima poético ourensán. Entendendo por clima a fondura e tona do esprito, cos seus ventos do Alén, suas fórmulas de nubes da pantasía creadora, seu debruzar maino e garimoso de chuvia feitas margaridas de beleza nas composas roídas das abenzas, nas lousas das ruas por onde decorren as horas.

E grazas a Otero descubrimos unha nova dimensión para os versos d’O vento segrel: as palabras de Augusto Casas son as dun poeta novo, cheo de luz e arelas. Nos versos ceibes da pomposidade do seu primeiro libro quere cantar a vida e a saudade dun tempo que está a piques de desaparecer. “Con sentimento me afasto de aquila veciñanza chea polos degoiros das estrofas ergueitas en cerne sustanza de néboa da Saudade”, conclúe Otero. “A miña alma / está pastoreando estrelas”, semella responderlle Casas e aínda apunta no Poema da Saudade, precisamente dedicado a Otero:

Hai saudade nos homes e nas froles,
nos arbres, nos paxaros e nas pedras…
Que sintan que non sintan fanse soles…
¡loiros castelos no trebón das edras!

Son os versos apaixonados e ao tempo tristes dun home que, sen chegar a militar plenamente na vangarda, comparte con ela o devezo por renovar a tradición e impregna de animismo moitos dos seus versos, inseridos na corrente hilozoísta.

O sol, abella d’ouro, funga na lonxanía,
a escoar sangue riba das terras fartas;
i unha velliña pastoreando ovellas
faille camiño â noite nas searas.

Non sen motivo, no texto publicado no último número da revista Nós (Esquema da nova poesía galega. Nós. nº 139-144. Xullo-Nadal 1935) Casas declárase admirador de Luís Amado Carballo, Manuel Antonio e Álvaro Cunqueiro. O libro está dedicado á memoria dos dous primeiros.

Qu’o teu proel d’estrelas bique as mañáns moceiras;
qu’o teu sol-pôr non fique na furna moura e fría
da escuridá valdeira;
qu’o vento enfíe novas saudades milagreiras
no teu lecer con fios campantes de legría.

Responso a Amado Carballo (anaco)

Breve escolma

ORAZÓN Á FOUCE

Bendita sexas fouce
          pol-o teu gume feridor,
          pol-a tua comba de preñez,
          pol-o teu brilo de suor.

Abogada e siñora
do porvir…
                Lús d’estrela
que en cada peito mozo
alcendes unha arela.

Chave d’ouro das grañas e searas,
dos pazos, dos piornos…
¡Ouh, tí, que fas frolir
o corazón dos corvos.

Na colleita d’estrelas
voas ao ceo ledo,
i-escorrentas as bruxas
na tua arista de medo.
¡Fouce, saúde!
Oxe bico o teu ferro
con garimo e tenrura,
- rella trunfal
para faguer os sulcos da fartura.-
¡Saúde, nai e dona
da nosa xuventude!

Pol-o teu gume,
          agardo un día de burgués
          a brincar e surrir
pol-os campos en frol da tua fé.

¡Bendita, tí, a ben feita!...
Bendita, tí, na man dos mansos,
a brilar no ronsel,
das espigas maduras, pol-os campos.

¡Bendita, tí, a ben feita!...
Bendita, tí, na man das mozas
qu’en colleitas d’amor
afanan as auroras…

¡Bendita, tí, a ben feita!...
Bendita, ti, na man dos cegos
porque lles dás a lús
para segar con xeito.

¡Bendita, tí, a ben feita!...
Eres calor e lume
i-unha fonte de lús
deitas pol-o teu gume…

Eu soño agora en tí
qu’eres semente de saudades,
espello da paisaxe,
bico da humanidade!

Estrela mor do ceo,
peito do noso amor,
nai e siñora nosa,
brila e loita con nós.

ROMANCE DA LUA (anaco)

A lúa, - toliña, tola -
estrelas depinicaba.
A sua pel era bermella
i-as suas cornas eran brancas.
A vos da noite se ouvía:
“Ey, vaca, ey… Ey, Fidalga!”
I-ela com’unha siñora,
polo azur se paseiaba;
riba da testa, a follaxe
de milleiros de alboradas;
encol dos seus ollos lenes
a leda noite arrumada
de húmida herba ulindo
ao corazón dos alálas.

(1)    Imaxe de Augusto María Casas: galiciadigital.com
(2)    Cantigas da noite moza. Colección Benito Soto, volume XII. Pontevedra. 1950. Isa folla que vai polo río. Ediciones Monterrey, Vigo. 1954. Alén. Colección Salnés, nº 4. Editorial Galaxia, Vigo. 1962. Servidume da treva. Colección Salnés, nº 18. Editorial Galaxia, Vigo. 1965.


Ningún comentario:

Publicar un comentario