xoves, 19 de novembro de 2015

A MULLER NO CANCIOEIRO GALEGO

A MULLER NO CANCIOEIRO GALEGO / Xaquín Lourenzo Fernández
1932
Nós, Pubricacións Galegas e Imprenta. Hortas, 20. Santiago
17 p ; 27 Cm.

A separata exenta A muller no cancioeiro galego de Xaquín Lorenzo Fernández, foi impresa por Nós en Compostela en 1932.

O texto publicouse previamente no boletín Nós, nos números 98, 99 e 100, entre febreiro e abril de 1932.

O exemplar utilizado para facer esta recensión presenta a particularidade de ser un orixinal de imprenta dos usados por Casal para confeccionar a tirada posterior, que Xaquín Lorenzo entregou ao profesor Antonio Mendes Correia (2), tal e como consta na dedicatoria manuscrita:

Seminario de Estudos Galegos
Santiago
Ao Proff. A. A. Mendes Correia
coa ademiración do Autor
Sant. Yago, 29-11-32

Lorenzo expresa neste traballo a intención de establecer as características da muller galega na cultura popular, a partir das cantigas de gabanza e as de crítica e despeito.

Para recadar os textos, o autor escolma outros cancioneiros, algúns deles inéditos, ordenados entre outros por Pérez Ballesteros, Bouza-Brey, Cotarelo Valledor, López Cuevillas, Antón Fraguas, Lois Tobío e Xurxo Lorenzo.

Revista Nós, números 98, 99 e 100
Entre as cantigas que gaban o amor polas mulleres atopamos exemplos coma estes:

Pasei o mar de Ferrol ◊ ferrolana por te ver; ◊ pasei o mar de Ferrol ◊ a pique de me perder.

Penitencia rigurosa ◊ me deron por querer ben; ◊ si querer ben é pecado ◊ non se salvará ninguén.

C-unha codia de pan quente, ◊ unha sardiña salgada ◊ e un abrazo dunha nena ◊ pasa un home unha somana.

Claro que este amor non sempre é desinteresado.

O carballo que é pequeno ◊ tamén fai pequena sombra; ◊ a rapaza que é bonita ◊ pequena dote lle abonda.

Tamén as mulleres manifestan as súas preferencias no cancioneiro popular.

O zapato quere a media, ◊ a media quere o zapato; ◊ a meniña que é bonita ◊ tamén quer o mozo goapo.

Non te fíes de muller, ◊ anque son muller o digo: ◊ a muller engana ô home ◊ que seña máis entendido.

Unha chea de cantigas rexouban os defectos das mulleres.

Todol-os ánxeles teñen ◊ un anaco de muller; ◊ o demo tamén foi ánxel, ◊ que coidado che hai que tér!
       
Alabado sea Dios, ◊ que xa veu a barateza: ◊ os homes á catro pesos, ◊ as mulleres á peseta (tamén hai unha variación: os homes á catro cartos ◊ as mulleres á peseta).

Moitas cantigas gaban as mozas louras e roxas e outras tantas rexeitan as morenas.

Paxariño millarengo ◊ que estás na punta do toxo, ◊ toma, lévalle esta carta ◊ âs nenas do pelo roxo.

Moreniña, moreniña, ◊ vaite lavar ô cachón, ◊ que por moito que te laves ◊ es morena de nazón.

Anque che son moreniña ◊ eche do polvo da eira; ◊ verasme para o domingo ◊ como rosa na roseira.

Claro que non todo son críticas.

Quedache de vir âs nove ◊ viñeches âs nove e media: ◊ ti non sabes que é pecado ◊ engañar a unha morena.

Outro clásico das cantigas son os ollos das mulleres.

Solo por ver os teus ollos: ◊ que a sede moita non era, ◊ fun â fonte á beber auga ◊ debaixo de unha pereira.

Ollos verdes son celosos, ◊ os negros son churrusqueiros, ◊ pero eu quero os azules ◊ que son mais namoradeiros.

O autor afirma que “Non son partidarios os nosos mozos das delgadas. Ista coalidade, tan alaudada, n-outros cancioeiros, atopa poucos partidarios no noso. En xeral, os mozos, sin gabar âs que son grosas, búlranse das delgadas.”

Eres alta como un pino, ◊ delgada como un chantón: ◊ quen te ha de querer a tí, ◊ demonio de lubión!

Tamén hai cantigas nas que as mozas alardean dos seus amores.

Cinco xustillos teño ◊ de diferente color ◊ e cinco amores tamén ◊ para escollel-o millor.

Anque me vexas con outro ◊ non te afrixas nin te asustes, ◊ que non hai Santo sin ter ◊ ô menos un par de luces.

Anque me vexas casada ◊ non me perdal-o cariño, ◊ que podo quedar viuda ◊ e mais casarme contigo.

Claro que tamén os mozos pagan coa mesma moeda.

Teño un amor na montaña ◊ teño un amor montañés; ◊ teño un amor na montaña, ◊ na ribeira teño tres.

A vaidade merece o escarnio do cancioneiro.

Si tua nai quere reis ◊ na baraxa tenche catro: ◊ rei de ouros, rei de copas, ◊ rei de espadas, rei de bastos.

O despeito é outro dos temas comúns nas cantigas.

Andivecheste alabando ◊ que eu te quería e te quero; ◊ tamén pódeste alabar ◊ que te quixen e te deixo.

Candeleiro de tres luces ◊ non derretal-o metal; ◊ si tí me tiveras lei ◊ eu che sería leal.

Non me fales mal dos homes ◊ que lle quero moito bén: ◊ salalos, salpementalos ◊ e botálos na sartén.

Poucas cantigas fan referencia aos sogros.

Miña nai cando me reñe ◊ peta co pé no sobrado: ◊ ela dí que non quer xenro ◊ e eu xa llo teño buscado.

Tua nai, tua nai, ten a sona ◊ de borracha, pelexa, porcona; ◊ e teu pai, e teu pai tamén tén ◊ de borracho, pelexo, tamén.

Pero si hai unha chea delas que falan da nai.

Miña nai como é moi probe ◊ e non ten pan que me dare, ◊ éncheme a cara de bicos ◊ e despois rompe a chorare.

A través destas cantigas, o autor establece o canon da muller galega na tradición da cultura popular.

O que primeiro sai â vista é a sua côr: a moza galega debe ser loira. Non é preciso que teña loiro o cabelo: bástalle tel-o tipo. A cara, redonda e colorada, anque tamén pode tel-a branca; os ollos, castaños ou cecais tamén azús. Non debe ser alta, antes ben, prefírese baixa e non precisamente delgadas (...) A capacidade amatoria das mozas galegas alarma incruso ôs mesmos galáns que valeiran o seu inxenio en cantigas que critican ésto. Ô lado de ésto, vemos na nosa muller unha gran constancia cando chega á querer firmemente e o seu amor é correspondido (...) Vémol-a tamén como boa filla; anque âs vegadas pareza dar de lado ôs mandados da nai, ésta é querida e respetada por ela. Ante o pai, non manifesta tanto cariño, senon temor (...) Finalmente, como nai, vémol-a aparecer disposta á se sacrificar pol-os fillos, sendo seu agarimo nos momentos difízles da vida.

(1)    Fonte da imaxe de Xaquín Lorenzo: Academia Galega
(2)    António Augusto Esteves Mendes Correia. (Porto, 1888 – Lisboa, 1960). Antropólogo, médico, profesor e político.
 



Ningún comentario:

Publicar un comentario