Salvador Cabeza de León
Marzo de 1927
Imprenta Lar, Franxa 34. A Cruña
21 pp ; 24 cm.
Un dos últimos traballos da editorial Lar, logo da separación da sociedade formada por Leandro Carré e Ánxel Casal, foi este pequeno folleto editado na Coruña na nova localización da imprenta, no número 34 da rúa da Franxa, abandonando o local que servía como domicilio de Casal e sede da editorial Nós, no número 36 da rúa Real.
Nesta época, Salvador Cabeza de León ocupaba a presidencia do Seminario de Estudos Galegos e exercía como decano e catedrático na facultade de dereito de Santiago de Compostela, e o estudo representa unha das contribucións anuais dos membros do Seminario.
Na foto dos membros do SEG en 1928, Cabeza de León senta no centro do grupo, entre Xesús Carro e Joaquín Arias Sanjurjo.
A separata publicada como documento exento tamén apareceu no primeiro volume dos Arquivos do SEG e malia non editar todos os traballos de xeito independente, resulta probable que os autores financiaran do seu peto a impresión, cunha tiraxe reducida e que roldaría os cincuenta céntimos por exemplar.
A diferenza doutras separatas procedentes do mesmo volume, dunha imaxe máis austera, o folleto enmarca a portada cun debuxo xeométrico e que non se repetiría noutros traballos.
O texto divídese en dezaseis partes, seguidas da relación cos nomes dos catedráticos de dereito romano entre os anos 1648 e 1754, e forma parte dos documentos recompilados polo autor e ordenados e completados por Enrique Fernández-Villamil, posteriormente publicados en 1946 polo Instituto Pai Sarmiento de estudos galegos, anos despois de morte de Cabeza de León e baixo o título: Historia de la universidad de Santiago de Compostela.
No ano 1613 o rector da universidade propuxo ampliar o ensino cunha catedra de Instituta (dereito civil instituído por Xustiniano) e non sería deica 1648 cando o claustro obtivo a licencia.
Este mesmo ano instituíronse outras dúas cátedras de leis para completar o ensino do dereito romano. Na Prima impartiuse o Dixesto (recompilación da xurisprudencia romana) e nas Vésperas o Inforciado (segunda parte do Dixesto).
Os nomes das cátedras corresponden ao libro ou partes do libro estudado nelas. De feito a obriga do catedrático, segundo consta nas condicións de acceso ao posto, é ler o libro diante dos alumnos durante unha hora cada día.
O texto de Cabeza de León percorre a sucesión de titulares da cátedra e as anécdotas dos nomeamentos e baixas, entre conflitos e acusacións cruzadas dos candidatos, reclamacións ao claustro e mesmo rebelións dos estudantes.
A cadeira de Instituta era o primeiro paso para acceder ás de Prima e Vésperas, e moitos titulares deixaban ao pouco este posto para optar ao ensino dos cánones.
O fenómeno ten unha moi sinxela espricación. Era, a de Istituta, a cadeira máis mezquiñamente dotada de cantas figuraban nas Facultás de Leises e Cánones. Tiña, como sabemos, sasenta ducados ô ano; corenta menos que a de Visporas de Leises: soilo se lle asomellaban na probeza do salario, as de Meiciña, âs que se daban sasenta ducados â de Prima e cincoenta â de Vísporas.
En 1751 instituíronse novas cátedras de Código e outra nova Instituta “porque n-unha soila non se podían espricar distintos tratados como era necesario”.
A última reforma do plan de estudos desta época sucede en 1772, dotando novas Instituta para formar un curso completo de dereito civil e ampliando os estudos ás leis de Toro e o dereito público.
Neste tempo, os catro primeiros cursos outorgaban aos estudantes o Grado de Bacharel e para obter os grados maiores e optar ás oposicións a cátedras eran precisos catro anos máis, aprendendo dereito canónico, público e real.
Como se ve, o estudo das obras que tan outa sona deron ô Emperador Xustiniano, inda ocupaba a metá do tempo adicado â Facultá de Leises. Afirir de que xeito foi aminguando sua importancia o Dereito román nas aulas e perdendo o avasalador infruxo n-elas exercido durante séculos, non entra nos lindeiros d’este traballo.