ANTÓN PIRULEIRO / Fernández e González, Xesús
23 de maio de 1925
Lar, revista quincenal; número 7. Imprenta Lar, Real 36 – 1º A Cruña
26 páx. ; 16 cm.
23 de maio de 1925
Lar, revista quincenal; número 7. Imprenta Lar, Real 36 – 1º A Cruña
26 páx. ; 16 cm.
Antón Piruleiro é un folletín amoroso con trazos de novela de costumes, transformados os veciños das parroquias de Outeiro e Mariz nunha sorte de Capuletos e Montescos de carácter profundamente galego, unidos pola traxedia onde desembocan as súas desavinzas. En todo caso, o particular sentido da honra do protagonista está por riba dos sentimentos amorosos, que non embazan o seu ideal de vida, onde o exército (o Grorioso) ocupa un posto destacado.
Sinopse da obra
A novela comeza coa escapada nocturna de Antón de Mariz para acudir a parolar con Carmeliña no lugar de Outeiro, ás agachadas da familia da moza.
Os capítulos segundo e terceiro falan do odio que divide as parroquias de Mariz e de Outeiro por causa do uso en común do monte Louro. Tamén sabemos que os veciños non aceptan os amores dos mozos, rexeitando todo contacto entre as dúas comunidades.
Deseguida asistimos á festa grande das parroquias; a romaría de San Xoán de Veiga, onde os mozos de Mariz e Outeiro enfrontan no souto e como resultado da pelexa morren a señora Marica de Mariz dun disparo e o mozo de Outeiro Mingos Salgueiro dunha malleira. A desgraza provoca a reflexión dos veciños baixo o liderado dos cregos das dúas parroquias e nun acto solemne concertan a paz no cruceiro, acordando tamén un pacto de silencio para non delatar os culpables diante do xuíz.
O capítulo sete comeza coa chamada a quintas de Antón, que antes de marchar entrega un anel de compromiso a Carmeliña.
Meses máis tarde o rexemento de Antón trasládase a África e nun enfrontamento coas tropas do Rif os xornais dan a falsa nova da súa morte. Cando Antón volve a casa, descubre que Carmeliña, convencida da súa morte, está a piques de casar cun veciño da parroquia. A nova sorpréndeo e, sen chegar a desfacer o entorto da falsa morte, decide volver a Marrocos e alistarse no terzo de estranxeiros dando cabo ao relato.
Ningún comentario:
Publicar un comentario