A EIREXA DE SANTA
MARÍA DE VIVEIRO / Luís Tobío Fernández
1933
Nós, Pubricacións Galegas e Imprenta. Santiago.
Nós, Pubricacións Galegas e Imprenta. Santiago.
5 p ; 27,5
Cm.
A separata A
eirexa de Santa María de Viveiro escrita por Lois Tobío Fernández foi impresa por Nós en marzo de 1933 como documento
exento do número 111 do boletín Nós, onde tamén apareceu publicada.
Algúns dos textos incluídos na revista Nós entre os anos
1931 e 1934 tamén foron impresos como cadernos independentes, probablemente coa
intención de facer medrar o catálogo de publicacións do Seminario de Estudos
Galegos. Os traballos preséntanse encartados nunha cartolina e tanto a tipografía
como o papel empregado nas reimpresións é idéntico ao usado na revista.
Tobío foi un dos nove mozos fundadores do SEG en 1923, e durante
os anos vinte e trinta forneceu o catálogo do Seminario con varios traballos publicados
no boletín Nós (2), ademais
dunha colaboración no primeiro volume dos Arquivos do Seminario (3).
Revista Nós nº 111. 15 mar 1933 |
O pequeno estudo sobre a igrexa de Santa María do Campo comeza enumerando os conventos e
igrexas instalados en Viveiro durante o século XIX, entre os que a igrexa de
Santa María ficou como único templo románico logo da desaparición da igrexa de
Santiago, que foi derrubada debido ao mal estado de conservación.
Chámase Santa María ou
Nosa Señora do Campo coido que pol-o adral ampro e sombrizo e verdecente que a
cingue.
A igrexa probablemente foi edificada na segunda metade do
século XII e presenta tres naves, con bóveda de canón
sobre a central e cuberta de madeira. O presbiterio ten planta semicircular e
accédese a el a través dun arco de medio punto peraltado. O muro de cabeceira luce
un rosetón circular e remata nunha espadana, mentres que a portada presenta
tres arquivoltas de medio punto co tímpano liso, sen ornamentación, coroado por
un novo rosetón.
Á unha e outra banda
da portada principal hai duas torres, postas en data moi posterior; a da
dereita, que é a do rilós, construéuse sobor da obra románica, mail-a das
campás (que é a máis recente) fíxoa un sobrestante que tiróu a parte da obra
vella, pondo entroques un adefesio que botóu a perdel-a eirexa.
A capela de San Gregorio, tamén chamada de Doce pola misa
organizada tradicionalmente a esa hora instituída por doazón, ergueuse no
século XV abrindo o muro para engadila ao corpo principal. É unha construción
modesta edificada con arcos oxivais que agocha dous sartegos. Nun deles pode
verse a seguinte inscrición:
lope afonso de
gaymonde y aldonca: a su muger: fyzieron esta capilla era myl e cccc e vi anos
Na capela tamén está exposto un grupo escultórico
primitivo en madeira policromada representando a Angustia coa Madalena e o San
Xoán, que pode datar do século XV.
A sancristía é obra do século XVI e foi edificada en 1562
por doazón de Pero Pardo de Cela e a súa muller Leonor Vizoso de Baamonde.
Por último, na capela do Rosario, medianeira coa de San
Gregorio, recóllense parte dos bens do desaparecido convento de San Domingos e
particularmente unha imaxe da Virxe e un óleo do santo.
(1) Fonte da imaxe de Lois Tobío: igadi.org
(2)
Unhas
moedas castelás atopadas no Valadouro (Nós 22), A ladaíña de Santa Trega (Nós
93), Poñelo Santo. A verba “Farxácola” (Nós 93), Refreisións encol do momento
aitual da Galicia (Nós 95), A eirexa de Santa María de Viveiro (Nós 111).
(3)
Aportazóns
ó estudo da historia da pesca da balea nas costa da Galiza (Arquivos do SEG I,
1927)
(4)
Fonte das
imaxes da igrexa de Santa María do Campo: 1. Turgalicia.es; 2. Guiacompleta.com/viveiro
Ningún comentario:
Publicar un comentario