OS CAMIÑOS DA
VIDA – A MAORAZGA / Otero Pedrayo, Ramón
27 de abril de 1928
Nós, Pubricacións Galegas e Imprenta. Real, 36 – 1º. A Cruña
Nós, Pubricacións Galegas e Imprenta. Real, 36 – 1º. A Cruña
108 p ; 17,5 cm.
A Maorazga, segunda
parte da triloxía Os camiños da vida,
saíu do prelo de Nós o vinte e sete de abril de 1928.
Ramón Otero Pedrayo continúa neste libro a narración das vidas cruzadas dos
Puga e máis os Doncos; representación das loitas entre liberais e conservadores
que ocuparon boa parte século XIX. Otero sitúa os primeiros capítulos da novela
arredor da revolución de 1846, outro dos escenarios onde enfrontarían unha vez máis aqueles dous mundos
irreconciliables.
Se Os señores da
terra sérvelle a Otero para establecer o ocaso da fidalguía rural, A Maorazga narra o proceso de
descomposición das vellas familias dirixentes, empobrecidas e sen o xenio que
fixo posible a anterior hexemonía.
As descricións prolongadas da primeira parte da triloxía,
nas que Otero caracteriza as vidas dos protagonistas e a paisaxe do val, deixan
lugar n’A Maorazga a unha sucesión áxil de cadros onde o autor relata a vida
decadente dos Doncos e as miserias vilegas nas que se ven envoltos os últimos
descendentes desta familia.
Sinopse da obra
Antonio de
Soutelo chega ao val do
Barbantiño despois de loitar nas guerras Carlistas. As intrigas dos
militares de salón valéronlle un consello de guerra e teríano fusilado de non
interceder por el Espartero.
Non debía morrer o
capitán Soutelo. Privación e desterro. En Galiza, mais lonxe de Lugo, n’un
burato dos vals ourensás.
No val coñece a don
Xosé María de Puga e a súa filla Rosalía.
Os mozos casan e teñen un fillo chamado Paio.
A estirpe dos Puga colle así novo pulo. Mentres, os
Doncos esmorecen. Arredor deles medran os escribáns, expertos en entrambilicar
as fortunas dos fidalgos na raposeira letra procesual.
Antonio de Soutelo morre na revolución de 1846. O seu
irmán Adrián chega fuxido ao pazo da Pedreira. A través del
coñecemos os feitos máis importantes da revolta.
Didiante do perigo,
Compostela tiña un aspeuto de París na grande Revoluzón. Os homes corrían
pol-as rúas pra ergueren parapetos, nas equinas verbas aloumiñantes das
procramas mantiñan o entusiasmo. Orgaizáronse sabiamente os tres recintos da
defensa. Os artigos de Faraldo na «Revolución» tiñan o acerto de ferir no meio
dos curazós.
Por aquel tempo entra na casa dos Doncos un argalleiro
chamado o Tutano. Entre el e a súa
muller, a Tutana, sórbenlle o
sentido a don Caetano de Doncos,
quen acabará malvendendo as terras e propiedades. Xa parvo e afundido, o
goberno do pazo da Seara pasa ás mans dos Tutanos.
Entre tanto, a morgada dos Puga toma as rendas da casa da
Pedreira.
Non’o que qu’é
muller tan gobernante como Dª Ramona.
Nas suas maus frolecían os eidos, medraban as fazendas, arranxábanse todal-as
custiós. Pr’os peisanos era a verdadeira Señora. Ademais de impôrse pol-o
superior talento era de nacencia a maorazga, a dona. Tiña a franqueza do pai e
por riba un fino senso das cousas. Con ela non había chafallada que valese.
Sabía lêr na frente dos labregos.
Pecha a novela o crime de Farruco, o segundo morgado dos Doncos.
Deitada tral-o
mostrador, afogada pol-as mans finiñas, o branco colo de cisne lixado e
sanguento de mordedelas, soilo vivían as loiras trenzas desfiadas no chán.
(1)
Fonte da imaxe de Ramón Otero Pedrayo: fundacionoteropedrayo.org
Ningún comentario:
Publicar un comentario