A PAISAXE NO CANCIOEIRO DA VATICANA / Xosé Filgueira Valverde
21 de febreiro de 1927
Editorial Lar
40 p ; 16 Cm.
O cancioeiro da Vaticana forma parte das publicacións do Seminario de Estudos Galegos, editado na sección de literatura e filosofía.
A separata recolle un extracto do traballo anual presentado por Filgueira
como membro do SEG no curso 1925/26 e está dedicado a Ramón Otero Pedrayo, e antes de dalo ao prelo como documento exento tamén foi publicado en xaneiro dese mesmo ano no número 37 da revista Nós.
Filgueira foi un dos fundadores do SEG durante a excursión que o 12 de
outubro de 1923 fixeron un grupo de estudantes á casa de Rosalía, no Castro de
Ortoño, coa intención de unir os traballos culturais dos socios nun labor
colectivo.
Revista Nós nº 37 |
Lar, e posteriormente Nós, tiveron unha grande importancia na difusión dos traballos do SEG a través da Biblioteca do Seminario de Estudos Galegos, iniciada por Filgueira en 1925 co libro de contos Os nenos.
Daquela os autores sufragaban a impresión dos traballos e non será até 1927
cando se establece un acordo entre o SEG e principalmente Lar e despois Nós,
pero tamén con outras imprentas como Peón en Pontevedra ou El Eco Franciscano e
Paredes en Santiago, dando ao prelo os estudos por conta da institución.
A separata O cancioeiro da Vaticana
tivo unha difusión de cen exemplares numerados e fóra da venda e o custo de
impresión foi de setenta e cinco pesetas, como podemos ver na folla de
liquidación de comisións adxunta emitida a favor de Filgueira, onde Ánxel Casal
fai as contas das vendas do volume anterior: Os nenos e reduce o prezo das
separatas do saldo a favor do autor.
O Cancioneiro da Biblioteca Apostólica Vaticana é un códice medieval de cantigas galego-portuguesas de amigo, amor e escarnio conservado en Roma, reprodución dun texto anterior e que pode estar datado no século XIV.
O meu traballo de oxe quer soio recoller no Cancioeiro da
Vaticana as referenzas â paisaxe, topadas principalmente nas cántigas rituals,
derivadas da festa de Maio e feitas en loubanza da dona virgo (...) Eu soio
quero que na sua cativés poda servir â vulgarizazón dos temas poéticos dos
Cancioeiros e dé azos a outros membros do Seminario pra se ocupar d’eles como
fontes históricas.
Filgueira comeza referíndose ao souto e non ao xardín como o lugar
axeitado para amar. Un espazo semellante ao pintado por Botticelli na súa
Primavera.
Pel-o souto de Crexente
unha pastor vi andar
moit’alongada da xente
No souto hai árbores, prados, flores e paxaros cantándolle ao amor.
No xuízo de Filgueira, as árbores conectan coas raíces célticas e
priscilianistas, e no cancioneiro predominas abeleiras, piñeiros e ramos
florecidos. O prestixio erótico destas flores só é comparable ás ondas do mar.
Bailemos nos xa todas, todas ai amigas
so aquestas avelaneiras floridas,
e quen for belida, como nos belidas,
se amigo amar,
so aqueste ramo d’estas avelanas
virá bailar.
As cantigas personalizan as flores, como fai Codax co mar ou Meogo cos
cervos. O piñeiro representa tamén a dor da saudade e do amor.
Ai flores! Ai flores do verde piño
se sabedes novas do meu amigo?
ai, Deus, e hu é?
Sobre os soutos voan as aves cantando ao amor, na vella tradición onde
representan a sabedoría e a beleza.
Ai estorniño do avelanedo
cantades vos e morr’eu e peno
d’amores ei mal!
Mesmo os cazadores respectan as aves que cantan e son símbolos do amor.
Seu arco na mano a las aves tirar
a las que cantavan non as quer matar,
a las aves meu amigo.
O soutelo semella sere escolleito, mais ainda que pol-o
frescor da sua soma e pol-a sua vizosa e frondente verdura, pol-a proisimidade,
sonora e húmida, das augas.
Cervos e fontes abondan nas cantigas e forman parte da iconografía común na
literatura medieval.
En as verdes ervas
vi andal-as cervas;
meu amigo!
En os verdes prados
vi os cervos bravos;
meu amigo!
E con sabor d’elas
lavei ñas garceras;
meu amigo!
E con sabor d’elos
lavei meus cabelos;
meu amigo!
As cantigas do mar teñen ritmos diferentes e recordan os temas musicais
populares cantados nos barcos e peiraos.
O motivo poético común é a dona que agarda no porto polo amigo, mesturando
as saudades dos que van e os que esperan. Son estas as cantigas máis fermosas
dos cancioneiros.
As froles do meu amigo
briosas van no navío,
e vanse as frores
d’aquí ben cos meus amores.
As ondas do mar representan a ausencia e os namorados contemplan o mar,
recordando o amigo.
Cand’eu vexo las ondas
e las muit’altas ribas
logo mi veñen ondas
al cor, por la belida;
maldito seia el mare
que me faz tanto male.
Tamén os barcos representan a ausencia.
Vi eu madre andar
as barcas en o mar
e mórrome de amor.
Por último, Filgueira recolle a única cantiga de Mendiño no cancioneiro e
que segundo el representa de xeito singular o sentimento da paisaxe e a
saudade, e constitúe para o autor a mellor manifestación poética do medievo
galego.
Seriam’eu na ermida de San Simón,
e cercaronm’as ondas que grandes son.
en atendend’ô meu amigo!
Estando na ermida, ant’o altar,
cercaronm’as ondas grandes do mar,
en atendend’ô meu amigo!
E cercaronm’as ondas que grandes son,
non ei barqueiro, nen sei remar,
en atendend’ô meu amigo!
Non ei barqueiro, nen remador,
morrerei fermosa no mar maior,
en atendend’ô meu amigo!
Non ei barqueiro, nen sei remar,
morrerei fermosa no alto mar,
en atendend’ô meu amigo!