LADAIÑA / De las Casas, Álvaro María
Xunio de 1927
Lar, revista mensual. Ano IV; número 34. Editorial Lar. Real, 36 – 1º. A Cruña
23 p ; 16 cm.
A novela curta Ladaíña, escrita por Álvaro das Casas, apareceu publicada co número trinta e catro na revista mensual Lar en xuño de 1927.
Esta é a segunda obra de Álvaro das Casas editada na colección logo de publicar en 1926 a peza teatral O xardín do castelo de Vidre (2).
Ladaíña está dedicada polo autor a Florentino López Cuevillas, Vicente Risco e Ramón Otero Pedrayo.
A obra narra a estancia do autor no pazo de Santo Albán para escoitar como veciños e criados contan as historias do marqués, membro da caste de fidalgos rurais do século XIX, trebón guerreiro durante a mocidade, recoñecido bebedor de viño e augardente, e home enxeñoso para saír das situacións apuradas.
A novela enxalza a figura dos señores da terra evocados na memoria de quen os coñeceu, símbolo dun tempo pasado e da sociedade rural desaparecida para dar paso aos novos propietarios procedentes da burguesía comercial, substitutos das antigas dinastías rurais.
Sinopse da obra
Aldeia, branca com’unha pomba entr’os liños
brilantes, alóngase pol-o val de Roteiro adiante, mesmo á beira do río Sodomil.
Xan Belouriño faloume un día do conto.
Díxome que ainda tiña alá algús moves do tempo do marqués, libros, papés
antigos, unha boa capela c-o as roupas de damasco, e, sobre todo, unha criada
que xa rillaba nos oitenta e sete anos e que sabía mais contos que caben n-un
libro.
Conta a criada que o marqués formou parte dunha loxa masónica en Madrid conxurada para acabar con Prim, e temendo verse involucrado no crime decidiu fuxir e refuxiarse no pazo, de onde saíu pouco despois para participar na guerra carlista, tomando partido polo pretendente don Carlos, quen durmiu unha noite na casa.
A noitiña por fin chegou con catro mais: un
d’eles alto, de barba branca, mesmamente igual a iste que vostede ve eiquí no
retrato. ¡Era o Rei!
-
Com’o Sr. Marqués non houbo houtro.
Xanciño, o pastor d’ollos de lume, espertou
e rascando nas pernas dixo:
-
Ben se ve.
I-ollou pr’o retrato grande; un retrato do
salón en que o marqués ficou pr’a eternidade coa sua gorra bermella, seu
uniforme de galós d’ouro, suas cruces, seu bastón de mando i-us papés na mau.
-
Tal foi a sua morte – añadiu o crego.
E contouse o conto.
Cando o derradeiro marqués sentiuse pra
morrer, ergueuse do leito; vestiu a capa branca dos freires de Calatrava,
mandou chamar o crego pra que lle trouxeran o Santo Viático, pasou â capela
i-alá recibiuno axoenllado c’unha maxestade que a todos feriu. Logo, despois d’estar
rezando moito tempo, levantouse, bicou a táboa do altarciño e contra el quedou
morto sin decir nin ¡ai!
Catro días estivo sin lle dar terra. E nin
fedía, nin se puxo teso, nin tan siquera pechou a boca: parecía dormidiño. E tan
branco, tan limpo, tan ben posto, tan arranxadiño... era un santo dos ceus.
(1) Fonte da imaxe de Álvaro
das Casas: bvg.udc.es
(2) O xardín
do castelo de Vidre. Álvaro María de
las Casas. Lar, revista mensual. Nº 28. Nadal de 1926. A Cruña. (Comentado neste mesmo lugar en xaneiro de
2013).
Ningún comentario:
Publicar un comentario