Seis días despois de ter
enviado a carta anterior, Cabanillas contacta de novo con Enrique Peinador para pedirlle que interceda no seu favor diante do
deputado Leonardo Rodríguez.
TRANVÍA DE
MONDARIZ A VIGO
Sr. D. Enrique
Peinador
Querido
Enrique:
Recibín os teus
partes. O primeiro c-un pouco de retraso, mais, de todas maneiras, coido que
Leonardo non chegóu a vir porque no “Faro” e na “Zarpa” lin que andaba por
Cuntis e que cairá por Mondariz. Non sei si, ô fin, chegarías a velo: fose o
que fose, cando lle esquirbas non deixes de falarlle de mín, porque eu sei que
te escoita.
O derradeiro
parte enchéume de ledicia supondo que a festa estaría boa: o soio feito de sere
premiados Pena Novo e Sobrino ê xa un trunfo outísimo porque ¡hai que ver a
xentiña que se presentaba, até agora, a eses concursos! O de Pena Novo sei que
ê unha cousa grande e os de Sobrino, ¡un artista que vale o que vale! de feito
será cousa que encha o deseio galego de atopar o seu tipo de fogar.
Estóuche ben.
Non me apuro. Dios e bo e os homes, a remate, non fan mais que o que él quere.
Coido que de “O Cabaleiro do Sant Grial” farei unha edición que será unha
monada. Xa teño clichés para “Vento mareiro” e “O Mariscal” sairá ben feito.
As cousas
seique andan mal: en Larache déronos un pau que nos valdaron; ô redor de
catrocentas baixas.
Dios nos teña
da sua man. Amén.
Esquirbireiche
con calma.
Sabes canto te
quere teu irmán en vida e morte,
Ramón
Miña
lembranza a todos: a teu irmán moi en especial.
Madrid
¡Terra
a Nosa!
30 Agosto
1.921.
As
novas aparecidas no Faro de Vigo e La Zarpa sitúan a Leonardo Rodríguez en Cuntis
no canto de Mondariz. O deputado non
puido acudir este ano ao balneario de Peinador como tiña previsto, porque desde
Cuntis viaxou a Cádiz por motivos profesionais.
Do
éxito de Lois Peña Novo (1) e Carlos Sobrino (2) temos
información pola revista Mondariz. O número de outubro anuncia os resultados do
primeiro concurso sobre “Temas
interesantes para Galicia”, organizado por Enrique Peinador.
El renacimiento de Galicia se opera visiblemente
sobre firme cimentación: la revista MONDARIZ creyó del caso y del tiempo
inaugurar el presente año una serie de concursos anuales para que os bos e
xenerosos diesen a su tierra los frutos de vigilias e investigaciones en torno
a cuestiones de tanta importancia como son: los medios para crear la
Mancomunidad económica de las cuatro provincias gallegas; la manera de recoger,
conservar y difundir la música gallega y los aspectos aprovechables en la
antigua arquitectura civil de Galicia para que sea pronto un hecho la casa
moderna gallega. (Revista Mondariz, nº 44 – 20.10.1921)
No
acto, celebrado o 27 de agosto de 1921, resultaron premiados Lois Peña Novo pola súa monografía sobre
a Mancomunidade das provincias galegas,
reclamando para Galiza a transferencia de impostos e competencias desde o
Goberno Central, e o pintor Carlos
Sobrino polo traballo sobre A Casa
galega, describindo as calidades do fogar enxebre. O terceiro premio encol da
difusión e conservación da música galega ficou deserto.
Como
xa temos comentado en achegas anteriores, dos tres libros citados por
Cabanillas na carta unicamente sairá da imprenta de Juan Pueyo a segunda edición de Vento Mareiro en novembro de 1921.
O poeta tamén alude aos últimos acontecementos da guerra do
Rif. En concreto Cabanillas fala da ofensiva de Abd el-Krim logo da batalla de Annual, ocorrida en xullo deste
mesmo ano.
Por último, Ramón Cabanillas envía un saúdo para a
familia de Enrique Peinador e particularmente ao seu irmán Ramón, quen participou na xestión do balneario e no labor en prol
da difusión do galeguismo cultural.
(1)
Lois Peña Novo.
(Vilalba, 1893 – Outeiro de Rei, 1967) Membro da Irmandade da Fala e da
comisión redactora do Estatuto de Autonomía de Galiza. Político na II
República. Ensaísta e columnista en prensa.
(2) Carlos Sobrino Buhigas. (Pontevedra, 1885 –
Vigo, 1978). Pintor e ilustrador.
Ningún comentario:
Publicar un comentario