domingo, 13 de decembro de 2015

CANCIONEIRIÑO DE COMPOSTELA



CANCIONEIRIÑO DE COMPOSTELA / Xosé Filgueira Valverde
1932
NÓS, Pubricacións Galegas e Imprenta. Hortas, 20. Santiago
28 páx. ; 24 Cm.

A separata exenta Cancioneiriño de Compostela escrita por Xosé Filgueira Valverde foi publicada por Nós en Compostela en 1927.

O texto apareceu previamente nos números 103 e 104 do boletín Nós, nos meses de xullo e agosto de 1932. E precisamente o primeiro destes números, publicado o día de Galiza de 1932, recolle monograficamente o traballo de Filgueira; circunstancia pouco habitual no boletín, que salvo raras excepcións ofreceu contidos variados tanto en xéneros como en colaboradores.

N’esta diada de galeguidade, en que toda a Terra Galega, ergueita n’un pulo baril de rexurdimento, esalta as lembranzas da sua hestoria e folga no ensoño dos seus degoiros, NÓS quer escolmar unha abada lírica de poemas composteláns, en loubanza da nosa cidade sagra, canle e sorbedoiro dos nosos anceios.

En alaudo de Compostela enchen hoxe as nosas páxinas a ourivesaria dos segreles, os labrados milagreiros das Cántigas, as lucencias da noitada barroca, o raiar de abrente dos precursores, o palor estelar de Rosalía, i-este vizoso frolecer de agora, que orballa de espranzas o esprito de Galicia (extraído do limiar do Cancioneiriño).

Revistas Nós nº 103 e 104

O exemplar do Cancioneiriño de Compostela utilizado para escribir esta recensión está dedicado polo autor ao profesor Mendes Correia, en abril de 1935.
 
Pro o Dr. Mendes Correia grande amigo e sabido mestre coa lembranza dunha semá inesquecibre
Filgueira
Porto 6 de abril de 1935

O traballo recolle cancións dedicadas a Compostela desde o medievo até o momento da publicación, e constitúe un corpus descritivo da cidade a través dos ollos dos seus trobeiros e poetas. Nunca antes unha cidade galega merecera unha escolma monográfica coma esta, que de novo sería ampliada polo autor en 1969 dando ao prelo outra máis ampla titulada Cancioneiriño novo de Compostela, publicada en Vigo na colección Pombal da editorial Castrelos, propiedade dos irmáns Xosé María e Emilio Álvarez Blázquez.

A separata comeza falando dos cancioneiros medievais composteláns que xurdiron do contacto entre o xeito lírico autóctono e as influencias chegadas de fóra a través do camiño francés, principalmente occitanas, cando a lingua galega compartiu coa provenzal a hexemonía poética do occidente románico. O Cancioneiro da Vaticana escolma os froitos daquel florecer lírico.

Entre os trobeiros que cantaron a Compostela nos séculos XII e XIII, Filgueira escolle os nomes de Bernal de Bonaval, Airas Nunes, Xohan Airas e o estranxeiro Pero Amigo de Sevilla para trazar o perfil biográfico e escolmar algunhas cantigas:

A Bonaval quero eu, mha señor, ir
e, dés cuand’eu, ora de vos partir,
os meus ollos non dormirán.

   Irme hei, pero me é grave de facer,
e, dés cuand’eu ora de vos toller,
os meus ollos non dormirán.

   Todavía ben será de probar
de m’ir, mais, dés cuand’eu de vos quitar,
os meus ollos non dormirán.

(Cantiga de Amigo 660, Bernal de Bonaval)

O segundo capítulo está dedicado ás Cantigas de Santa María, de Alfonso X, onde Filgueira identifica unha única composición localizada en Compostela, e non na mesma cidade senón “en terra de Santiago”, poñendo de manifesto a case total ausencia das milagres do Apóstolo no cancioneiro. Filgueira apón estas ausencias á posición política que mantivo o rei en contra da igrexa de Compostela.

E de tal razón como esta
un miragre mui fremoso
vos direi, que fez a Virxen
Madre do Rei poderoso,
en terra de Sant-Iago,
en un logar montañoso (...)

No terceiro capítulo Filgueira trata a decadencia, datada no período que vai desde Rodríguez de la Cámara, último elo da corrente iniciada por Bernal de Bonaval, deica o romanticismo. Como representantes da Galicia Barroca, o autor escolma versos do escuro abade de Urdilde e Xil Taboada, estes últimos escritos na honra de Alonso de Fonseca.

Dou a Fonseca Sant-Iago
vida, Fonseca honrou:
que é mais a honra que a vida
o dixo hasta Cicerón (...)

De novo no século XIX a lingua galega recupera a expresión poética cos Precursores, escolmando entre os que dedicaron os seus versos a Compostela poemas de Xosé García Mosquera, Xohan Manuel Pintos, Francisco de la Iglesia e Marcial Valladares.

Tamén, por ser natural de Compostela e pola grandeza da súa obra, Rosalía merece un capítulo á parte e Filgueira escolma os poemas: Na Catedral, En Cornes e San Lourenzo.

No trienio 1872-1875, Sant Iago exerceu un infruxo determiñante sobre a obra de Rosalía. Así a presencia da nosa cidade é vital nas suas mellores páxinas. Maormente son os libros: “Do intimo!” e “Da Terra” onde ten de se facer máis patente esta xurdia presencia.

Os versos de Rosalía e Pondal crearon escola nas letras galegas. O segundo é o poeta humanista, clásico, e a primeira a folclorista e representante do romanticismo. Entre os moitos poetas que xorden arredor das revistas literarias compostelás e os Xogos Florais, Filgueira destaca pola súa relación con Compostela os casos de Lamas Carvajal e Barcia Caballero.

Xa por último, o autor introduce un capítulo titulado Poetas de hoxe, onde indica que os novos poetas entre os que cita a Amado Carballo, Manuel Antonio, Otero Espasandín ou Fermín Bouza, non aluden a Compostela nos seus poemas, senón que reservan os temas composteláns para a prosa. Xa que logo, Filgueira escolma textos dos poetas que devalan entre a xeración dos Xogos Florais e a lírica do seu tempo, e así recolle poemas de Eladio Rodríguez, Avelino Gómez Ledo, Ramón Cabanillas, Julio Dantas, Augusto Casas, Victoriano Taibo, López Abente, Álvaro das Casas, Carballo Calero e Euxenio Montes.

Tanto os temas como a técnica é moi diferente en todos eles. Entre os poemas escolmados está tamén Un novo día, de Gonzalo López Abente, incluído no libro de poemas Nemancos.

Sant Iago: Gran Día:
As lindas estrelas de noite báilano
na anchurosa vía
que no azul branquexa do ceo lonxano.
Lañouse a ferida sanguenta do día
e o gromo bermello do sol pol-o abrente
ergueuse lucente
os mundo enchendo de amor e alegría.
Hosanna! cantaron os bélicos mares
Hosanna! ecoaron os altivos montes.
Hosanna! escoitóuse por antre os pinares,
na i-auga dos ríos e a linfa das fontes.
Abalando no ambente
tremecente,
a fror pura e delicada
de alborada,
despertóuse do sono en que durmía,
e armoñosa, na gaita, â vella usanza,
debullou a canzón de un novo día
envolto no perfume da esperanza.

O traballo péchase cunha mostra de poesía popular representada polo Romance de don Gaiferos e algunhas cantigas populares.

Indo eu para Sant-Iago
na ponte de Sigüeiro
chameille á un vello meu sogro
e saléume verdadeiro!

(1)   Fonte da imaxe de Xosé Filgueira: filgueiravalverde.blogspot.com.es
 

Ningún comentario:

Publicar un comentario