sábado, 22 de marzo de 2014

A EIREXA PRE-ROMÁNICA DE FRANCELOS



A EIREXA PRE-ROMÁNICA DE FRANCELOS / Filgueira Valverde, Xosé
8 de febreiro de 1929
NÓS Pubricacións Galegas e Imprenta – Real, 36 – 1º, A Cruña.
5 p + 2 láminas exentas ; 28 cm.

A eirexa pre-románica de Francelos separata escrita por Xosé Filgueira Valverde para a sección de Arqueoloxía do Seminario de Estudos Galegos foi impresa por Nós en febreiro de 1929.

A sección de Arqueoloxía e Historia da Arte do SEG foi creada no curso 1926 baixo a dirección do arquitecto Constantino Candeira. Entre os traballos da sección sobre arquitectura pre-románica atopamos os estudos sobre Santa Eufemia de Ambía (Gómez Moreno), Santa María de Mixós (Bouza Brey, Fontes Canal e Fernández Oxea) e As Nogais (Bouza Brey).

Filgueira, un dos mozos fundadores do SEG en 1923, conselleiro da institución e director da sección de Historia da Literatura, preséntanos este breve traballo que tamén foi publicado integramente no número 62 da revista Nós, correspondente ao 15 de febreiro de 1929.

O autor comeza o texto xustificando os motivos da publicación.

Con motivo da primeira misión de estudios arqueolóxicos que organizou en Galiza a Junta para la ampliación de estudios, visitéi a eirexa de Francelos acompañando a D. Manuel Gómez Moreno. Dende aquela visita, feita o día 12 de agosto de 1927, vense retrasando a pubricación de unha noticia sobre tan interesante moimento.

Francelos, segundo revela Filgueira, “tópase a dous kilómetros de Ribadavia, cara o S. perto da carretera de Vigo e no centro do chan que chaman de Valparaíso. Provincia de Ourense. Diócesis de Tuy”.

As primeiras referencias sobre Francelos hai que procuralas nas lendas inscritas nas moedas visigóticas. Tamén consta a existencia dun mosteiro bieito feminino durante os séculos IX e X. Algunhas das pedras do vello mosteiro aparecían até hai poucos anos incrustadas nos muros da capela segundo informa Samuel Eiján.

En 1156 a igrexa de Santa María de Francelis foi adxudicada ao cabido de Tui por Alfonso VII. O privilexio sería confirmado en 1279 por Alfonso X.

A eirexa de Francelos, de pranta rectangular e pequenas proporcións (7 x 10 metros ô exterior) non nos ofrece outro motivo de estudio que os elementos decorativos e membros arquitectónicos que se topan na sua fachadiña, cobixada baixo un pórtico e albeigada, en gran parte.

A porta presenta un lintel construído con doelas baixo un arco de medio punto. Os capiteis están ornados con motivos bíblicos e sobre o muro ábrese unha fiestra con celosía de pedra, formada por floróns de oito pétalos e arcos de ferradura.

As trazas arquitectónicas do edificio correspóndense coa arte asturiana antiga e permiten datalo a mediados do século IX.

(1)    Imaxe de Xosé Filgueira Valverde: filgueiravalverde.blogspot.com.es


Ningún comentario:

Publicar un comentario