sábado, 8 de febreiro de 2014

ARQUIVOS IV DO SEMINARIO DE ESTUDOS GALEGOS



ARQUIVOS DO SEMINARIO DE ESTUDOS GALEGOS IV / Varios autores
3 de marzo 1932
Nós, Pubricacións Galegas e Imprenta. Rúa das Hortas, 20. Santiago.
277 p ; 25 cm.

O cuarto volume dos Arquivos do Seminario de Estudos Galegos foi publicado por Nós en marzo de 1932, no obradoiro da rúa das Hortas de Compostela.

O libro apareceu posteriormente ao quinto volume dos Arquivos, impreso por Nós no obradoiro da avenida de Linares Rivas da Coruña en xullo de 1930. Estes foron os últimos Arquivos publicados por Ánxel Casal. O sexto volume foi impreso por Paredes en Compostela no ano 1934.

O cambio de impresor de Nós a Paredes, imprenta vinculada a sectores máis conservadores, por parte do Seminario de Estudos Galegos, vén motivada polos intereses dos dirixentes do mesmo en desvincularse da política, durante o período do Bienio Negro, feito que provoca graves perdas a Casal e duras críticas á institución por destacados membros do PG. (1)

Por medio dunha carta de Casal sabemos que o cuarto volume comezou a imprimirse en Compostela en novembro de 1931.

Santiago 13 de Santos de 1931
(…) Oxe rematamos a 2ª edición de 33 lecciones de Otero Pedrayo e poñémonos co tomo IV de Arquivos, ademais de seguir co de Melide. (2)

O proceso de elaboración destes volumes era lento, pois ademais dos atrasos dos autores para entregar os traballos, o SEG reservábase o dereito de revisar a edición para corrixir os posibles erros. Ademais, o impresor daba ao prelo varios traballos ao tempo, procurando o uso intensivo da maquinaria.

Como sucede nos arquivos anteriores, os traballos incluídos na cuarta achega alternan o uso do galego e o castelán.

O profesor Luís Iglesias Iglesias, director da seición de Ciencias Naturais do Seminario, inaugura o volume co traballo La lucha antiacrídica.

Estado actual de los conocimientos científicos referentes a la biología de las langostas españolas, sus parásitos y los medios de lucha con que hoy se cuenta para combatirlas.

O investigador estuda con detalle o proceso reprodutivo e os ciclos biolóxicos dos insectos, dá conta dos inimigos naturais da especie e, por último, trata a loita artificial contra a praga das lagostas.

Ramón María Aller establece o plan de traballo do observatorio de Lalín no Programa del Observatorio de Lalín, resumido na medición de estrelas dobres, o estudo das superficies planetarias e as observacións ocasionais. Aller é o único astrónomo, xa non do observatorio, senón de toda a contorna.

Estas notas darán el consuelo de que, desde Lalín, se mira siquiera al Cielo, cuando son tantas las provincias de España en las que no se sabe si se contempla el Firmamento bajo algún aspecto distinto del poético.

Tamén do mesmo autor atopamos o traballo Constantes de un instrumento paraláctico; guía para a instalación do instrumento ecuatorial dirixida aos astrónomos afeccionados.

O estudo Os torques do noroeste hispánico do arqueólogo Florentino López Cuevillas, director da seición de Prehistoria do Seminario, analiza en detalle os achados destas xoias protohistóricas.

Diademas, colares, braceletes e arrecadas feitas de preferenza en ouro e poucas veces en prata, téñense alcontrado nos axuares sepulcraes, entre as ruiñas dos castros, amostrando o número e riqueza dos achádegos e o traballo verdadeiramente artístico de certas pezas, a eisistenza de unha industria xoieira activa e orixinal e dona de unha técnica adiantada e coidadosa.

O autor informa os achados indicando a localidade, a data da súa aparición e o destino das xoias. Moitas destas pezas desapareceron logo de ter sido atopadas ou ben foron incorporadas a coleccións privadas, ignorándose o seu paradoiro. O traballo inclúe doce láminas coas imaxes dos torques.

Tamén corresponde a López Cuevillas o traballo Nota encol das lúnulas atopadas na Galiza, xoias semellantes aos torques aínda que con forma de crecente, atopada unha delas nun dolmen preto de Allariz e outra en Cerdido. Ambas pezas desapareceron, probablemente fundidas por algún ourive. O autor utiliza as fontes escritas para dar conta delas.

Luisa Cuesta Gutiérrez, directora da Biblioteca Nacional, presenta o extenso traballo La emigración gallega a América, onde analiza cronoloxicamente as sucesivas migracións desde o século XVI até o século XIX. As primeiras migracións no XVI non revisten organización, acompañando as viaxes de colonización. No século XVII emigran os viaxeiros máis preparados para acometer unha cruzada espiritual organizada pola metrópole. No XVIII, familias enteiras son enviadas oficialmente polo Estado para colonizar novos territorios. Mentres que no XIX a emigración é un fenómeno social que flúe principalmente en dirección a Cuba e ás rexións do río da Prata. Os emigrantes son agora explotados polos axentes de transporte, abandonados polo seu país e aldraxados polos receptores.

Hoy la emigración se encuentra perfectamente reglamentada por los Estados y aparte de la organización oficial existe el amor de la gente de la misma tierra, que hace de cada indiano que llega al bienestar, un protector de sus pobres paisanos, que acuden a él para vencer las dificultades naturales en los primeros momentos de la llegada a país desconocido; y estos mismos filántropos aparte de los magníficos centros de cultura que tienen organizados en América, enriquecen Galicia con sus donativos generosos que atestiguan, al cristalizarse en Escuelas, Sindicatos y Sociedades de préstamo agrario, el profundo amor que los une a su tierra.

Xesús Carro García, director da seición de Arqueoloxía e Hestoria do Arte do Seminario, inclúe o completo traballo sobre A data de inscripción da porta das Praterias na catedral compostelá. O autor afirma que esta data non coincide coa do comezo das obras da catedral, como algúns investigadores defenden e ao cabo inclínase pola probabilidade da interpretación da inscrición como MCXII.

Fernando de Castro publica o estudo antropolóxico Afinidades Galaico-Minhotas do cancioneiro popular, onde compara a poesía popular portuguesa coas cantigas da rexión miñota galega.

Por último, Xurxo Lourenzo Fernández, irmán de Xaquín Lorenzo (Xocas), presenta un estudo heráldico sobre a simboloxía dos escudos civís presentes nas rúas de Ourense.

Orde dos traballos

La lucha antiacrídica
Luis Iglesias e Iglesias
Pp. 7-75





Programa del Observatorio de Lalín
Ramón María Aller
Pp. 79-88

Constantes de un Instrumento Paraláctico
Ramón María Aller
Pp. 89-96

Os Torques do Noroeste Hispánico
Florentino López Cuevillas
Pp. 97-132

Notas encol das Lúnulas atopadas na Galiza
Florentino López Cuevillas
Pp. 133-140

La emigración gallega a América
Luisa Cuesta
Pp. 141-220





A data da Inscripción da Porta das Praterías
Xesús Carro García
Pp. 221-238

Afinidades Galaico-Minhotas do Cancioneiro Popular
Fernando de Castro Pires de Lima
Pp. 239-258
Blasós de Ourense II
Xurxo Lourenzo Fernández
Pp. 259-276

O volume dos Arquivos complétase coa listaxe dos membros da Comisión Direitora do Seminario durante o curso 1931-1932, os Conselleiros da entidade, Direitores de Seición, a relación de Entidades Proteitoras do Seminario e, por último, os Socios distribuídos por localidades.

(1)    Ánxel Casal (1895-1936). Textos e Documentos. Dobarro Paz e Vázquez Souza. Ediciós do Castro, 2003. P. 331-332.
(2)    Ibidem. P. 283.
(3)    Fonte da imaxe de Luís Iglesias Iglesias: culturagalega.org
(4)     Fonte da imaxe de Ramón María Aller Ulloa: galiciadigital.com
(5)     Fonte da imaxe de Florentino López Cuevillas: lavozdegalicia
(6)     Fonte da imaxe de Luisa Cuesta Gutiérrez: culturagalega.org
(7)     Fonte da imaxe de Xesús Carro García: realacademiagalega.org



Ningún comentario:

Publicar un comentario