sábado, 25 de outubro de 2014

PANCHO DE RÁBADE



PANCHO DE RÁBADE / Álvaro de las Casas
16 de febreiro de 1931
Nós, Pubricacións Galegas e Imprenta. Avenida de Linares Rivas, 50. A Cruña
39 p ; 17,5 cm.

A peza teatral Pancho de Rábade. Vía Crucis en VI estaciós do dramaturgo Álvaro das Casas Blanco foi editada por Nós na avenida Linares Rivas da Coruña en febreiro de 1931.
Esta é a segunda edición do libro impreso un ano antes pola editorial Alauda en Ourense cunha tiraxe de cen exemplares.
Tamén o número 79 da revista Nós de xullo de 1930 anticipou o quinto cadro da obra e Vicente Risco escribiu ese mesmo ano un breve comentario sobre a peza aludindo á lectura pública que Álvaro das Casas fixo en Ourense diante dun grupo de amigos.
Unha prosa qu’é verso por dentro como apenas se ten escrito na Galiza. Voz de moitas augas de xeneraciós, voz do pobo, sagrada por boca do home neno baixo a tona do vivir traballoso. ¡Pancho de Rábade, quixera recoller aquela canción que á todol’os qu’escoitamos a primeira leutura, n’un anoitecer ourensán, nos produxo! Sería o úneco eloxio. Algo chegado â entrana que non se pode poñer en verbas de críteca. (2)
Revista Nós nº 79

A brevidade do texto dramático e as diferentes localizacións onde o autor sitúa os cadros fan desta peza un teatro concibido para ler máis que para ser representado.
Nela Álvaro das Casas fálanos de Pancho de Rábade, o afiador que percorreu toda a península e boa parte do norte de África empurrando “na súa roda feirante que, pau a pau, vai medindo a longura do vieiro”, canso de andar e enfermo de saudade, e agora volve ao lugar onde naceu transformado nun home sabio para criticar o desleixo dos galegos por desprezar as tradicións e o idioma, considerados cousas vellas, inútiles, substituídos pola modernidade chegada de fóra.

 Sinopse da obra
I. Pancho de Rábade fai soar o subiote polas rúas da vila. Hai anos que non visita este lugar onde agora falan castelán como nas terras que deixa atrás. Pancho confésalle a Antón Pitorrín canto devece por ver o casal onde naceu.
Pancho: veño canso, desfeito, mortiño; estou pra pouco. Quero ver si ainda chego con vida a Malgrebe. Quero chegar con vida pra ollar por derradeira vez os meus castiñeiros, e ouvir os meus sinos, e durmir, xiquera unha vez, na casa do pai; e botar unha auguiña benta na campa da miña nai.
II. No lugar de Cuíños amola as tesoiras dunha Vella metida en preitos. Pancho anóxase vendo os veciños afundidos nas ruindades de sempre.
Pancho: Fai moitos anos que partín e agora, ao voltar, soñaba con vervos a todos xuntos como irmans, queréndovos todos como xentes dunha soa caste. Hai tantas cousas na vida contra o que loitar, que mágoa o reparar en como se perde o tempo nesta fera loita entre nós, entre nós que ao cabo todos somos uns.
III. De camiño tamén amola os coitelos de Jumersinda López, unha moza que fala castrapo e viste roupa moderna porque considera as cousas vellas unha pándega.
Pancho: Eisí están os tempos. Denantes todos vestían ao noso xeito, e nosa terra érache outra cousa; agora que dades nestas tolerías, esto semella un antroido.
IV. Ao neno Delmiro pregúntalle pola escola e o rapaz fálalle do moito que aprende sobre lugares afastados. Non obstante Delmiro ignora todo sobre a Galiza porque a mestra, que non fala galego porque é moi sabida, non perde o tempo con esas cousas.
Pancho: Probes rapaces! Si eu tivese un fillo pasaría o día e a noite a falarlle só das cousas da Terra, desta Terra qu’eu corrín en cruz d’arriba pr’abaixo, desta Terra que eu lle metería hastra as entranas. E logo botaríao aos camiños, a estos camiños qu’eu andei pra que soupese do mundo todo, pra que soupese de todal-as serras e todol-os mares, e pra que nas unhas e nos outros tivese fundas señardás do lar.
V. Camiño da montaña Pancho atopa un mozo afiador. O rapaz ven de Malgrebe, o mesmo lugar onde el naceu, e di ser fillo do valente Pancho de Rábade. Procura desanimalo sen darse a coñecer pero o mozo está decidido a facer a mesma viaxe que Pancho emprendeu cando novo.
Pancho: Volta, meu amigo, volta; é millor nosa fame que a fartura alléa. Non tés mágoa de deixar teus eidos? Volta. Non tés recordos do teu casal? Volta. Non tes medo de andar por vals que nunca ollache, por serras sin camiño?
VI. Pancho chega deica o casal onde vive a súa irmá Rosa de Láncara. Os pais morreron e ela agarda a volta do irmán que marchou da casa sendo novo e forte, e talvez morreu.
Rosa: Si non morreu ten de voltar, ten de voltar un día, ainda que eu non-o vexa. E gostará moito d’ollar todo esto que teño perparado por si unha noite está de Deus que me vaia (...)
Pancho: (...) Olla que entrou o pelengrino, que é do casal, que é o teu irmán. Non me coñeces? Non me coñeces xa? Estou xa tan desfeito? Son eu, Rosa; son eu: Pancho de Rábade.
(1)    Fonte da imaxe de Álvaro das Casas: bvg.udc.es
(2)    Revista Nós nº 82. Outubro de 1930.


Ningún comentario:

Publicar un comentario