xoves, 1 de xuño de 2017

Carta de Ramón Cabanillas 11



Pasaron cinco meses desde que Ramón Cabanillas remitiu a última carta a Enrique Peinador, quen usou as súas influencias para resolver os problemas económicos inmediatos do poeta. En resposta á nota do valedor, Cabanillas dá conta dos acontecementos ocorridos entre finais de novembro de 1921 e abril de 1922.

A carta vai precedida dunha estrela de cinco puntas riscada na marxe superior, símbolo utilizado de vello polos membros das Irmandades para identificarse.

Sr. D. Enrique Peinador

Meu querido Enrique:

¡Canto tempo sin novas túas! Lémbrome sempre, mais ¡qué queres! esta vida, esta miña vida de atafegamentos sin repouso e de iniquedades negras non me deixan nin ser ben criado nin ser home agradecido, – pol-o menos non me consinten parecelo, porque no fondo ti que me coneces sabes que nunca o meu silenzo ê desamor.

En paquete aparte mándoche un exemprar de “Vento mareiro” que mandei encontrar para ti. Da traxedia de esa edición non che quero falar: con ágoas pasadas non moen os muiños: abóndache saber que o Pueyo ê un disgraciado, que estivo a dous dedos da quiebra (e inda coido que non tardará moito en presentala) e que eu inda non vin un real do libro (nin o veréi, pol-as trazas) e que até me custou traballo arrincarlle 50 exemprares para os amigos. Mata, Lugín, Díaz Caneja, Camba, Fernández Flórez, … todos os que traballaban co-él, apartáronse até onde puderon. Ê un camelo; e a Manolita que xa ten unha rapaciña (nada os oito meses do casamento e que según o Alexandro – o home – non ê setemesina) ê outro camelo.

C-o libro mándoche tamén un par de exemprares de “As Roladas”. – Xa me dirás o que che parece da ideia. ¡Con que ledicia vería eu que fixeras unha roladiña en Mondariz! ¡Faima e mándame o retrato dos rapaciños irmandados para pubricar no primeiro númaro que saia! – Si queres, c-o esa firme vontade que Dios che dou farás unha cousa bonita. Todo ê que che caia ben. Eu prégollo a Dios.

Teu irmán pídeme unha cousa para “Mondariz”: mandeille a carta que lerás no númaro que está a saír e xa teño escomenzadas as Lembranzas de que fala a carta: coido que non estarán mal do todo e que terán certa orixinalidade: serán moi sinxelas porque serán verdade e mais que feitos e socedidos refrexarán os meus pensamentos segredos: tiven que buscar a maneira de cangarllas a outro porque si as esquirbise como cousa propia non atoparían moitos creentes.

Lémbrome que me fixeches unha encarga fai tempo, pero por miña nai que está no Ceo che digo que non me recordo do que foi: xa saberías que estiven bastante mal todo o mes de Marzo e parte do de Febreiro (por tres veces caín na cama e a derradeira ben doente) e inda non volvin o meu pois baixei no que vai de ano 6 kilos e medio. Con todo, coido que vou para riba e que si no vran podo pasar un par de meses na Terra poreime como un buxo.

Non te esquezas de mín e cando teñas un istante de vagar mándame o consolo d-unha carta.

Dalle os meus bos recordos a todos os bos amigos.

Xa verás que o Risco estaio faguendo moi ben e que o partido Nacionalista xa ê unha cousa de respeto: eiquí, os que se enteiran, xa comenzan a tomar a cousa con seriedade.

Sabes canto e tan fondamente te quere teu bo amigo
R Cabanillas
30-04-1922
Na esterqueira





A vida do poeta na capital mudou. Por fin conseguiu un traballo que lle permite asegurar o sustento xunto ao deputado Leonardo Rodríguez, probablemente como secretario persoal, obrigado a participar na rebotica da política cortesá e viaxar co deputado á súa circunscrición á procura de votos.

En novembro de 1921 o editor Pueyo deu ao prelo a segunda edición de Vento Mareiro, da cal envía un exemplar a Peinador. Como podemos ver, as relacións entre poeta e editor non acabaron de boa maneira e o poeta aventa os desaires padecidos.

As Roladas foi unha iniciativa ideada por Cabanillas e dirixida aos rapaces, que debían pescudar na contorna das súas parroquias sobre distintos aspectos da cultura popular como a toponimia, tradicións ou folclore, coa intención de proporcionar aos mestres unha ferramenta alternativa para fomentar o uso do galego entre os nenos.

Ao tempo publicáronse en Madrid dous exemplares da folla As Roladas, correspondentes aos meses de maio e xuño de 1922. Na publicación, financiada polos amigos madrileños de Cabanillas, participaron moitos dos escritores e artistas vinculados á causa galeguista.

Cabanillas tamén dá conta a Enrique Peinador do envío dunha nota biográfica de estilo humorístico  ao seu irmán Ramón e que apareceu publicada no número 46 da revista Mondariz, último exemplar aparecido da cabeceira en abril de 1922.

Sr. D. Ramón Peinador Lines.
Meu querido tocaio:
¡De maneira que uns “apuntes autobiográficos” para a revista MONDARIZ!
Non lle vexo xeito.
Salvados os prestixios do caso e o que na comparanza se poida ver de atrevimento, a miña biografía fíxoa Eça de Queiroz cando dixo en gabanza de Ramalho Ortigão: “Não é bacharel e ten saude”.
Eu – gracias a El Señor – tampouco son bachiler e tamén gozo – Dios ma conserve – mais saude que un buxo.
Fora d-eso, seméllome ô home feliz en que non teño camisa e â muller honrada en que non teño historia, sin que vaian mais adiante as semellanzas.
Ben se deixa ver, dimpóis do dito, que a autobiografía que poidera mandarlle tería de rematar tan axiña como fixase a data en que me botaron a este mundo e, cando moito, ó deixar sentado que denantes de ir a escola tiven o sarampón. Arrepare vostede, polo demais, que, si ben se mira, das cousas que lle soceden os homes na vida pódense faguer duas moreas: as do maior quiñón son as que lle non importan â xente; e as do lote mais pequeno, por comenencia ou por vergoña, ninguén as conta a direitas.
Con todo, como eu non lle podo negar nada a vostede e “Mondariz” é unha das miñas outas devocións, imos chegar a un arregro.
Teño un vello amigo que, por mais que nos levamos ben pois metéuseme na chola que non ten os cinco cabales, nunca de min se arredou. Ô longo dos seus días foi tomando conta, sin xeito nin ordenamento, como poido e como soupo, das suas inquedades e dos seus tropezos, dos pensamentos que o ferían, das sombras que o envolveron, dos soños que o bicaron e das volvoretas e os morcegos que voaron ô seu arredor.
Anda agora atafegado no enfiamento de verbas e cavilosidades e, si a vostede lle compre e é do seu gusto, conte con que folla tras folla âs suas mans terán de ir os apuntes do meu compañeiro, que levan esta liña por cabeceira: Lembranzas dun home que non se atopa a si mesmo.
Seu de cote, con fonda e fina amistade,
RAMÓN CABANILLAS.
En Madrí, o 1º do abril do 1922.

Ningún comentario:

Publicar un comentario