venres, 4 de xaneiro de 2013

A FILLA DA PATRONA


A FILLA DA PATRONA / González, Xuan Xesús
Setembro de 1926
Lar, revista mensual. Ano 3; número 25. Imprenta Lar, Real 36 – 1º A Cruña
21 p ; 16 cm.


A filla da patrona, novela escrita por Xoán Xesús González Fernández e segunda obra do autor publicada na editorial Lar (1), saíu do prelo en setembro de 1926, facendo o número vinte e cinco da colección de novela breve.

Xoán Xesús González foi un versátil avogado, xornalista e escritor, colaborador frecuente en xornais e revistas, e comprometido políticamente cos valores agraristas e republicanos, que espallou nos seus escritos. As novelas, en cambio, non participan deste obxectivo e seguen a tradición folletinesca dominante na literatura popular da época.

A filla da patrona é un folletín onde atopamos moitos dos elementos habituais no xénero: a nai abnegada que despois de morrer deixa a filla desvalida; a orfa rescatada polo cabaleiro; a rexouba dos veciños empecendo a relación dos namorados e, por último, o trunfo final da orfa para escarmento do melindroso cabaleiro.

Como xa indiquei en anteriores recensións sobre obras semellantes, a orixinalidade do texto radica exclusivamente no idioma empregado, e iso constitúe unha novidade importante para un público non afeito a ler en galego, como poñen de manifesto os editores na nota que acompaña a novela.

Amais dos problemas financeiros e as dificultades para atopar obras orixinais, a escasa difusión das novelas compromete a viabilidade da editorial Lar. A lectura da nota pon de manifesto o labor heroico emprendido por Casal e Carré, en loita contra a indiferenza dos lectores e o desleixo dos libreiros, movidos polo interese comercial e que, ao contrario ca eles, non interpretan a distribución dos libros como un labor patriótico.

Rogamos a vostede nos axude

Coa presente son 25 as novelas que levamos pubricado. Ninguén ata o de agora fixo un esforzo tan grande para arrequentar a prosa galega; un esforzo que vai dando o seu froito, pois non sômente algúns vellos escritores escribiron novas obras, senon que un númaro non pequeno de literatos mozos acodíu ao campo das letras cunha importante engadega de páxinas ben trazadas.

O noso esforzo, en troques, anúlase ante a indiferencia dos libreiros, salvo honrosas esceicións, que non atenden as nosas pubricazons nin as espoñen nas suas vidreiras, impedindo así que os lêtores poidan saber cando aparez un novo número das novelas LAR. Esto réstanos difusión; a difusión que por comenencia de todos convén que teñan as novelas galegas.

Por esto rogamos aos nosos lêtores, aos nosos amigos, que propaguen as pubricacions LAR antre as suas amistades e parentes, cô que farán unha obra de cultura e patriotismo contribuíndo ao espallamento e progreso da literatura galega.

As novelas de LAR póñense â venda o derradeiro sábado de cada mes.

Claro que para comprendermos mellor as dificultades que empeceron o traballo dos editores, debemos ter en conta tamén que desde setembro de 1923 goberna en España o ditador golpista Primo de Rivera, encabezando un goberno pouco compracente coas manifestacións culturais da periferia. Unha proba desta presión foi a orde de peche da editorial Céltiga en Ferrol ao pouco de chegar o ditador ao poder.

Un dos centros de conspiración contra a Ditadura na Coruña foi o domicilio de Casal, na rúa Real, 36, 1º, que funcionaba como sede da Irmandade coruñesa e das súas empresas editoriais, primeiro Lar, e a partir de 1927, Nós. A imprenta-editorial de Casal, que sufriu continuos rexistros (…), funcionou como un dos centros de distribución de panfletos e de reunión da oposición contra a Ditadura. (2)

Sinopse da obra

A señora Andrea, patroa da pensión da rúa Travesa, boura na súa filla Mercedes “pra que saira do leito no que se estomballaba âs oito da noite e do que non saía deica o día seguinte âs dés e meia da mañán despois do correspondente sermón da sua nai”.

¡Pelexa, lacoeirona, pulpón, cara labada, cara negra, sin vergoña! ¡Tés ben pouco senso lercha dos demos!

Mercedes ten pouca disposición para o traballo, e só despois de moita relea consente en obedecer a nai.

Na casa da señora Andrea da Rúa Travesa estaban de pousada cuase que xentes de todas as crases sociaes: obreiros, estudiantes, feirantes, guardias, renteiros de pouco pelo, mulleres que se curaban no hespital de distintas enfermedás, de todo había como en botica.

O certo era que a señora Andrea queríalle ben á filla, e traballaba sen parar. “Unha verdadeira máquina era aquela muller, sin descanso nin acougo. E decote contenta, satisfeita, boa, santa, cuase feliz”.

Certo día, os residentes dan en rexoubar coa moza ofrecéndose todos a casar con ela. A señora Andrea retrúcalles que a filla non necesita casar con ningún deles. Miguel de Barbantes ofrécese, moi serio:

Pois eu, señores, tan logo como fine a miña carreira de médico lévote de ama de chaves pra o partido onde vaia parar. Si non topo mellor comenencia cásome ademais contigo… A ver ¿quén ofrece mellor postura?

Vaia un favor que lle fas – dixo a sua nai ao mismo tempo que deixaba dibuxar na faciana unha íntima satisfaición.

Catro anos máis tarde, Miguel consegue praza de médico en Vilouchada. Alí sabe da morte da antiga pousadeira e tamén que a filla traballa onda a señora Farruca, na casa da Cachopa. Miguel pídelle a Mercedes que deixe a casa de comidas e axusta con ela un traballo na súa propia casa.

Vivo soilo. Non teño quen me faga de comer siquera no pobo onde estou. Xa me cansei de pagar pousada. Ti farasme de comer, arrombarasme a casa, poderei vivir así mais tranquilo e sosegado…

Voume contigo, pero coida de que non che pese logo…

Pero a convivencia resulta difícil e as rexoubas sobre a parella corren pola parroquia, facendo que Miguel bote a Mercedes da casa.

Unha mañán de abril cando o sol arrayaba sobor da paisaxe, saiu Mercedes da miña casa chorando, afogándose en saloucos e non voltou xa mais, xamais.

Pasan os anos, e un día en que Miguel pasea polas rúas da cidade de Montañela, sente “que unha voz branda e morna chamabame pol-a espalda. Volteime e ollei a unha dama señorilmente dreizada”.

Trátase de Mercedes, quen agora vive nunha das rúas principais da vila, rodeada de comodidades.

A milla vella amiga Mercedes, aquela muller, que, non cabe dúbida, estivera namorada de min, e eu de ela, estaba amancebada con un vello millonario que lle daba o que ela quería, que a dreizaba co-as millores xoias, e as millores regalías. Un vello que ao collela de sirventa namorárase de ela e a transformara en unha princesa.

(1)  Outra obra do autor publicada nesta mesma colección foi Ana María. Lar, revista mensual. Ano 2, setembro de 1925; número 13.
(2)  Ánxel Casal. Un percorrido biográfico. Alfonso Mato. A Galiza de Ánxel Casal. Murguía, revista galega de historia. Nº 7/8, maio-decembro de 2005. p. 73.


Ningún comentario:

Publicar un comentario