sábado, 15 de abril de 2017

Carta de Ramón Cabanillas 8



Por fin comezan a endereitarse as cousas para Cabanillas, quen por vez primeira desde que chegou a Madrid semella recuperar o optimismo.

TRANVIA DE MONDARIZ A VIGO

Sr. D. Enrique Peinador

Meu querido Enrique:

Oxe estiven con Leonardo que tiña carta tua. A miña impresión leial ê a de que si él me non sirve ninguén me botará unha man. Ê o soio home que, en Madrí, dame a sensación galega. Creio honradamente que sinte fondamente as nosas cousas e que ten a visión compreta da Terra nosa. Veréino todol-os días, – desque ô 12 que sairá para Galicia, – porque él mesmo me dixo que fose pol-o seu despacho. Coido que fará algo por mín e créme que elo me encherá de ledicia somentes pol-a labazada que levarán os outros.

Figueroa esquirbéume para que me apersoase con Prudencio Rovira: faréino mañán.

As cousas políticas andan medio revoltas. Eiquí dise que Bugallal quixo faguer Ministro a seu irmán Dario e como Maura non entróu por eso combatiraio, ô xordo, nas Cámaras: si tal fai D. Antonio pedirá o decreto de disolución ou ben para él ou ben para os liberaes. Cambó ordenóu o embargo da Diputación de Ourense. E, agora, na combria de Gobernadores seica lle andarán c-o lombo.

O novo fotograbador fíxome uns clichés que trucan: estóu moi satisfeito.

Lémbrate de mín, Esquirbiréiche mais por longo.

Teu de cote,

R Cabanillas

Madrid
5-9-1.921.


Despois da estadía en Cádiz, o deputado Leonardo Rodríguez regresa a Madrid e alí recibe a carta de Peinador encomendándolle a protección do poeta. (1)

Cabanillas confía nel para obter o traballo que até ese momento se lle negou e agora non se trata unicamente de conseguir o sustento senón tamén de darlles con el nos fociños aos que non quixeron axudalo.

Prudencio Rovira (2), a persoa coa que pretende contactar Cabanillas, foi un xornalista, funcionario do Ministerio de Gobernación e secretario particular de Antonio Maura. Nesta altura era ademais deputado polo distrito da Pobra de Trives.

Con respecto aos ruxerruxes da política madrileña, Cabanillas informa a Peinador que Gabino Bugallal, ministro de Gobernación até marzo de 1921, quixo promover o seu irmán Darío, senador vitalicio, ao posto de ministro.

Finalmente Maura, quen accedeu ao posto de Presidente do Consello de Ministros en agosto de 1921 despois do Desastre de Annual, non aceptou as pretensións de Bugallal e permaneceu non cargo até marzo de 1922. O rexionalista Francesc Cambó exerceu o cargo de ministro de Facenda no seu goberno.

(1)    Non obstante a súa procedencia catalá e a militancia no partido conservador, defensores acérrimos do estado centralizado, o deputado por Chantada manifesta comprensión pola ideoloxía galeguista a diferenza dos deputados de orixe galega.
(2)    Prudencio Rovira Pita. (Pontevedra, 1870 – Madrid, 1960)

Ningún comentario:

Publicar un comentario