xoves, 3 de marzo de 2016

O PORCO DE PÉ



O PORCO DE PÉ / Vicente Risco
6 de xullo de 1928
Nós, Pubricacións Galegas e Imprenta. Real 36-1º. A Cruña
200 p ; 17,5 cm.

A novela O porco de pé foi escrita por Vicente Martínez-Risco e Agüero e publicada por Nós na Coruña en 1928.
No mes de outubro deste mesmo ano, Antón Villar loa a poliédrica figura de Vicente Risco no número 58 da revista Nós e láiase da indiferenza dos galegos, enfermos de provincianismo e incapaces de admirar os méritos dos seus artistas, pero sempre atentos ao xenio chegado de fóra.
No xuízo de Villar, realismo, idealismo e humorismo andan da man ao longo das páxinas da novela.

O Porco de Pé non é un libro máis, senón un bó libro galego, onde hai unha cousa céntrica: o humorismo racial deitado dondamente pol-a campía da sensibilidade moderna, com’a i-auga dos regatos pol-as leiras multiformes das nosas terras de minifundio. (2)

O suplemento gratuíto número dous da revista Nós, publicado en xaneiro de 1929, escolma algúns parágrafos da obra e inclúe unha breve recensión publicitaria da novela, xunto cunhas liñas do editor:
A continuación pubricamos uns anacos da derradeira novela de Risco, para que os nosos lêtores, que a non conozan, se decaten do seu grande mérito, que xustifica o eisito de venda que acadou ista obra que debe lêr todo bó galego.

O porco de pé é unha sátira protagonizada por don Celidonio, antítese do doutor Alveiros, personaxe recuperado por Risco logo da súa aparición en 1919 na novela curta Do caso que ll’aconteceu ô Dr. Alveiros. (3)
Don Celidonio é a caricatura do comerciante castelán que medrou mesturando a astucia coa inmoralidade, para gobernar o lugar onde chegou sen un can na faldriqueira. Todo nel é graxa e manteiga, por dentro e por fóra.
Don Celidoneo é gordo e artríteco. O carrolo saille pra fora; na calva ten unha que outra serda; ten as fazulas hipertrofiadas, da cór do magro do xamón, e tan lustrosas, que semella que botan unto derretido; as nádegas e o bandullo vánselle un pouco pra baixo.
Risco traza unha radiografía do caciquismo a comezos do século XX e do ascenso na orde social das chamadas Forzas Vivas, que operan decote xuntas como divindades corporativas, guiadas por intereses, que non principios. Segundo as circunstancias, o cacique abeira tanto cos liberais como cos agrarios, procurando o seu único beneficio.
A narración, aceda e certeira, expón as causas da corrupción e o caciquismo empregando o humor como nun baile choqueiro, onde as máscaras reproducen deseguido os predicibles movementos que caracterizan as personaxes.
Sinopse da obra
Na post-guerra, Don Celidonio ascendeu de porco á marrán e chegou á Alcalde. A parenta inflou com’o o fol da gaita.
Don Celidonio veu de Castela para servir de mancebo no negocio do futuro sogro, Baldomero García, tamén castelán, quen fixo fortuna vendendo queixo polas portas e que a forza de aforrar e non gastar un peso, fíxose en propiedade coa tenda, que logo trasladou á Praza Maior, e trouxo da súa terra a dona Emerenciana e a filla, Nicasia.

Cando os comerciantes de vello da vila morreron ou crebaron, Baldomero comprou por catro cadelas as tendas e os clientes.

Celidonio chegou ao establecemento pouco antes da morte de dona Emerenciana, dun ataque de mal xenio. Aquel espírito lardeiro medrou ao abeiro do sogro, casando coa Nicasia e entrou a formar parte do negocio familiar antes da morte de Baldomero, quen morreu como viviu: aforrando.

O xastre fíxolle entón varios traxes e “de que meteu os miolos na chistera, don Celidonio fíxose outro. Cando come, aínda fai clape, clape, com’os porcos na maseira, mais xa non come cos dedos, nin lambe o prato nos convites”. E aquela chistera abriulle as portas da representación pública, comezando a carreira en calidade de “Forza Viva”.

Comisionado polas outras Forzas Vivas do pobo, viaxou a Madrid e alí visitou o Ministerio e coñeceu o Conde, quen faría del concelleiro. Tamén enfermou, poñéndose nas mans do doutor Alveiros, quen descubriu a afinidade física e psicolóxica entre o comerciante e o porco, animal totémico que galgaba no seu interior, e salvouno co único remedio de afastalo do mundo moderno para que o porco ocupase de novo o seu lugar.

Cando D. Celidonio chegou a Alcalde, quixo facer ô Dr. Alveiros médico do Auntamento.

Na cidade rural había tempo que desapareceran os señores e o seu posto ocupábano os políticos e os tendeiros, remudando a liñaxe pola Razón Social. Alveiros era un espírito cínico e lúcido, que desprezaba tanto o pragmatismo dos poderosos como o idealismo dos mozos.

Os ventres fartos vencidos pol-os ventres famentos, e sempr’os ventres.

Un día o demo visitou a casa do doutor Alveiros para tentalo e propúxolle casar coa filla do alcalde. Mais o demo tamén soprou na casa do Conde e este pediu a Celidonia para seu fillo, porque o distrito de Solveira resultaba chave para obter os deputados provinciais e quixo poñelo baixo a influencia do herdeiro. Alveiros xurou vinganza e presentouse como candidato dos agrarios polo distrito.

Con todo, as eleccións non chegaron a producirse, porque entón proclamouse a revolución e todos os distritos declaráronse agrarios.

Don Celidonio aforrou así os gastos da campaña do fillo do Conde e as autoridades, en lugar de perseguilo, convidárono a participar na nova Xuntanza Cidadá. Don Celidonio aceptou de novo o cargo de alcalde, porque os seus cartos mereceron a unánime aprobación dos antigos rebeldes, pero antes manifestou por carta a súa adhesión ao conde por se volvían os liberais.

Non contentos con telo restituído no posto, as novas autoridades proclamárono cidadán exemplar.

Iniciouse unha suscrición pra lle regalar o uniforme de Xefe Superior d’Administración, as insiñas da Cruz d’Alfonso XII e un bastón de mando, e constituíuse unha Comisión pra lle faguer unha homaxe popular.

A homenaxe virou nunha apoteose alegórica, onde participou toda a sociedade da vila e aquela cidade que antes existía por existir, agora atopou por fin un sentido, pois alí foi onde viviu, enriqueceuse e fixo a súa carreira política don Celidonio.

O único veciño que non asistiu á homenaxe foi o doutor Alveiros, refuxiado baixo chave na casa. Pero aquela noite aparecéuselle de novo o demo e recomendoulle ir manifestar a súa amizade á casa do alcalde. Con iso non perdía nada e aínda máis, gañaba un valedor.

E alá foi, vestido coa súa mellor roupa, para afundirse nunha aperta agarimosa con don Celidonio. Logo chegou de novo o balbordo, as carreiras, o estrondo dos coches de bombeiros:

Alguén entrou no salón de D. Celidonio e dixo:
- A Bibrioteca Municipal está ardendo.
A música emprincipiou outra tocata.

(1)    Fonte da imaxe de Vicente Risco: bvg.udc.es
(2)    O porco de pé. Antón Villar Ponte. Os homes, os feitos, as verbas. Revista Nós, nº 58. 15 de outono de 1928.
(3)    Do caso que ll’aconteceu ô Dr. Alveiros. Vicente Risco. ¡Terra a Nosa! Suplemento de El Noroeste, nº 7. A Coruña. 10 de abril de 1919. A primeira edición d’O porco de pé informa que entre as obras en preparación de Vicente Risco está a novela: Aventuras do Dr. Alveiros en Brasil. Este texto nunca chegou a editarse, por máis que Risco aludise a el n’O porco de pé, situando estas aventuras entre os textos de 1919 e 1928, onde atopamos un Alveiros avellentado e empobrecido.
 

15 comentarios:

  1. Es un asco de libro, no lo recomiendo para nada. me lo ha mandado mi profesor de gallego y es un coñazo de libro. no se entiende nada.

    ResponderEliminar
    Respostas
    1. Rapaciño/a.
      Parece coma que non prestas moita atención na aula ,este é un libro oracular donde o contado por Vicente Risco é primordial para conocer a nosa historia,o comportamento da xente nesa época en tono irónico.
      A publicación desta foi acollida con moi boa crítica por moitos ilustres do momento.
      Bueno..xa podes ir a facer un tictoc e moita sortiña na vida, empeza comprando un traxe ,como don Celidonio. Deica.

      Eliminar
    2. Sinceramente este rapaz ten toda a razón. Os libros como istos o único que fan a xente nova é producir unha repulsión hacia os libros en galego. O profesorado debería escoller libros máis entretídos e adaptados para esta xeración por si algún día decinden ler un libro e que non descarten libros en galego por ter como referencia libros coma este

      Eliminar
    3. O que penso eu e que este é un libro para xente que xa ten un coñecemento previo de política anterior e de autores e os profesores mandanoslo leer a rapaces de 15 anos. Eu entendín bastante ben, pero fíxome falta a axuda de resumos e búsquedas en internet.
      O resumo esta xenial :D.
      Saudos.

      Eliminar
  2. Vaya puta mierda de resumen

    ResponderEliminar
    Respostas
    1. Non entendo como non se filtran opinións nas que se cae nunha linguaxe ofensiva deste tipo, que evidentemente invalida o comentario desta persoa. É posible ofrecer valoracións amparadas na liberdade, pero non na brutalidade, na violencia e na agresividade.
      Se non gustan nin a obra, nin o traballo aquí realizado, abandónase a páxina e dedícase un ou unha a actividades que lle causen máis pracer, pero non agrede aos demais.

      Eliminar
  3. Gustoume moito o resumo, grazas.

    ResponderEliminar
  4. Moi bo o comentario e marabilloso o libro! Que mágoa non o ter lido antes!

    ResponderEliminar
  5. Moi no resumo! Eu creo que a obra se a les as presas é algo complicada, para poder entendela ben ademáis de coñecemento previo, tamén tes que tomar tempo para etendela ben

    ResponderEliminar
  6. Tengo el examen mañana jeje... No entendí nada del libro, tu resumen me ha salvado

    ResponderEliminar