mércores, 1 de setembro de 2021

AS FESTAS DE SAN PÍO V EN SANTIAGO NO ANO 1713

 

AS FESTAS DE SAN PÍO V EN SANTIAGO NO ANO 1713 / Filgueira Valverde, Xosé
1931
NÓS Pubricazóns Galegas e Imprenta – Linares Rivas, 50. A Cruña.

40 pp ; 24 cm.

O traballo sobre As festas de San Pío V en Santiago no ano 1713 foi escrito por Xosé Filgueira Valverde para a sección de Historia do Seminario de Estudos Galegos e impreso por Nós na Coruña en 1931.

A separata editada como documento exento tamén aparece recollida no volume III dos Arquivos do Seminario de Estudos Galegos.

A intención de Filgueira coa reconstrución da festa compostelá do século XVIII é completar a visión do barroco fornecida a través da literatura e a arquitectura, afondando no estilo de vida da época.

A arte non pode endexamáis ollarse derramada dos seus fins inmediatos, nin alonxada das moitedumes que animaron, e mais no barroco, o seu xogo.

A concepción estética e funcional dos usos da vila provocou a destrución de boa parte da Compostela románica e medieval. En diante os espazos ordenáronse para a festa e así desapareceron as ameas deixando lugar aos balcóns onde ollar as rúas e as contornas do Obradoiro, as Praterías e a Acibechería transformáronse en rueiros.

Celébranse as solemnidades litúrxicas e en particular as festas do Apóstolo. Pero tamén acontecementos imprevistos como a entrada dun arcebispo, un rei, os comezos ou remates dunha obra ou, como relata Filgueira, a canonización de San Pío V a partir do relato do dominico Xoán Pacheco e Troncoso, cronista Xeral do Reino de Galiza durante un breve espazo de tempo, quen escribiu a crónica das festas por encargo da comunidade dominica de Compostela.

Prescindindo desta vitalidade popular non é doado percibir a beleza arquitectónica do barroco compostelán na súa integridade.

Foi funcionista n’estas festas celebradas na canonización de San Pío V, Monroy, o prototipo do Arcebispo barroco, como Gelmírez o fora do románico e Raxoy o sería do neocrásico.

Cando en 1711 Clemente XI canonizou o seu predecesor, Pío V (Antonio Michele Ghislieri, papa 225º da Igrexa católica entre 1566 e 1572), Compostela organizou a celebración relixiosa do evento. Pero no satisfeito con iso, o arcebispo Monroy decidiu promover unhas festas soadas onde xogarse o prestixio da vila.

Despois dalgúns atrasos decretáronse nove días de festas, comezando o 23 de setembro de 1713 coa asistencia de frades, cregos e cabaleiros de todas as partes da Galiza.

Cada día había estar organizado e financiado por un patrón, entre os que estaban as comunidades relixiosas con sede en Compostela, o concello, os gremios, a Universidade e o Arcebispado.

Os actos comezaron cunha procesión baixo arcos de triunfo florais acompañados polas danzas dos gremios e cos xigantóns, claríns e estandartes para visitar os altares e retablos construídos polas congregacións relixiosas de Compostela. Mesmo dispuxeron unha representación da batalla de Lepanto co son dos claríns, caixas e disparos de pistola para imitar os ruídos do combate.

A procesión rematou cunha misa en Bonaval e un folión na Quintana. Pola noite botaron fogos artificiais e tanto na catedral como nos conventos de San Paio e San Martín acenderon fachas nos balcóns para acompañar a festa.

O segundo día comezou coa misa na catedral, música na igrexa de Bonaval e xa pola noite de novo folión organizado polo concello no Obradoiro, rematado por unha mascarada que percorreu a cidade durante toda a noite.

No terceiro día a organización correu por conta dos gremios, representando loitas de mouros e cristiáns e danzas gremiais entre o estrondo de salvas e foguetes.

Pola noite houbo festa con folión na Acibechería por conta do mosteiro de San Martiño e tamén fogos, co remate dun castelo con lume e pirotecnia que durou máis dunha hora.

O novo día comezou co novenario e os desfiles dos monxes de San Martiño e pola noite a responsabilidade da festa pasou ao convento de San Francisco, con fogos e festa como cada noite. Nos seguintes días os anfitrións serían os monxes de Santo Agostiño e a Compañía de Xesús.

Á tarde, rematado o convite acostumbrado, fíxose unha curiosa función, na eirexa. Os colexiales da Compañía entraron cas suas danzas bailando diversas representacións con letras dos padres que d’aquela tiñan pol-o visto o monopolio da versificación en Santiago.

A organización da octava xornada correu por conta da Universidade e houbo folión, repiques na rúa, desfiles, foguetes e un castelo pirotécnico.

O último día encargouse da festa o arcebispo Monroy, con varios actos relixiosos e unha xusta entre os cabaleiros no Obradoiro.

Así remataron as festas de San Pío Quinto, as máis famosas que fixo nunca a Compostela barroca e festeira do “outono farto e dourado”.

(1)   Imaxe de Xosé Filgueira Valverde: filgueiravalverde.blogspot.com.es

 


Ningún comentario:

Publicar un comentario