VAOSILVEIRO / Gonzalo
López Abente
6 de marzal do 1929
Nós, Pubricacións Galegas e Imprenta. Real, 36 – 1º. A Cruña.
Nós, Pubricacións Galegas e Imprenta. Real, 36 – 1º. A Cruña.
Volume XX
171 p ; 17 Cm.
López Abente publicou cinco relatos, principalmente
narracións curtas, todos eles anteriores a 1936. (2) Tamén cultivou con
intensidade a poesía e ocasionalmente o teatro e o ensaio.
Vaosilveiro é a
única novela longa do autor. Todos os textos están ambientados nos pobos
mariñeiros da Costa da Morte, tecendo ao longo da súa obra un único relato
presentado desde diferentes perspectivas históricas, onde xorde o romanticismo
característico da súa prosa, ás veces enmarcada nun escenario mítico e
simbólico, outras contemporáneo, pero sempre situando as narracións na contorna
da vila de Muxía onde viviu.
No número 66 da revista Nós de xuño de 1929 atopamos un
comentario crítico sobre Vaosilveiro na sección: Os homes, os feitos, as
verbas.
En Vaosilveiro, López
Abente – que é sempre un clásico no senso en que o era Pondal, seu parente,
clásico sen deixar de ser romántico – colle un tema coñecido e espallado na
literatura universal: o do rapaz namorado da sua madrasta, coma se dixeramos, a
mitade do complexo d’Edipo, e dalle un desenrolo persoal, resólveo no mundo do
esprito, sen freudismo, sen lixar co-a mais pequena nódoa de baixa paixón, a
pureza da paisaxe que sirve de fondo.
O autor utiliza como recurso literario o relato dun
suposto narrador para dar a coñecer a traxedia dos fidalgos de Vaosilveiro,
desaparecidos por causa da paixón que sente o mozo Fins pola súa madrasta
Elvira. A novela confronta o amor imposible da parella fidalga coa relación
entre os criados Alberte e Sabela, ofrecendo ao tempo unha visión da vida
no campo galego a comezos do século XX dominada pola fe sinxela, mestura de
inxenuidade e meiguería, e os costumes ancestrais dos labregos, submisos e
dependentes dos amos. No texto destaca como outra personaxe máis a paisaxe
esgrevia da costa.
O relato transmite desde as primeiras páxinas a saudade
pola perda dun tempo pasado onde os señores guiaban as vidas dos labregos.
No comezo os actos de Fins están gobernados pola carraxe que sente pola súa madrasta, pero logo cede diante doutro sentimento máis complexo cando namora dela. A decisión do mozo de abandonar o pazo para non agraviar os pais determina a fin dos fidalgos de Vaosilveiro.
No comezo os actos de Fins están gobernados pola carraxe que sente pola súa madrasta, pero logo cede diante doutro sentimento máis complexo cando namora dela. A decisión do mozo de abandonar o pazo para non agraviar os pais determina a fin dos fidalgos de Vaosilveiro.
Obra narrativa de López Abente |
O abade de San Fins, Álvaro de Gondomar, cóntalle ao
sobriño a historia dos últimos fidalgos do pazo
de Vaosilveiro, agora derramado e cuberto por silvas e hedreiras.
Don Afonso casou logo
de enviuvar con dona Elvira, unha
moza corenta anos máis nova ca o fidalgo. O fillo, don Fins, recibiu a nova como unha aldraxe, resentido contra a
muller que viña ocupar o lugar da nai morta.
Fins deixa Madrid para volver ao pazo e chega mollado a
pingar pola tormenta. Os seus problemas de saúde agrávanse e na casa ventan a
morte.
Derrubado nun sillón,
D. Afonso bebía o fel acedo da dôr; co-a i-alma esnaquizada ollaba impotente
pra o fillo amado i-escoitaba o ronco son d’aquel refolgo gurgullento que lle
fería no mais sensibre.
O mozo enfermo delira e confesa diante de Afonso e Elvira
o rancor que sente por ela, incapaz de perdoar a traizón do pai.
En paralelo á historia dos señores sabemos das coitas de Sabela e Alberte. A moza traballa no pazo e a nai teima en casala co vinculeiro
de Vilachán. Ela rexéitao polo amor de Alberte, un mozo orfo acollido na casa cando
neno.
Probe, fabricou unha
dourada ilusión abrindo a i-alma de Sabela. Aquel amor era o tesouro que
gardaba, a facenda que tiña, as searas que poseía; ¡i-o ladrón do vinculeiro
inda aquela riqueza quería lle roubar!
Tres semanas máis tarde Fins deixa o leito e sabe polos
criados que a nova señora respecta os costumes da casa, actuando en todo como
unha continuación da nai. Daquela o mozo cambia o criterio e desbota os
prexuízos que o acompañaron cando chegou ao pazo.
Unha vez que a paz volve a Vaosilveiro, Alberte pídelle
consello a Fins sobre as coitas con Sabela. O mozo fidalgo promételle arranxar o
conflito e, concertado con Elvira, dálle a Alberte en foro o lugar de
Risamonde.
E así, feito un
labrador, dono d’unhas terras, quizais mellores qu’as que han de seren c’o
tempo do fillo do vinculeiro, poiderá convencere a ña Andrea; e vostedes
libértanse dos coidados d’aquelas searas e non terán outros que os de cobraren
a renda todol-os anos.
Elvira cédelle a Sabela o muíño de Prado para equiparar a
unión con Alberte e os señores concertan a voda dos mozos, onde Fins e Elvira son
os padriños.
O autor presenta o contrapunto entre a felicidade dos novos
caseiros e a angustia que senten Fins e Elvira cando descobren o seu amor
imposible. Incapaces de conter a paixón que os une, Fins decide abandonar o
pazo e foxe a América.
E cando, pasado o
tempo, o negro corvo das cativas novas bateu as áas enriba do pazo, traguendo o
fin do mozo fidalgo, xa D. Afonso acougaba baixo a sombra dos alciprestes do
adro de Santa Leocadia de Figueiroa, e Dª Elvira, mucha e branca como unha
folla d’outono, caeu guindada da albre da vida nos sendeiros iñorados do máis
alá.
¡Así arremataron os
fidalgos de Vaosilveiro!
(1) Fonte da imaxe de Gonzalo López Abente: LaVozdeGalicia.es
(2)
López
Abente publicou cinco relatos: O
diputado por Veiramar. Imprenta Nova, A Coruña. 1919. O novo xuez. Céltiga nº 4, Ferrol. 1922. Buserana. Revista Lar nº 11, A Coruña. 1925. Fuxidos. Revista Lar nº 26, A Coruña. 1926. Vaosilveiro. Nós, A Coruña. 1929.
Ningún comentario:
Publicar un comentario