martes, 4 de marzo de 2025

HOMAXE AO ARCEBISPO MANOEL LAGO GONZÁLEZ



HOMAXE AO ARCEBISPO MANOEL LAGO GONZÁLEZ

febreiro de 1934

Imprenta Nós – Rúa do Vilar, 15. Santiago

13 p ; 15 Cm.


Manuel Lago González
naceu en Randufe, parroquia do concello de Tui, no ano 1865 e logo de pasar como bispo polas dioceses de Burgo de Osma e Tui, foi entronizado como arcebispo de Compostela en 1924.

Tamén participou na fundación da Academia Galega en 1906 e desde o ano 1881 publicou máis de sesenta poemas espallados por revistas e xornais. Os galeguistas tiñan nel un referente porque Lago era unha das poucas persoas sensibles cara a lingua e a cultura galega e que ao tempo formaba parte do sistema de poder da elite gobernante. O arcebispo proviña do carlismo na súa xuventude e logo converxeu ideoloxicamente co movemento rexionalista de Alfredo Brañas.

Este respecto do galeguismo cultural polo arcebispo maniféstase no número 17 da revista Nós, en marzo de 1923, con motivo do nomeamento de Lago.


Dempois de mais d-un século en que ningún galego rexiu a groriosa Eirexa Compostelán, co-a mais grande ledicia vemos hoxe nomeado pr-o mais outo posto relixioso de Galiza ô siñor Manoel Gonzales Lago, Bispo de Tuy, galego de nacimento e de curazón, grande teólogo e filólogo, sentido poeta galego, e da Nosa Terra.
Cremos con toda fé que este feito siñificativo marca un novo tempo y-un froitoso camiño pr-â vida relixiosa y-espirtoal de Galiza. NOS leva ô Dr. Gonzales Lago a mais forte noraboa chea de quentura e de fondas esperanzas.

Tamén Ramón Cabanillas, nunha carta enviada a Enrique Peinador en xullo de 1920, nos días en que preparaba o discurso de aceptación na Academia Galega sobre A saudade nos poetas galegos, solicitou ao entón bispo de Tui que fixera a contestación, malia ter sido ao cabo Eladio Rodríguez González quen deu a resposta. Cabanillas remata a carta dicindo:

Como es una persona a quien respeto hondamente, espero su regreso para hablarle y rogarle que lo haga: si no lo obtengo, dignamente no puedo solicitar ese honor de ningún otro académico.

Entre as publicacións dedicadas a homenaxear ao arcebispo, dúas delas escritas por Xosé Filgueira Valverde, atopamos tamén o pequeno folleto impreso por Nós escolmando catro poemas escritos por Lago González e que, segundo consta no colofón, foi impreso “Por un grupo de galegos en lembranza do venerabel Lago González no intre do traslado das súas cinzas. Compostela, febreiro de 1934”. (2)

Lago González faleceu un ano despois de acceder ao cargo de arcebispo e pouco antes foi nomeado presidente de honra do Seminario de Estudos Galegos, o 4 de maio de 1924. No discurso de aceptación destacou a necesidade de establecer un canon científico sobre a lingua galega.

O volume de homenaxe editado por Nós ábrese cunha breve introdución poética que sitúa Lago como continuador de Xelmírez e os Fonseca, falando da saudade que enche Galiza coa súa morte.

Os poemas son sentimentais e costumistas, continuadores da corrente popular dos precursores.

O primeiro texto escolmado é Alborada, publicado en A Nosa Terra en 1919. Este é un poema alegre que celebra a mañá solleira de primavera na aldea. O folleto omite as tres últimas estrofas do orixinal.

Neste enlace pode consultarse o poema completo.

ALBORADA

O segundo poema titúlase San Campio e celebra a romaría popular de Tomiño. José Torres Creo musicou a letra en 1929, dividida en tres partes: Alborada, Os Peregrinos e A Muiñeira. A obra foi recuperada por The Chieftains en 2010 e tamén hai unha versión en colaboración con Carlos Núñez.

SAN CAMPIO

A continuación segue O derradeiro celta, publicado na revista Galicia Diplomática e asinado en Tui en 1883. A reprodución do folleto respecta o texto orixinal e muda a ortografía para axeitala á época

O DERRADEIRO CELTA

O poema inscríbese na corrente do saudosismo mítico impulsada por Murguía e evoca a saudade dun celta derrotado entre as ruínas do castro, laiándose por ver como o mundo esvae diante dos ollos até desaparecer por completo agora que morreu a familia, non fican guerreiros nin druídas e ninguén ha levarlles as ofrendas aos vellos deuses.

O folleto remata co poema O neno Xesús, tamén musicado por José Torres Creo en 1932.

O NENO XESÚS

O poema é unha cantiga de berce a medio camiño das panxoliñas, onde o poeta vela o sono do neno rei.

(1) Foto de Lago Gonzalez. Academia Galega, en honra do Día das Letras de 1973

(2) Actualmente os restos de Lago González están soterrados na capela da Comuñón, da Catedral de Compostela.

 








Ningún comentario:

Publicar un comentario