O PORCO DE PÉ / Vicente
Risco
6 de xullo de 1928
Nós, Pubricacións Galegas e Imprenta. Real 36-1º. A Cruña
Nós, Pubricacións Galegas e Imprenta. Real 36-1º. A Cruña
200 p ; 17,5 cm.
A novela O porco de pé foi escrita por Vicente Martínez-Risco e Agüero e publicada por Nós na Coruña en 1928.
No mes de outubro deste mesmo ano, Antón
Villar loa a poliédrica figura de Vicente Risco no número 58 da revista Nós e láiase da indiferenza dos
galegos, enfermos de provincianismo e incapaces de admirar os méritos dos seus
artistas, pero sempre atentos ao xenio chegado de fóra.
No xuízo de Villar, realismo, idealismo e humorismo andan da man ao longo das
páxinas da novela.
O Porco de Pé non é un libro
máis, senón un bó libro galego, onde hai unha cousa céntrica: o humorismo
racial deitado dondamente pol-a campía da sensibilidade moderna, com’a i-auga
dos regatos pol-as leiras multiformes das nosas terras de minifundio. (2)
O suplemento gratuíto número dous
da revista Nós, publicado en xaneiro de 1929, escolma algúns parágrafos da obra
e inclúe unha breve recensión publicitaria da novela, xunto cunhas liñas do
editor:
A continuación pubricamos uns anacos da derradeira
novela de Risco, para que os nosos lêtores, que a non conozan, se decaten do
seu grande mérito, que xustifica o eisito de venda que acadou ista obra que
debe lêr todo bó galego.
O porco de pé é unha sátira
protagonizada por don Celidonio,
antítese do doutor Alveiros, personaxe
recuperado por Risco logo da súa aparición en 1919 na novela curta Do caso que ll’aconteceu ô Dr. Alveiros.
(3)
Don Celidonio é a caricatura do
comerciante castelán que medrou mesturando a astucia coa inmoralidade, para
gobernar o lugar onde chegou sen un can na faldriqueira. Todo nel é graxa e
manteiga, por dentro e por fóra.
Don Celidoneo é gordo e artríteco. O carrolo saille
pra fora; na calva ten unha que outra serda; ten as fazulas hipertrofiadas, da
cór do magro do xamón, e tan lustrosas, que semella que botan unto derretido;
as nádegas e o bandullo vánselle un pouco pra baixo.
Risco traza unha radiografía do
caciquismo a comezos do século XX e do ascenso na orde social das chamadas
Forzas Vivas, que operan decote xuntas como divindades corporativas, guiadas
por intereses, que non principios. Segundo as circunstancias, o cacique abeira
tanto cos liberais como cos agrarios, procurando o seu único beneficio.
A narración, aceda e certeira, expón
as causas da corrupción e o caciquismo empregando o humor como nun baile
choqueiro, onde as máscaras reproducen deseguido os predicibles movementos que
caracterizan as personaxes.
Sinopse da obra
Na post-guerra, Don Celidonio ascendeu de porco á
marrán e chegou á Alcalde. A parenta inflou com’o o fol da gaita.
Don Celidonio veu de Castela para servir de mancebo no negocio do futuro
sogro, Baldomero García, tamén castelán, quen fixo fortuna vendendo queixo
polas portas e que a forza de aforrar e non gastar un peso, fíxose en propiedade
coa tenda, que logo trasladou á Praza Maior, e trouxo da súa terra a dona
Emerenciana e a filla, Nicasia.
Cando os comerciantes de vello da vila morreron ou crebaron, Baldomero comprou
por catro cadelas as tendas e os clientes.
Celidonio chegou ao establecemento pouco antes da morte de
dona Emerenciana, dun ataque de mal xenio. Aquel espírito lardeiro medrou ao
abeiro do sogro, casando coa Nicasia e entrou a formar parte do negocio
familiar antes da morte de Baldomero, quen morreu como viviu: aforrando.
O xastre fíxolle entón varios traxes e “de que
meteu os miolos na chistera, don Celidonio fíxose outro. Cando come, aínda fai
clape, clape, com’os porcos na maseira, mais xa non come cos dedos, nin lambe o
prato nos convites”. E aquela chistera abriulle as portas da representación
pública, comezando a carreira en calidade de “Forza Viva”.
Comisionado polas outras Forzas Vivas do pobo, viaxou a Madrid e alí
visitou o Ministerio e coñeceu o Conde, quen faría del concelleiro. Tamén
enfermou, poñéndose nas mans do doutor Alveiros, quen descubriu a afinidade
física e psicolóxica entre o comerciante e o porco, animal totémico que galgaba
no seu interior, e salvouno co único remedio de afastalo do mundo moderno para
que o porco ocupase de novo o seu lugar.
Cando D. Celidonio chegou a Alcalde,
quixo facer ô Dr. Alveiros médico do Auntamento.
Na cidade rural había tempo que desapareceran os señores e o seu posto
ocupábano os políticos e os tendeiros, remudando a liñaxe pola Razón Social. Alveiros
era un espírito cínico e lúcido, que desprezaba tanto o pragmatismo dos
poderosos como o idealismo dos mozos.
Os ventres fartos vencidos pol-os
ventres famentos, e sempr’os ventres.
Un día o demo visitou a casa do doutor Alveiros para tentalo e propúxolle casar
coa filla do alcalde. Mais o demo tamén soprou na casa do Conde e este pediu a
Celidonia para seu fillo, porque o distrito de Solveira resultaba chave para
obter os deputados provinciais e quixo poñelo baixo a influencia do herdeiro. Alveiros
xurou vinganza e presentouse como candidato dos agrarios polo distrito.
Con todo, as eleccións non chegaron a producirse, porque entón proclamouse
a revolución e todos os distritos declaráronse agrarios.
Don Celidonio aforrou así os gastos da campaña do fillo do Conde e as autoridades, en lugar de perseguilo, convidárono a participar na nova Xuntanza
Cidadá. Don Celidonio aceptou de novo o cargo de alcalde, porque os seus cartos
mereceron a unánime aprobación dos antigos rebeldes, pero antes manifestou por
carta a súa adhesión ao conde por se volvían os liberais.
Non contentos con telo restituído no posto, as novas autoridades
proclamárono cidadán exemplar.
Iniciouse unha suscrición pra lle
regalar o uniforme de Xefe Superior d’Administración, as insiñas da Cruz
d’Alfonso XII e un bastón de mando, e constituíuse unha Comisión pra lle faguer
unha homaxe popular.
A homenaxe virou nunha apoteose alegórica, onde participou toda a sociedade
da vila e aquela cidade que antes existía por existir, agora atopou por fin un
sentido, pois alí foi onde viviu, enriqueceuse e fixo a súa carreira política
don Celidonio.
O único veciño que non asistiu á homenaxe foi o doutor Alveiros, refuxiado
baixo chave na casa. Pero aquela noite aparecéuselle de novo o demo e
recomendoulle ir manifestar a súa amizade á casa do alcalde. Con iso non perdía
nada e aínda máis, gañaba un valedor.
E alá foi, vestido coa súa mellor roupa, para afundirse nunha aperta
agarimosa con don Celidonio. Logo chegou de novo o balbordo, as carreiras, o
estrondo dos coches de bombeiros:
Alguén entrou no salón de D.
Celidonio e dixo:
- A Bibrioteca Municipal está ardendo.
A música emprincipiou outra tocata.
- A Bibrioteca Municipal está ardendo.
A música emprincipiou outra tocata.
(1)
Fonte da
imaxe de Vicente Risco: bvg.udc.es
(2)
O porco de pé. Antón Villar Ponte. Os homes, os feitos,
as verbas. Revista Nós, nº 58. 15 de outono de 1928.
(3)
Do caso que ll’aconteceu ô Dr. Alveiros. Vicente Risco. ¡Terra a Nosa! Suplemento
de El Noroeste, nº 7. A Coruña. 10 de abril de 1919. A primeira edición d’O
porco de pé informa que entre as obras en preparación de Vicente Risco está a
novela: Aventuras do Dr. Alveiros en
Brasil. Este texto nunca chegou a editarse, por máis que Risco aludise a el
n’O porco de pé, situando estas aventuras entre os textos de 1919 e 1928, onde
atopamos un Alveiros avellentado e empobrecido.