As comunicacións entre
Ramón Cabanillas e Enrique Peinador comezan a espazarse despois da intensidade
dos primeiros días en Madrid. De novo en xuño de 1922, o poeta responde á carta
do amigo desde o Centro de Galicia en Madrid, onde exerce como profesor de
galego con pouco éxito.
CENTRO DE GALICIA. MADRID
SECCIÓN DE ESTUDIOS
SECCIÓN DE ESTUDIOS
25 do Sanxuán
Sr. D. Enrique Peinador
Meu querido Enrique:
Recibín a seu tempo a tua carta, o xiro dos libros e
a fotografía da rolada de San Cibrán de Mouriscados: sairá no número que se
está emprentando de “As Roladas” con un “ordenamento” que pode servir para as
demáis.
Estou que abalo de enleadas e traballos, abafado de
calor e cheo de noxo n-este Madrí dos meus pecados, mais non hai que lle
faguer.
Como non quero metelo no medio dos traballos en
proyeuto vou ver si sai esa letanía que arelas: a mostra que me mandas e unha
cuarteta de versos de seis sílabas e a ela me axunto: si non saisen o teu
gusto, esquirbeme axiña decíndome onde esta a dificultade do encaixe na música.
Sabes canto te quere teu irmán
Cabanillas
Na carta anterior, de 30 de abril, o poeta pedía a Peinador que se sumase á
iniciativa cultural das Roladas, organizando grupos de cativos que debían
pescudar na contorna as manifestacións da cultura popular galega como por
exemplo o folclore, os costumes ou a toponimia.
Por impulso de Peinador constitúese a Rolada denominada “Luar” na escola de
San Cibrán de Mouriscados, en Mondariz.
A expresión do “Madrí dos meus pecados” non é nova. Cabanillas usouna tamén
nunha carta enviada a Álvaro Cebreiro desde a capital pedíndolle debuxos para
ilustrar os seus libros.
Mañán ou pasado che mandaréi os libriños: non o fixen xa porque estou cheo
de traballo e trapalladas n-este Madrí dos meus pecados. (1)
Cabanillas fala así da “vila charca” ou “vila podre”, expresións usadas
polo poeta e, por extensión, habituais na fala común do galeguismo nestes anos,
onde ficou empantanada a súa vida logo de deixar a terra á procura dun futuro
mellor.
Ningún comentario:
Publicar un comentario