sábado, 3 de outubro de 2015

COMO NASCEU A CIDADE DE OURENSE



COMO NASCEU A CIDADE DE OURENSE / Florentino López Cuevillas
1934
Nós. Pubricacións Galegas e Imprenta, Rua do Vilar, 15. Santiago
10 p ; 26 Cm.

A separata exenta Como nasceu a cidade de Ourense escrita por Florentino López Cuevilas foi publicada por Nós en 1934.

O traballo forma parte do catálogo de publicacións do Seminario de Estudos Galegos e previamente foi editado no número dobre 124-125 do boletín Nós, correspondente á xeira abril-maio de 1934.

O autor sinala no estudo que os numerosos achados arqueolóxicos identifican preto de Ourense a vía romana que unía Bracara coa Astúrica.

Coincidían naquel lugar do val miñoto tres circunstancias favorabeis por nacimento dun casar e pro seu ulterior medro e desenrolo. Había alí o paso dunha estrada imperial de certa importancia, había un empalme de camiños e había por cabo o cruce dun río tan considerabele como é o Miño.

Nós nº 124-125
Sería lóxico pensar que a vila naceu ao carón da Ponte Vella, onde unha vía secundaria cruzaba o río. E se ben a ponte actual data na súa maior parte dos séculos XIV e XV, é posible que a memoria popular recorde outra construción precedente orixinal da época imperial, e por iso chámana a ponte romana. Non obstante, a existencia de perpiaños de feitura romana no primeiro piar e o arrinque duns arcos máis baixos, que seguro foron coutados para darlle á ponte a aparencia actual, semellan soster esta teoría. Sobre esta ponte primixenia habíase erguer a nova. 

Presta verosimilitude a este suposto, en primeiro lugar, a presencia da vía secundaria que dende as Aquis Querquenis marchaba ao parescer cara Lugo, e cuio paso dunha banda a outra do Miño queda testemuñado pol-o miliario de Gustei.

E non obstante, a cidade non naceu ao carón do Miño, e entre ela e o río durante moitos anos abriuse unha perspectiva de hortas e vides, e o motivo foi que “no fondo dunha corga que desce de Montalegre e a poucos metros xa da corrente da Barbaña, deitaba un manantial de auga quente. E abondou este manantial pra que un pequeno casar xurdira â sua beira”.

A vella relixión honraba as fontes, e máis tratándose de fontes volcánicas coma esta, establecendo nelas os seus cultos anteriores á chegada dos romanos a Galiza. Nelas moraban os deuses do pobo. E Boa proba de que o xenio autóctono das Burgas sobreviviu adaptándose aos novos tempos é a localización dunha ara aparecida preto do manancial en honor ás ninfas. Aínda na época do autor o folclore recollía rituais máxicos como lavarse nas Burgas durante as festas do Corpus e noutras celebracións relixiosas.

E xa entón o fondo daquela corga da Barbaña onde gurgullaba unha fonte termal e vivía un numen, era decerto un lugar de pelerinaxe (...) e os habitantes destes castros proisimos deberon seren os que con maior asiduidade viaxaron como romeiros en precura das Burgas.

Nos lugares onde converxen as romaxes edifícanse casas, e así debeu nacer o primeiro casal onde habería un parador e un alboio para as bestas, e logo chegaría unha pequena tenda e a choza dun artesán e máis adiante un mercado enteiro. Logo a conquista romana activaría o desenvolvemento deste embrión, como resulta congruente co cambio da Galaecia, que pasou dos castros á chaira e dunha sociedade guerreira e pastoril a outra agrícola e pacífica.

A formación deste nucreos urbáns ao pé dos manantiaes con virtudes curativas é un fenómeno que se presenta na terra galega cunha forza e cun caraiter tal de xeralidade que obriga a precurarlle unha raíz indíxena e a escruir todo infruxo decisivo do pobo conquistador.

A romanización, malia non crear estes núcleos, contribuíu a desenvolvelos facendo que os habitantes dos castros se trasladaran a eles, e entre todos os vici nados arredor dun manancial, o único que medrou sen interrupción até acadar a súa actual dimensión foi o de Ourense, axudado pola súa situación estratéxica.

Todos os achados da época romana e a escasa toponimia que sobreviviu localízanse nun radio de dous centos metros arredor das Burgas. E non obstante no existe evidencia de construcións suntuosas, polo que cabe pensar que o vilar desta época estaba constituído por humildes casas rurais.

Anos máis tarde Carriarico edificou sobre este casal romano unha igrexa dedicada a San Martiño, no lugar ocupado actualmente por Santa María a Nai, e ao carón daquela igrexa comezou a desenvolverse a cidade sueva pola vertente da Barbaña. Posteriormente construíuse a nova catedral, orixinando outro núcleo románico, e por último a edificación de Santo Domingo e as casas fidalgas marcan o desenvolvemento cara ao norte.

As Burgas souperon atraguer a sí, denantes de que se construiran a vía e a ponte, as primeiras manifestacións urbás, e por elo na criación da cidade interviron un faitor feminino, a fonte termal que determiñou o lugar do seu nascimento, e un faitor masculino costituido pol-a situación xeográfica, o camiño e a ponte, que fecundou a célula primixenia, quen por sí soia non chegaría acadar nunca arxila vital. E por iso mesmo poderíanse tidoar as presentes páxinas. “Ensaio biolóxico sobre o Ourense primitivo”.

(1)    Fonte da imaxe de Florentino López Cuevillas: lavozdegalicia