Un ano despois de ter
chegado a Madrid, Cabanillas volve a Cambados de vacacións xunto ao pintor Francisco Lloréns (1),
coa intención de homenaxear a Asorey (2).
CASINO DE
CAMBADOS
Sr. D. Enrique
Peinador
Querido
Enrique:
¿Recibiche a
miña carta? O banquete a Asorey será o día 20, domingo, e eu tiña moito intrés
en que viñeras. Como o númaro de tarxetas e limitado, dime si che reservo
algunha: coido que estará moi ben, anque o custo non é mais que de tres pesos,
e que virá boa xente. Podes matar dous paxaros d-un tiro, pois o mesmo dia âs 5
da tarde escomenzarán as regatas de Vilagarcía que din serán unha cousa moi
linda. ¿Que che parecéu o númaro derradeiro de “As Roladas”? Lloréns tamén
tería unha grande legría en verte. ¿Si non poidera vir o día 20, non podes
chegarte un día calquera a xantar con nos? ¡Cantas ganas teño de che dar unha
aperta!
Pol-o demais
temos de falar moitas cousas.
Póme duas
letras
Teu de cote
Ramón
5 agosto – 1922
Cabanillas anuncia a Peinador a celebración da homenaxe a Asorey en Cambados, o 20 de agosto de 1922. Tradicionalmente pensábase que este acto
tivo lugar o día 22, pero ese día coincidiu en martes e non en domingo, como si
foi día 20, polo cal e máis tendo en conta a carta de Cabanillas, quen foi o
organizador, temos que dar por boa a data do domingo día 20.
Cabanillas comezou a preparar en Madrid os actos en honra do escultor e non
lle debía ser moi difícil ter a complicidade do concello de Cambados, pois na
altura exercía de tenente de alcalde o seu amigo Xaquín Sánchez Peña. A
homenaxe a Asorey era de recoñecemento pero tamén de desagravio porque, en
opinión de Cabanillas e de case toda a colectividade artística galega, o
terceiro premio que o xurado da Exposición Nacional de Bellas Artes decidira
outorgarlle á obra do escultor cambadés non se correspondía cos máis altos
merecementos de Naiciña e, de feito, Asorey rexeitara a medalla. (3)
Naiciña é unha das obras
costumistas executadas por Asorey nos anos 20. Trátase dunha talla en madeira
policromada de trazos realistas relacionada con outras obras do mesmo autor e
que pretenden representar a vida popular galega, amosando a identidade esencial
da raza.
Asorey presentou a obra na Exposición Nacional, onde obtivo o terceiro
premio consistente nunha bolsa de viaxe que había servirlle para percorrer
España.
O acto de desagravio organizado por Cabanillas en Cambados contou coa presenza
de representantes políticos e boa parte da elite cultural galega, entre os que estaban os alcaldes de Cambados e Santiago, e tamén Portela Valladares, Vicente Risco,
Basilio Álvarez, Castelao, Francisco Lloréns, Francisco Camba, Eladio
Rodríguez, Euxenio Montes, Enrique Peinador, Fernández Mazas, Bouza-Brey,
Valentín Paz-Andrade e Antonio Magariños, entre outros, unidos todos eles pola
amizade con Cabanillas. (5)
O poeta leu os “Versos á présa”,
escritos para a ocasión.
Cando vin que en Castela foi premeada
“Naiciña”, polos cutres na inxusticia,
maxinei teu cicel honrosa espada
redentora dos aies! de Galicia.
E entón dixen: traballando decote,
co numen enxendrado, neste rueiro,
chegará a ganar premeos a pote
que che tendrá que da-lo mundo enteiro.
E esquírboche ca miña musa tola
e sin ter un anaco de trobeiro,
a fin de que coroes a cachola
con estes ramalliños de loureiro.
Quedo namentras: afiando a fouciña
con que os cortei na nosa “Terra Santa”,
aprand-os premeadores de Naiciña
Que a croalos tamén... pola graganta...
I agora que lle vou mandar a Paquiño?
Voulle mandar os loureiros... i a fouciña...
(1)
Francisco Lloréns Díaz. (A Coruña, 1874 – Madrid, 1948). Pintor
paisaxista, cun estilo próximo ao impresionismo.
(2)
Francisco Hipólito Asorey González. (Cambados, 1889 – Santiago de Compostela,
1962). Escultor.
(3)
Ramón Cabanillas. Crónica de desterros e
saudades. Luís
Rei. Galaxia. Vigo. 2009.
(4)
Naiciña (1922). A peza, desaparecida durante anos,
foi localizada en 2014 nun museo de Santa Fe (Arxentina), probablemente
repintada e sen conservar a policromía orixinal. Fonte da imaxe: Faro de Vigo.
(5)
Franciso Asorey, escultor galego. Maribel Iglesias Baldonedo. Tese de
doutoramento. Santiago de Compostela. 2015.