UN SUCESO EN LOS ARRABALES / Antonio Ramos Varela
16 de maio de 1933
Nós Pubricacións Galegas e Imprenta – Rúa do Vilar, 15. Santiago
105 p ; 16 cm.
Antonio
Ramos foi un intelectual de ideoloxía anarquista e militante da FAI nado en
Ferrol en 1903 e con residencia en Compostela, que tivo contacto, entre outros,
con Luís Manteiga, Luís Seoane e Carlos Maside malia que o
seu carácter individualista limitou a interacción con outros intelectuais.
En 1933
participou na Misión Pedagóxica liderada por Rafael Dieste,
percorrendo varias vilas e aldeas para estudar a linguaxe coloquial da zona e
difundir a cultura. Tamén participou noutras Misións en 1934 en Castela e
Galiza, dirixindo varias delas.
As
Misións remataron despois da revolución de Asturias, prexudicadas
por unha campaña da dereita parlamentaria na que se lles botaba a culpa de
alentar falsas ilusións no campesiñado coas súas campañas de lectura (1)
Precisamente
o estoupido desta revolución provocou o desterro de Ramos en Ferrol durante os
últimos meses de 1934. Xa de volta en Compostela traballou como profesor e en
xullo de 1936 participou na organización da defensa da cidade, para logo fuxir
e ser capturado no mes de decembro.
O
fiscal considerouno un home de “algunas letras que se cree un ser superior e
incomprendido”, que bota a súa bile en “libelos o periódicos de pocos y
atrabiliarios lectores”.
O nome de Ramos Varela figuraba na listaxe de indesexábeis fuxidos e foi condenado a pena de morte, logo conmutada por cadea perpetua pola intervención de Santiago Montero Díaz. Non obstante permaneceu no cárcere durante seis anos e foi liberado enfermo de tuberculose en 1943, morrendo dous anos despois da mesma enfermidade.
A peza dramática Un suceso en los arrabales é a única obra literaria
coñecida do autor. Foi impresa por Nós para as edicións Resol de Arturo
Cuadrado, distribuídas na Barraca Resol, instalada no paseo da
Ferradura e máis tarde na Libraría Niké, na rúa da Caldeireiría, en
colaboración con Xoán Xesús González.
Este foi o primeiro libro editado por Casal no número 15 da rúa do Vilar, logo de abandonar a editorial a localización anterior no número 20 da rúa das Hortas. Entre a publicación de Nao Senlleira, de Fermín Bouza-Brey, en xaneiro e o libro de Ramos Varela transcorreron case catro meses, tempo que levou facer a mudanza da imprenta.
A obra, escrita en castelán, é unha peza dramática distribuída en dúas
partes e con sete personaxes, todas elas mulleres, que transcorre no arrabalde
dunha cidade populosa.
El campo es como el mar, la ciudad es como
un barco parado en el mar. Y aunque el núcleo, los altos bloques del centro son
limpios y resplandecientes bajo el sol, los flancos son sucios, como de
embarcación carbonera: el agua, en torno a ellos, es también sucia, negra,
oleosa: llegan rieles curvos-corrientes perezosas.
Un grupo de veciñas conversan sentadas sobre un poste eléctrico caído. Unha
delas é vella. As outras teñen entre trinta e corenta anos. Son mulleres duras,
maltratadas polos anos de traballo e a miseria. Rosa en cambio conserva a
beleza da muller chegada hai anos á vila desde o campo.
Entre elas falan da miseria, da falta de traballo, da violencia dos homes e
do sexo como vía de escape. Os homes desafogan a frustración falando da
revolución, pero as palabras esfuman no aire.
Cada día hablan más y hacen menos. Ya ni
trabajar saben, porque son las máquinas las que trabajan. Pero nosotras
seguimos pariendo igual que si no hubiera máquinas.
As mulleres beben augardente e contan anécdotas do tempo en que eran novas
e felices, antes de chegar á cidade. Rosa é diferente a todas. Ela vén de
familia de mariñeiros e aínda conserva a alegría que as outras perderon. É
distinta e por iso envéxana e rexéitana a partes iguais. Este desprezo pola
diferenza conduce á violencia. As mulleres bótanse a ela con puños e pedras.
-
¡Eh, sangre!
-
¡Sangre, sí, en la cabeza!
-
¡La habéis matado! ¡Está muerta!
-
¿Y ahora? ¡La policía!...
As mulleres foxen e despois desta escena cae o pano, dando paso ao diálogo
entre un crítico e o autor a xeito de epílogo, onde Ramos Varela teoriza dun
xeito un pouco escuro e desordenado sobre o sentido da vida.
O crítico está desconcertado porque a obra é confusa e rudimentaria, non
segue as normas e principios do teatro, criticando os autores novos por
escudarse na realidade para poñer en escena anécdotas sen importancia. No
teatro non hai lugar para os temas vulgares e as personaxes inmorais.
Para o autor, as persoas viven existencia superficiais centradas no
presente, perdendo de vista a transcendencia universal da vida. As normas regúlano
todo, afastando os que pretenden vivir á marxe delas e o consenso social non
existe polo seu valor obxectivo senón que é froito do azar.
Para Ramos Varela, dúas forzas moven o mundo: a paixón política e os cartos,
e os homes avanzan pola vida como o faría un récord man, completando etapas intranscendentes
para xustificarse diante da sociedade.
Fuera del campo de lo oficialmente sano y
lo oficialmente patológico, hay una tercera zona donde habitan gentes
violentamente sacudidas por cierta especie de desorden (...) y esas gentes son
las únicas que viven realmente a la altura del mundo moderno.
A función da arte é sacar da escuridade o feo e indecoroso, darlle nomes. “Sacarlo
a la luz del sol, convertirlo en estado de conciencia”.
(1) Antonio Ramos Varela. Noticia dun intelectual libertario
esquecido. Eugenio Otero Urtaza. Boletín Galego de
Literatura nº 39-40. 2008