A DATA DA
INSCRIPCIÓN DA PORTA DAS PRATERÍAS / Xesús Carro García
1932
Nós, Pubricacións Galegas e Imprenta. Hortas, 20. Santiago.
Nós, Pubricacións Galegas e Imprenta. Hortas, 20. Santiago.
15 p + 5 láminas; 24 Cm.
Xesús Carro, cóengo da catedral de Compostela e director
da sección de Arqueoloxía e Historia da Arte do SEG, contribuíu ao catálogo da
institución con distintos traballos relacionados todos eles coa catedral. (2)
O estudo onde Carro divulga as diferentes interpretacións
sobre os signos inscritos nunha das xambas da porta das Praterías, comeza dando
conta do enmarañado preito sobre a datación da obra e que os estudos coetáneos interpretan
como 1112 ou 1117 (3). O autor establece o comezo das obras de edificación do templo moderno pouco
antes, entre os anos 1072 e 1073 (4).
A razón desta discrepancia sobre a data de edificación da
porta explícase porque a inscrición foi renovada coa intención de definir
mellor os trazos, pero esta intervención é causa probable da polémica.
O autor compara a inscrición formada por números romanos
e letras con outros símbolos medievais e dá conta das conclusións expostas por
varios historiadores, citando entre outros a Villaamil e Castro, Murguía,
López Ferreiro, Ánxel del Castillo e Kingsley
Porter.
Mr Porter non desbota
as tres leituras: a miña, Era MCXII; a máis corrente e xeneralizada, Era MCXVI;
e a de Gómez Moreno, Era MCXLI.
Outros traballos datados entre os séculos XIV e XVIII atopados
por Carro e Pérez Constanti (5) no arquivo da
catedral, contribúen a estender a polémica tanto na interpretación da data como
no texto, que pode entenderse como KALENDAS ou IDUS.
Non obstante e sen chegar a afirmalo categoricamente, Carro
inclínase por interpretar a data como 1112.
A posibilidade de ser MCXII
e que o rasgo da X fose engadido, como paresce. Si ansí foi, o fixeron denantes
do século XVI. Xa co rasgo unido â X debemos téla como Era MCVII. As datas
MCXVI e MCXLI perden preferencia. Esperemos algún dato novo que nos traiga máis
craridade. Contentémonos pol-o de agora cos presentes achádegos. A inscripción
da xamba da Porta das Praterías non pode esquencerse no arte románico.
(1) Fonte da imaxe de Xesús Carro: realacademiagalega.org
(2)
O tímpano da capela de dona Leonor. Revista Nós nº 80; Arquivos do Seminario de Estudos
Galegos V; Separata exenta dos Arquivos do SEG. (1930). O botafumeiro da catedral Compostelán. Revista Nós nº 109; Separata
do SEG (na separata o traballo titúlase: O
botafumeiro da catedral de Santiago) (1933).
(3)
Actualmente
admítese que a construción da fachada das Praterías comezou no ano 1103.
(4)
As obras de
construción da actual catedral románica comezaron no ano 1075.
(5)
Pablo Pérez Constanti (1857-1938). Arquiveiro do concello de Compostela. Autor
de varios libros entre os que destacan Notas
viejas galicianas (1925-1927) e Diccionario
de artistas gallegos de los siglos XVI y XVII (1930).
(6)
Fonte da
imaxe da xamba da porta das Praterías: wikipedia.org
Ningún comentario:
Publicar un comentario