O VIGAIRO / Xosé Filgueira Valverde
Febreiro de 1927
Lar, revista mensual; número 30. Imprenta Lar, Real 36 – 1º A Cruña
22 páx. ; 16 Cm.
Febreiro de 1927
Lar, revista mensual; número 30. Imprenta Lar, Real 36 – 1º A Cruña
22 páx. ; 16 Cm.
Durante anos Filgueira publicou principalmente ensaios científicos de carácter diverso, malia ter escrito tamén de xeito máis esporádico colaboracións xornalísticas, poesía, teatro e narrativa. Precisamente desta última deu ao prelo tres títulos: os contos reunidos no volume Os nenos (2), editados por Lar en 1925 e que había inaugurar as publicacións fóra de colección da editorial; o libro O Vigairo, editado en 1927; e a reedición ampliada de “Os nenos” presentada pola editorial Galaxia en 1971 baixo o título Quintana Viva. (3)
Resulta común nos tres textos narrativos a evocación soidosa do pasado inmediato localizado na infancia e que, lonxe de ser a patria morriñenta de Rilke, deixan un pouso triste no lector. Neles destaca tamén o uso exquisito da linguaxe, reflectindo a vontade de Filgueira por establecer un rexistro antropolóxico do uso popular da lingua.
Na obra O Vigairo, Filgueira fálanos de Xohan de Pontevedra, un vello mariñeiro respectado polos mareantes do Morrazo e o Salnés. Tradicionalmente os vigairos eran veciños designados pola comunidade para representar os intereses comúns diante do concello e organizar as festas da parroquia.
Sen chegar a ser unha novela; tampouco un conto, O Vigairo reúne unha colección de notas soltas escritas con prosa poética, retallos na vida do vello mariñeiro que encarna a memoria de Pontevedra e serven ao autor para evocar a vila de antano, recuperando os lugares e costumes sepultados pola cidade moderna.
O texto esta incluído no catálogo de publicacións do Seminario de Estudos Galegos e Filgueira dedicoullo a Casto Sampedro. (4)
Ó meu mestre D. Casto Sampedro e Folgar que
na Sociedade Arqueolóxica de Pontevedra adicou o esforzo de unha vida, ó estudo
da nosa hestoria, ofrezo, ca máis fonda ademiración, estas follas, nas que
quero faguel-a miña cántiga a boa vila mariñeira de antano.
Escrita n-un galego requintado e por
vegadas difizile, é o poema simbólico de Pontevedra e da Moureira, o poema da
dinidade, da fidalguía plebeia da nosa xente mariñeira, que co-a labrega é o
Sal da terra: democracia e tradición, a y-alma da raza. O Vigairo é tamén a
persoificación das virtudes ancestrás; os seus pensamentos e as suas verbas son
a executoria moral do pobo. En poucas liñas, o pasado todo de Pontevedra ponse
diante dos nosos ollos n-unha síntese de xeito romántico. Pol-o demais, na
noveliña pouco pasa: non pasa mais qu’o que ten que pasar pra qu’o Vigairo
s’erga diante do leutor de corpo inteiro con nobreza e eixempraridade.
PRANTO O MAR DA MOUREIRA. Cal que un vigairo doa a eirexa da Nosa Dona un cotibaldo, broslado, de prata, quixérate eu doar un cotibaldo de ondas, meu mar, ti que deches á terra a prata farturenta dos teus peixes.
O VIGAIRO. O Vigairo Xohan de Pontevedra é coñecido e respectado nos arciprestados de Morrazo e Salnés porque fala como os vellos mariñeiros.
A VILA DO VIGAIRO. Filgueira descobre os pobos que forman Pontevedra comezando polo mariñeiro da Moureira, onde vive o Vigairo. Alí está a igrexa de Santa María, ergueita cos cartos dos pobres.
Unha noite erguerá velas. O manto albeiro
da Virxe Branca fenderá a xerfa estrelecida.
É un pobo de señoríos e mosteiros, con
mestos pinales e leiras vizosas, agros de pan e viño, prados rachados pol-o
meandro dos regatos que moven as suas i-augas entre soutelos de salgueiros e
ameneiros, pomares e ortas; que ruben pr’a montana.
A vila fuxindo do mar saeu pol-a rua do
Progreso cara Castela. Madride dou realidade ós seus anceios. Fixo da ría un
regato e asomellouna, de cheo, ás vilas casteláns.
O vigairo andivo moito pol-o mar e pol-a
terra. Loitou cas augas e cos homes e gardou nas suas lembranzas mais balbordos
ferventios que agarimos de praceres.
OS DITOS DO VIGAIRO. Filgueira escolma pasaxes na vida do Vigairo adubados coas súas sentenzas.
Un señorito foi dar un borde na sua gamela.
A i-auga dos remos salseaballe a roupa e queixábase moi cricas. O Vigairo ía
decíndolle.
- Ai rapás este é o polvo do camiño.
- Ai rapás este é o polvo do camiño.
Nas festas do Corpus tiña ido, de pequeno,
baixo as andias de San Telmo tendo os puchos dos que o levaban. Pasado o tempo,
cando era xa un mozo circio e forte levou o San Miguel e daba xenio velo botar
a despedida. De home andado levou un varal do palio – ritmo de remos nas augas
– e de vello a insinia do Teucro.
A DOR. El viu derrubar todo canto construíron os antepasados e determinou non saír da Moureira para non ter que se laiar do alleo tendo perdido moito na casa.
A FILLA DO VIGAIRO. A Raíña foi alta e forte, e ninguén levou coma ela a garrideza con tanto señorío. Ao cabo morreu pobre e famenta logo de fuxir da casa atrás dun armador.
A GRAN FESTA. O Vigairo está cego e non ten que o leve á festa do Corpus. Sae da casa ás apalpadelas á procura das lembranzas na festa dos mareantes e imaxina estar na procesión cando cae no regato que pasa por diante da súa casa e afoga.
(1)
Fonte da imaxe de Xosé Filgueira: filgueiravalverde.blogspot.com.es
(2)
Os
nenos. Xosé Filgueira Valverde. Editorial Lar, 25 de setembro de
1925. Impreso en Pontevedra, na imprenta de Antúnez. Comentario publicado neste mesmo lugar en setembro de 2012.
(3)
Quintana
viva. Xosé Filgueira Valverde. Editorial Galaxia, 21 de Nadal de
1971. Vigo.
(4)
Casto
Sampedro e Folgar. (Redondela, 1848 – Pontevedra, 1937)
Musicólogo, antropólogo e historiador.
Ningún comentario:
Publicar un comentario