mércores, 6 de maio de 2015

O BALDAQUINO EN GALICIA DENANTES DO ARTE BARROCO



O BALDAQUINO EN GALICIA DENANTES DO ARTE BARROCO / Xosé Filgueira Valverde e Xosé R. Fernándes Oxea
9 de xunio de 1930
Nós, Pubricazóns Galegas e Imprenta. Linares Rivas, 50 – 1º. A Cruña.
51 p. + 14 láminas; 24 Cm.

A separata exenta do quinto volume dos Arquivos do Seminario de Estudos Galegos titulada O baldaquino en Galicia denantes do arte barroco dos autores Xosé Filgueira Valverde e Xosé Ramón Fernández-Oxea foi impresa por Nós na Coruña en xuño de 1930.

Este foi o único traballo conxunto publicado por Filgueira e Fernández-Oxea, quen tampouco había publicar novos textos antes da Guerra Civil alén das colaboracións xornalísticas baixo o pseudónimo Ben-Cho-Shey.

Baldaquinos gallegos (1987)
A obra foi reeditada en 1987 nunha versión ampliada pola fundación Barrié de la Maza.

Como curiosidade pouco habitual nas separatas do SEG, a primeira edición do libro está ilustrada cunha pequena imaxe en branco e negro pegada sobre a capa, onde pode verse o cruceiro da Trindade de Baiona.

Filgueira e Fernández-Oxea pescudan a orixe dos ciborios instalados nos templos honoríficos que protexían os altares pagáns e rastrexan algúns dos monumentos coñecidos desde a antigüidade até o século XVII.

Coñecemos pol-a hestoria da abadía de Saint Denis, escrita por Felibriano no 802 que o abad Fardulfo adornou a sua eirexa c’un ciborio, é decir, unha especie de pequena cúpula en forma de baldaquino sostido por columnas que había costume de elevar riba dos altares ou das tumbas dos mártires.

Tamén en España hai exemplos destes baldaquinos, principalmente en Cataluña e Castela, e os autores inclúen unha pequena recensión sobre as pezas máis destacadas antes de comezar o estudo dos ciborios galegos.

É moi probabre que o primeiro ciborio ergueito en Galicia fora o de Xelmírez, crara importación francesa e italiana.

Chegado de Roma logo de obter o palio para Compostela, Xelmírez trouxo tamén novas ideas artísticas. Así reformou a cativa ara do apóstolo, esnaquizando o altar primitivo, e mandou erguer sobre ela o ciborio conservado até a fin do século XV, construído con ouro e prata sobre madeira.

Derramado o ciborio de Xelmírez polo paso dos anos, en tempos de Fonseca I comezaron os traballos para labrar un novo baldaquino de prata. A obra estendeuse ao longo de case cen anos e finalmente foi substituído polo novo altar barroco.

Estes dous ciborios exerceron influencia sobre a escultura popular galega en pedra. Entre todas as obras executadas destacan os destinados a acubillar os cruceiros de Santa María a Nova en Noia e da Trindade en Baiona.
Baldaquinos de Noia e Baiona
Os autores comezan por estudar a distribución xeográfica dos ciborios de pedra labrada, situados principalmente na comarca de Pontevedra. Non obstante os baldaquinos que permaneceron armados son moi escasos e na maioría dos casos chegaron deica os nosos días algúns elementos soltos como os taboleiros laterais labrados, inseridos agora noutras construcións civís ou relixiosas.

Por último, o estudo aporta un catálogo descritivo de trinta e sete restos de baldaquinos galegos construídos entre os séculos XV e XVI, indicando a súa situación actual.

  • Abanqueiro, San Cristobal. Boiro.
  • Adina, Santa María. Portonovo.
  • Amil, San Mamede. Moraña.
  • Arcos de Furcos, San Mamede. Moraña.
  • Baíñas, Santo Antolín. Corcubión.
  • Barrantes, Santo Andrés. Ribadumia.
  • Cruceiro da Trindade. Baiona.
  • Bemil, Santa María. Caldas.
  • Bora. Pontevedra.
  • Capela de San Roque. Caldas.
  • Santa María. Caldas.
  • Carboentes. Rodeiro.
  • Cespón. San Vicente de Cespón.
  • Cordeiro. Valga.
  • Cóscador, Siador. Silleda.
  • Mosteiro de Nogueira. Dozón.
  • Fisterra, Santa María. Corcubión.
  • Fragas, Santa Mariña.
  • Divino Salvador. Meis.
  • Moldes. Boborás.
  • San Martiño. Meis.
  • Santa María a Nova. Noia.
  • Palmou.
  • Ponte Arnelas. Meis.
  • San Francisco. Pontevera.
  • Capela da Virxe do Camiño. Pontevedra.
  • Portomarín.
  • Sacos, Santa María.
  • Santiso, San Román. Lalín.
  • Serantes, Santo Tomé. Leiro.
  • Veiga, San Munio. Celanova.
  • Ventosa. Golada.
  • Vilalonga, San Pedro. Sanxenxo.
  • Xeve, Pontevedra.
  • Xurenzás, Boborás.

Como exemplo das descricións destas pezas, podemos ver os taboleiros encaixados nos muros da igrexa de Moldes, en Boborás, procedentes dun baldaquino esnaquizado.
 
Na antiga eirexa de San Mamed, s. XIII, hoxe abandoada. Dous dinteles, con arco conopial empotrados na capela fundada pol-o Capitán Bartolomé Rodríguez Tizón e a sua muller Doña Violante en 1638. Un representa os azoutes do Noso Sr. atado â coluna. O Sr. ocupa o centro, sobre o vértice do arco, como o San Sebastián de Ponte Arnelas e Meis, ôs lados dous sayóns con azoutes incrínanse pra bater n’el. Figuras ôs lados, ca cana e a lanza. A outra peza representa a crucifixión do Señor.

(1)    Fonte da imaxe de Xosé Filgueira Valverde: filgueiravalverde.blogspot.com.es
(2)    Fonte da imaxe de Xosé Ramón Fernández-Oxea: Exposición Ben-Cho-Shey 50 anos de maxisterio cultural (1918-1968).
(3)  Fonte da imaxe o Baldaquino de Baiona: /wiki/File:Cruceiro_da_Santísima_Trinidade,_Baiona_(3).JPG
 

2 comentarios:

  1. Ola Xabier.

    Antes de nada, parabéns polo teu estupendo blog.

    Gústame que che guste a miña fotografía do baldaquino de Baiona. Porén, cando a publiquei, fíxeno baixo unha licenza que require o recoñecemento do autor. Quere dicir, que si publicas a miña foto no teu blog tesme que citar como autor.

    https://commons.wikimedia.org/wiki/File:Cruceiro_da_Santísima_Trinidade,_Baiona_(3).JPG

    Graciñas, un saúdo e a seguir.

    ResponderEliminar
  2. Desculpa o erro. Tes toda a razón e xa está corrixido.
    Un saúdo

    ResponderEliminar