A FIESTRA
VALDEIRA / Dieste, Rafael
16 de marzo de 1927
Tipografía do Eco de Santiago
98 p ; 19
cm.
A peza dramática A fiestra valdeira.
Comedia de remate ledo en tres lances, o derradeiro cun respiro obra do
escritor Rafael Dieste Gonçalves, foi
impresa no obradoiro do xornal El Eco de Santiago en marzo de 1927.
Malia non ter sido un dos libros editados por Nós, a obra aparece no
catálogo da editorial por ser esta a encargada da súa distribución.
Unha carta dirixida por Ánxel Casal
a Rafael Dieste en xaneiro de 1928 aclara esta circunstancia. (2)
SDn. Rafael Dieste, Vigo.
Estimado irmán na patria:
Recibímol-a sua carta d’antonte que nos amostra o seu desconocemento do que NÓS
é. Isto obríganos a lle facer a presentación.
NÓS (dito en termos mariñeiros que tan ben cadran entre as xentes da ribeira) é
unha embarcazón tripulada por todol-os galegos que arelan unha Patria libre e
culta, por todol-os que lên e por todol-os que escriben o idioma vernáculo,
sexan da escola e da banda que queiran. ¡Non pode haber diferenzas entre
pelerinos d’un mesmo Ideal! En Nós estamos todos: uns sabemos xa do noso
enrolamento e outros que, como vostede, tamen son da compaña, temol-os a bordo,
inda que se non teñan decatado. (…)
Agora, que xa sabe que Nós tamén é de vostede, non ten mais que mandal-os
exemprares que teña das suas obras e con gusto nos encargaremos da sua
administrazón.
As condizóns que temos estabrecido na parte editorial son: imprentazón das
obras anticipando toda ou parte do importe (segun as nosas disponibilidades)
para reembolsarnos do mesmo das primeiras vendas que se realicen, entregando ôs
autores o liquido que resulte de deducir da cantidade total o custe mail-o 35%
de desconto que se fai para pago da comisión ôs libreiros, gastos de correio,
propaganda, etc.(…)
Para os «Arquivos» (3) e a «Fiestra» faremos o mesmo desconto do
35% que si fosen obras imprentadas por Nós.
En xaneiro dese mesmo ano na carta en que Manuel Antonio contacta con Ánxel Casal pedíndolle permiso para
remitirlle o manuscrito do libro De catro
a catro, o poeta ofrece nova información sobre Dieste. (4)
P/S Dieste encarréga-me decir-lle que por
engano d’él anuncioulle n-unha carta o envío de 250 exemprares de «A fiestra
valdeira», cando en realidade non son mais que 202.
E aínda un novo comentario do 19 de xaneiro, na carta de resposta en que
Ánxel Casal pide a Manuel Antonio que lle envíe o manuscrito “para ver de dalo âs caixas na primeira oportunidade”, inclúe a seguinte información:
Rógolle diga ô señor Dieste que cando mande
«A Fiestra» remita ademais algúns exemprares de «Os arquivos» e ô mesmo tempo
nota dos libros que teña entregados nas libreirías, para saber onde hei mandar
e onde non. (5)
A primeira edición de A fiesta valdeira está dedicada ao
arquitecto Constantino Candeira (6). A segunda
edición, publicada en Bos Aires en 1958 pola editorial Citania, Dieste dedicouna
ao seu irmán Antonio.
Esta segunda edición adapta a ortografía e a linguaxe e tamén revisa en
profundidade o texto dos diálogos. Como exemplo desta adaptación podemos ver as
diferenzas entre as frases de don Miguel coas que dá comezo a obra:
1ª Ed.: Paréceme, Baldomero, que o pintor vaime
enxergando moi ben a fasquía. Os pintores son o demo. Xente fina que moi
finamente atrápalle a un o seu ser propio e déixao fondeado para sempre antre
as catro liñas do marco.
2ª Ed.: ¿Qué andará aínda a cacheal-o pintor? ¿Non
che parez que xa estou ahí? Dend’o premeiro intre, n’aquel seu calar, surrir e
escismar, xa vin que m’atinaba co-a fasquía.
E agora case que non pinta, se non é cos ollos e co pensamento. Xa nin
siquera mira car’a min, non sendo así, de súpito.
Dieste ingresou no Seminario de Estudos Galegos o 21 de xaneiro de 1927 coa
lectura de A
fiestra Valdeira, e a obra representouse por vez primeira o 15 de
decembro de 1935 en Rianxo, dirixida polo propio autor. (7)
A comedia desenvólvese nun ambiente mariñeiro e critica
os devezos dos novos ricos por borrar o pasado, agochando as
miserias polas que tiveron que pasar para ser quen son na actualidade.
Resulta especialmente descritivo o texto introdutorio que
acompaña a segunda edición da obra:
Un exemplo de sobriedade, equilibrio e
xustas proporcións. As figuras transcenden, e en cada unha síntese latexar a
vida das demais. Estes seres son vivos espellos os uns dos outros. Nada é
pechado n’A fiestra valdeira. Unhas almas levan ás outras. Na casa de don
Miguel síntese a vila enteira, cos seus trasfegos, o seu mar, as súas gaivotas
e os seus horizontes.
Sinopse da obra
Lugar da acción: unha pequena vila
mariñeira.
Época: pode haber vinte anos.
PRIMEIRO LANCE
A
acción transcorre na casa de don Miguel, vello de boa planta que foi mariñeiro
cando mozo e logo fixo fortuna no Brasil. Don
Miguel fala con Baldomero, un mariñeiro
vedraño amigo da nenez.
N’un cabalete de pintor, posto a unha banda
de xeito que non atranque, un lenzo co retrato ainda non rematado do dono da
casa – mariñeiro e señor. No cadro D. Miguel tópase tamén perto da fiestra
ollando por ela car’o a mar.
Antonio, o pintor, visita a casa acompañado do seu amigo Nogueira, quen loa o cadro: “Isa fiestra que deixa ver o mar, o peirán, as lanchas…
Todo iso está pintado co mesmo agarimo varudo que hai nos ollos de don Miguel”.
Cando
marchan as visitas, Adelaida, a
filla de don Miguel, e dona Balbina,
a muller, propoñen unha emenda no cadro.
¿Ti quês ou non que lle quiten a fiestra o
cadro? (…) ¡Canto millor non lle quedaría un fondo de xardín fidalgo ou cousa
de xeito somellante! Ademais isa fiestra, véndose as lanchas, o peirán, as
redes …
Para as
mulleres aquela fiestra anuncia que don Miguel foi mariñeiro noutro tempo.
¿E non-o fun? ¿Non-o son aínda por dentro?
Dona
Balbina non quere que cando Mariñas,
o prometido de Adelaida, entre na casa para pedirlles o seu consentimento, vexa “ise retrato co-isa fiestra que o está dicindo todo”.
Adelaida quere que o pai cambie o retrato.
Quero que en troques d’isa fiestra – que xa
sabemos o que ven dicindo – leve o cadro outro fondo mais señor. Ter fachenda
da pobreza de onte ou de hoxe é ter fachenda ben cativa. E mais cando hai
outras cousas por diante …
Don Miguel rexeita o arranxo. Para el ter sido mariñeiro
é algo máis; moito máis, que ter sido pobre.
SEGUNDO LANCE
Ao cabo
don Miguel cede, pero o pintor négase a emendar o retrato por moito que lle
paguen. Dona Balbina encirra no home: “Xa non pode
tardar en chegar o pintor. O que lle hai que dicir é ben termiñante. Non se lle
pagará o cadro mentras non faga os troques que se lle piden”.
O
pintor rexeita a encomenda: “Co-a enmenda que se me
propón non soio estrangoaríamos a unidade do cadro senón tamén a unidade
espiritoal de vostede”.
Matapitos anuncia que na rúa
agardan Carramañola, o Garreante, Dourado, Baldomero e dous mariñeiros máis para pedirlle a don Miguel que non cambie a fiestra.
Agora queremos que o cadro vaia como vai, e
irá. Irá porque o cadro é noso (…) É noso e levarémolo (…) ¿canto quer pol-o
cadro don Antonio? Nós axuntames mil pesos. ¿Abonda?
O
pintor regálalles o cadro pero don Miguel négase e, cun movemento rápido da
faca, o Garreante curta o anaco de lenzo que descubre o porto e as
dornas.
Abóndanos co-ise anaco. Os mil pesos por
ise anaco. ¡Diñeiro limpo e relocinte! ¡Ouro e prata do mar! (Vanse
os mariñeiros levando o anaco de lenzo con moito rebumbio).
TERCEIRO LANCE
Sempre así co-as mans nos petos, a testa
abatida (…) n’ise van onde temos trastos vellos e agora tamén o retrato furado,
a fiestra valdeira como él dí. Sen falar (…) Eu non sei quen tivo a culpa. ¿Eu,
a miña filla, os mariñeiros, o pintor? Non sei.
Por fin
Adelaida e dona Balbina comprenden os degoros do pai, e a filla pídelle que
restitúa a fiestra no cadro. Nogueira e Antonio anuncian que os mariñeiros están dispostos a entregala. Axiña aparecen na
casa de don Miguel para devolvela. Reconciliados, todos xuntos beben viño.
FIN D’A FIESTRA
VALDEIRA
A diferenza
da segunda edición, a primeira inclúe a maiores catro contos breves de argumento
desacougante.
O neno suicida. Un neno morre dun disparo na
tempa. Este neno naceu sendo vello e viviu cara atrás. Entre os cincuenta e os
quince anos traballou e fíxose rico e, antes de esvaer,
suicidouse.
A morte de Estreliña. Dieste
fálanos dunha nena que foi a ledicia de todos os que a coñeceron e da tristeza
dos pais no velorio.
Espanto de nenos. Os nenos
senten o primeiro medo metafísico logo de ter sido esculcados por un ollo a
través dunha fenda.
O grandor do mundo. O emigrante volve
a casa cheo de saudade e alí albisca a inmensidade do mundo.
(1) Fonte da imaxe de Rafael
Dieste: Rafael Dieste. 1899-1981
Unha fotobiografía
(2) Carta de Ánxel Casal a Rafael Dieste. 9 de xaneiro de
1928. Ánxel Casal (1895-1936). Textos e
Documentos. Dobarro Paz e Vázquez Souza. Ediciós do Castro, 2003. P. 194.
(3) Dos
arquivos do trasno. Contos do monte e do mar, de Rafael Dieste, foi impreso en Vigo no obradoiro de
El Pueblo Gallego en 1926. Tamén esta obra está incluída entre os libros
distribuídos por Nós.
(4) Ibidem nota 2. P. 197.
(5) Ibidem nota 2. P. 198.
(6) Constantino
Candeira. Arquitecto e membro do Seminario de
Estudos Galegos. A el débese a actual restauración da Praza da Quintana. O arquitecto Constantino Candeira. Begoña
Soneira Beloso. Ediciós do Castro. 2006.
(7) Rafael
Dieste. 1899-1981 Unha fotobiografía. Xosé Luís
Axeitos. Edicións Xerais de Galicia, Vigo. 1995