Por fin comezan a
endereitarse as cousas para Cabanillas, quen por vez primeira desde que chegou
a Madrid semella recuperar o optimismo.
TRANVIA DE
MONDARIZ A VIGO
Sr. D. Enrique
Peinador
Meu querido
Enrique:
Oxe estiven con
Leonardo que tiña carta tua. A miña impresión leial ê a de que si él me non
sirve ninguén me botará unha man. Ê o soio home que, en Madrí, dame a sensación
galega. Creio honradamente que sinte fondamente as nosas cousas e que ten a
visión compreta da Terra nosa. Veréino todol-os días, – desque ô 12 que sairá
para Galicia, – porque él mesmo me dixo que fose pol-o seu despacho. Coido que
fará algo por mín e créme que elo me encherá de ledicia somentes pol-a labazada
que levarán os outros.
Figueroa
esquirbéume para que me apersoase con Prudencio Rovira: faréino mañán.
As cousas
políticas andan medio revoltas. Eiquí dise que Bugallal quixo faguer Ministro a
seu irmán Dario e como Maura non entróu por eso combatiraio, ô xordo, nas
Cámaras: si tal fai D. Antonio pedirá o decreto de disolución ou ben para él ou
ben para os liberaes. Cambó ordenóu o embargo da Diputación de Ourense. E,
agora, na combria de Gobernadores seica lle andarán c-o lombo.
O novo
fotograbador fíxome uns clichés que trucan: estóu moi satisfeito.
Lémbrate de
mín, Esquirbiréiche mais por longo.
Teu de cote,
R Cabanillas
Madrid
5-9-1.921.
Despois
da estadía en Cádiz, o deputado Leonardo
Rodríguez regresa a Madrid e alí recibe a carta de Peinador encomendándolle
a protección do poeta. (1)
Cabanillas
confía nel para obter o traballo que até ese momento se lle negou e agora non se
trata unicamente de conseguir o sustento senón tamén de darlles con el nos
fociños aos que non quixeron axudalo.
Prudencio Rovira (2),
a persoa coa que pretende contactar Cabanillas, foi un xornalista, funcionario
do Ministerio de Gobernación e secretario particular de Antonio Maura. Nesta altura era ademais deputado polo distrito da
Pobra de Trives.
Con
respecto aos ruxerruxes da política madrileña, Cabanillas informa a Peinador
que Gabino Bugallal, ministro de Gobernación
até marzo de 1921, quixo promover o seu irmán Darío, senador vitalicio, ao posto de ministro.
Finalmente
Maura, quen accedeu ao posto de
Presidente do Consello de Ministros en agosto de 1921 despois do Desastre de
Annual, non aceptou as pretensións de Bugallal e permaneceu non cargo até marzo
de 1922. O rexionalista Francesc Cambó
exerceu o cargo de ministro de Facenda no seu goberno.
(1)
Non obstante a súa procedencia catalá e a militancia no partido conservador,
defensores acérrimos do estado centralizado, o deputado por Chantada manifesta
comprensión pola ideoloxía galeguista a diferenza dos deputados de orixe
galega.
(2)
Prudencio Rovira Pita. (Pontevedra, 1870 – Madrid, 1960)